O recoñecemento de Castelao: do simbólico ao xurídico

Castelao, retratado polo fotógrafo portugués José Mesquita nunha imaxe conservada no arquivo da RAG e datada nos anos 30 do século pasado CC-BY-SA Arquivo RAG

1. O pasado 27 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia aprobaba a “Declaración institucional da Xunta de Galicia: 2025, ano de Castelao”.

Tratábase dunha “moción ou proposta” do Goberno galego: un acto de goberno de natureza xurídica discutida e polémica, por ser expresión da denominada “actividade declamatoria” das Administracións Públicas, tamén coñecida como “government speech” no ámbito norteamericano.

Declaración institucional da Xunta de Galicia: 2025, ano de Castelao ©

As mocións do goberno galego carecen de regulación xurídica. Por iso trátase de actividade declamatoria: porque, ao non adoptar ningunha forma xurídica específica, non produce efecto xurídico ningún. Son notas de prensa ritualizadas, cuxo efectos son puramente “políticos”, destinados a dotar de munición os gabinetes de prensa nas duras guerras da opinión pública (e electoral)

Ainda que as mocións están reguladas na Constitución (artigo 111.2) e nos regulamentos parlamentarios e nas normas de funcionamento dos plenos municipais como formas específicas de expresión da posición dos órganos da representación popular, as mocións do goberno galego carecen de regulación xurídica: nin aparecen mencionadas na Lei 1/1983, da Xunta e da súa Presidencia. Tampouco aparecen na Lei reguladora do Goberno central.

Por iso se trata de actividade declamatoria: porque, ao non adoptar ningunha forma xurídica específica, non produce efecto xurídico ningún. Son notas de prensa ritualizadas, cuxo efectos son puramente “políticos”, destinados a dotar de munición os gabinetes de prensa nas duras guerras da opinión pública (e electoral). Esa é a razón de que o resumo do Consello da Xunta de Galicia coincida literalmente coa noticia publicada no portal da Consellaría de Cultura e Xuventude. Porén, os acontecementos do Procès catalán puxeron de manifesto que, lonxe de careceren de efectos xurídicos, a actividade declamatoria pode ser declarada ilegal e mesmo constitutiva de actividades delitivas. Por iso hoxe a xurisprudencia sobre este tipo de actividades é cada vez máis restritiva.

A política de recoñecemento “declamatorio”, simplemente simbólico, de Castelao ven sendo unha constante da andaina autonómica

2. A política de recoñecemento “declamatorio”, simplemente simbólico, de Castelao ven sendo unha constante da andaina autonómica. Todos, desde a esquerda até a dereita, admiten que Castelao é, en maior ou menor medida, un verdadeiro Pai da Patria. A partir daí, por suposto, comezan as discrepancias.

A dereita galega nunca renunciou a usufrutuar a forte carga emocional que a figura de Castelao segue a transmitir; pero procurou producir un relato cultural, de “concordia” e “harmonía”, que asumía a sutil desactivación do significado político de Castelao como nacionalista democrático galego exiliado para salvar a vida fronte á ditadura militar fascista instaurada tras a Guerra Civil. 

©

O nacionalismo político organizado no BNG reclámase históricamente como o único herdeiro político lexítimo

Na outra banda, o nacionalismo político organizado no BNG reclámase históricamente como o único herdeiro político lexítimo, reivindicación plasmada na coñecida consigna “Castelao é noso!”, hoxe mesmo convertida no título dun recente ensaio de Xosé Luís Méndez Ferrín. 

Non é, pois, de extrañar que este ano Castelao vaia ser un escenario de confrontación política entre herdeiros que se odian mutuamente. Algo máis profundamente galego ainda que Castelao.

Esta política simbólica da autonomía galega caracterízase por estar amplamente desconectada das políticas de memoria democrática e de xustiza transicional

3. No entanto, interésame agora sinalar que desde o famoso enterro dos restos de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres en xuño do 1984 até a política premial das medallas de ouro creadas en 1984, e as medallas de Galicia de 1991, que acabarían chamándose oficiosamente como medallas Castelao, esta política simbólica da autonomía galega caracterízase por estar amplamente desconectada das políticas de memoria democrática e de xustiza transicional

A continuación, argumentarei que esta desconexión fai que a discusión política sobre o recoñecemento de Castelao siga transcorrendo polos camiños do puramente simbólico (e por tanto, do emocional), sen poder entrar con pé firme no terreo da efectividade xurídica.

'Castelao é noso', X. L. Méndez Ferrín © Alvarellos

Esta desconexión fai que a discusión política sobre o recoñecemento de Castelao siga transcorrendo polos camiños do puramente simbólico (e por tanto, do emocional), sen poder entrar con pé firme no terreo da efectividade xurídica

4. Como é sabido, no noso país o único efecto xuridico propio da xustiza transicional foi o recoñecemento constitucional do plebiscito do Estatuto de Autonomía republicano de 1936 como manifestación cualificada da vontade histórica de autonomía que permitíu acceder a Galicia ao selecto clube de nacionalidades históricas e, con ela, á vía rápida de acceso á autonomía baixo a Constitución de 1978. 

Por desgraza, o clima de amnesia transicional da época levou a que o noso Estatuto de Autonomía de 1981 non incluíse ningunha referencia á lexitimidade das institucións republicanas: limitouse a esquecer o pasado e mirar cara o futuro. Durante a andaina autonómica, o noso Parlamento non foi quen de producir leis propias de xustiza transicional. Apenas un exemplo: fronte á Lei estatal 24/2006, que declarou o 2006 Ano da Memoria Histórica, nós só pudemos lograr que fose a Xunta a que acordara esa conmemoracion. 

O clima de amnesia transicional da época levou a que o noso Estatuto de Autonomía de 1981 non incluíse ningunha referencia á lexitimidade das institucións republicanas: limitouse a esquecer o pasado e mirar cara o futuro

5. Contodo, en aquel período do 2005-2009 cobraron forza os movementos sociais e memorialísticos que acabaron cristalizando en dúas Leis, a 50/2007, de memoria histórica, posteriormente reemprazada pola 20/2022, de memoria democrática. Ambas leis fixeron pasar por fin dunha política simplemente simbólica ou declamatoria de recoñecemento do noso pasado histórico, a unha política activa de xustiza transicional, densamente regulada e produtora de efectos xurídicos de diversa índole

A teima negacionista do Partido Popular de Galicia a avanzar neste terreo, provocou que o noso país careza ainda hoxe de medidas legais ao respecto. 

 

6. Volvendo agora á Lei 20/2022, alguén debería dar unha explicación de por que o Consello de Galiza non aparece entre o elenco de vítimas da Ditadura que merecen recoñecemento e reparación de conformidade co seu artigo 3.5. Este precepto incluíu as institucións de autogoberno de Cataluña e Euskadi grazas á emenda de Miriam Nogueras e Josep Pagès (Junts), mais non se incluíu o Consello de Galiza. Non me consta que o BNG fixera ningunha emenda ao respecto para dar este debate.

BOE artigo 5 ©

Alguén debería dar unha explicación de por que o Consello de Galiza non aparece entre o elenco de vítimas da Ditadura que merecen recoñecemento e reparación

Ausente este recoñecemento legal, enténdese que o punto primeiro da Proposición non de Lei presentada polo BNG o 23 de decembro do 2024 –recoñecer de maneira oficial a Castelao como primeiro presidente de Galiza e ao Consello de Galiza como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea– sexa altamente problemático. Daí o seu rexeitamento no Pleno do Parlamento do pasado 28 de xaneiro.

Este primeiro punto pretende superar a conmemoración histórica ou declamatoria para chegar ao recoñecemento oficial; é dicir, pretende xerar efectos xurídicos de recoñecemento e reparación cuxo fundamento e alcance, sen embargo, non se aclaran. Mais, como sabemos, para iso non é suficiente a actividade declamatoria. É preciso unha norma, cando menos, con rango legal. Daí o carácter contraditorio desta PNL. 

Castelao BNG ©

Estamos perante un debate esencialmente xurídico: o que podemos recoñecer retroactivamente do Consello de Galiza e a súa presidencia como medida de reparación histórica con efectos xurídicos. Na miña opinión, en ausencia de Lei da Memoria Democrática de Galicia, e diante do silencio da Lei 20/2022, a marxe é moi escasa

Non estamos, en consecuencia, perante un debate apenas historiográfico ou simbólico-político, ou emocional, sobre a natureza institucional do Consello de Galiza, ou a súa representatividade democrática e lexitimidade política. Estamos perante un debate, tamén, esencialmente xurídico: o que podemos recoñecer retroactivamente do Consello de Galiza e a súa presidencia como medida de reparación histórica con efectos xurídicos. Na miña opinión, en ausencia de Lei da Memoria Democrática de Galicia, e diante do silencio da Lei 20/2022, a marxe é moi escasa. 

O actual debate político sobre un recoñecemento oficial do Consello de Galiza e o seu Presidente debe reconducirse á senda da modificación da Lei 20/2022. Non podemos agardar avances xuridicamente sólidos nin das inconsistentes teorías sobre fideicomisos democráticos, por moi esgrevios que fosen os seus inspiradores (Lois Tobío), nin tampouco das mocións municipais declamatorias impulsadas polo BNG, que corren o risco de seren anuladas na xurisdición contenciosa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.