Así foron as derradeiras horas da Casa de Galicia de Montevideo: o hospital da colectividade galega pecha despois de 104 anos

Derradeiro día de actividade do Hospital da Casa de Galicia © Casa de Galicia se mueve

Dende había semanas sabíase que o xoves 31 de marzo ía ser o derradeiro día da Casa de Galicia de Montevideo. A histórica entidade fundada pola colectividade galega en 1917 e que chegou a converterse nun dos hospitais máis importantes do Uruguai pechou ese día definitivamente as súas portas, despois de anos dunha xestión nefasta que o levou a acumular débedas millonarias

O xoves 31 de marzo o sanatorio Casa de Galicia pechou as súas portas definitivamente

A pesar do carácter inevitable e irreversible do peche, o xoves foi un día de enorme tristura para os milleiros de socios e socias (máis de 40 mil, a maioría con ascendencia galega) que a entidade conservou ata o final. E tamén para os arredor de 2.500 traballadores e traballadoras. Moitos deles achegáronse ao longo do día ata a sede central da entidade para despedirse e para cruzar por última vez as portas dun sanatorio onde durante décadas naceron, estiveron ingresados ou traballaron.

Persoal de Casa de Galicia despediuse da institución o pasado xoves 31 © Casa de Galicia se mueve

Nestas derradeiras horas repetíronse as críticas contra os últimos xestores da institución, en especial o último presidente da Casa de Galicia, Alberto Iglesias. E tamén contra os responsables do Ministerio de Saúde

Nestas derradeiras horas repetíronse as críticas contra os últimos xestores da institución, en especial o último presidente da Casa de Galicia, Alberto Iglesias, no cargo dende 2018, e que é acusado de diversas irregularidades que puideron empeorar a xa difícil situación económica do sanatorio. Iglesias foi deputado e alto cargo do Partido Colorado -na actualidade socio minoritario do goberno conservador do país. As críticas diríxense tamén contra o Goberno e o Ministerio de Saúde uruguaio pola xestión do proceso de liquidación da entidade. 

Os socios e socias foron distribuídos e distribuídas entre outras mutualistas privadas, o mesmo que o persoal non médico. Pola súa banda, persoal médico continúa a negociar o seu futuro 

Pero, máis aló das críticas, nestes últimos momentos houbo sobre todo mostras de solidariedade aos traballadores e traballadoras e moitas bágoas pola constatación da fin dunha historia centenaria. Había, ademais, quen aínda mantiña algunha esperanza de evitar a clausura, en base aos recursos xudiciais presentados, que aínda tardarán varios meses en resolverse. Con todo, dende hai semanas sábese que tampouco esta vía podía evitar o peche, como tampouco as posibles ofertas que podían estar sobre a mesa, como a de Ribera Salud

Entrada do hospital da Casa de Galicia © Casa de Galicia se mueve

O edificio do hospital venderase por un prezo mínimo de 20 millóns de dólares e semella haber xa dúas ofertas

Os socios e socias foron distribuídos e distribuídas entre outras mutualistas privadas da capital uruguaia e o persoal non médico tamén pasará a traballar na súa meirande parte nestas outras clínicas. Pola súa banda, persoal médico continúa a negociar o seu futuro de cara igualmente á súa integración neste conxunto de centros sanitarios privados. Os médicos pedían que se contratasen 21 cada mil socios derivados a cada empresa, pero estas propoñen unicamente a contratación de cinco por cada mil persoas que pasen a cada nova clínica.

Segue sen saberse nada do futuro do rico patrimonio cultural que atesoura a sociedade

Tamén parece que se vai aclarando o destino do edificio que ata agora acolleu o sanatorio, para o que se propuxo un prezo de saída duns 20 millóns de dólares e co obxectivo de que continúe a ter usos sanitarios e para o que xa habería dous compradores interesados, un deles o propio grupo Ribera Salud, que podería aproveitar a infraestrutura para asentarse no país, aínda que xa cunha identidade nova, totalmente desvinculada da historia e funcionamento da Casa de Galicia.

Por outra banda, segue sen saberse nada do futuro do rico patrimonio cultural que atesoura a sociedade, entre o que destaca a escultura da 'Santa' de Asorey, ademais dunha biblioteca e obras de Colmeiro e outros artistas galegos.

As persoas sociais despediron a Casa de Galicia con globos © Casa de Galicia se mueve

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.