O sanatorio da Casa de Galicia, en Montevideo, é unha das institucións máis importantes creadas pola emigración galega no exterior. Foi fundada en 1917 co nome de Sociedad de Instrucción, Recreo, Beneficencia, y Asistencia Médica Colectiva Casa de Galicia e co impulso principal de José María Barreiro, que procedía de Baiona.
Nas últimas semanas, socios e persoal reclamaron por todas as vías que se explorasen fórmulas para a continuidade do sanatorio. Porén, a disolución da Casa de Galicia semella seguir sendo o destino máis probable para a institución centenaria
Durante máis dun século de actividade a Casa de Galicia converteuse nun dos centros hospitalarios máis importantes do país, construíndo en 1957 a súa actual sede, no Barrio Prado de Montevideo. A institución conta, ademais, cunha sede social na avenida 18 de Julio, a máis importante de Montevideo, que inclúe o Instituto Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao. Nas últimas décadas a entidade foi acumulando débedas millonarias, entre denuncias de irregularidades, unha situación que a levou a ser intervida polo goberno uruguaio en tres ocasións, a última o pasado outono. Finalmente, o pasado mes de decembro un xuíz ordenou a súa disolución, coa oposición da maior parte dos seus 45.000 socios e socias e dos seus arredor de 2.500 traballadores e traballadoras e a pesar da confianza expresada polo presidente Núñez Feijóo na súa continuidade.
Este venres o Ministerio de Saúde presentou un proxecto de lei para distribuír as persoas socias de Casa de Galicia entre outras entidades sanitarias
Nas últimas semanas, socios e persoal reclamaron por todas as vías que se explorasen fórmulas para a continuidade do sanatorio. Levaron a súa protesta ás rúas, principalmente ante a sede do hospital e tamén ante a residencia do Presidente da República, afondaron na procura de posibles compradores para o sanatorio e pediron que non se desbotase a opción de que o Estado uruguaio se fixese cargo da entidade. Porén, a disolución da Casa de Galicia semella seguir sendo o destino máis probable para a institución centenaria.
Os 45.000 socios e socias da Casa de Galicia repartiríanse entre outras entidade mutualistas privadas (Círculo Católico, Hospital Evangélico, Universal e Cudam)
Este venres o Ministerio de Saúde uruguaio presentou un proxecto de lei que faculta a realizar unha distribución de persoas socias de Casa de Galicia entre outras entidades sanitarias "coa fin de evitar migración masiva e intempestiva de socios".
O Goberno uruguaio certifica así o que dende había días se daba por suposto. Como publicaba a pasada semana o xornal La Diaria, os 45.000 socios e socias da Casa de Galicia repartiríanse entre outras entidade mutualistas privadas con presenza no oeste de Montevideo (Círculo Católico, Hospital Evangélico, Universal e Cudam). Tamén se repartiría unha parte dos traballadores, mentres que outros serían xubilados e unha parte pasarían a cobrar o paro. O proxecto está pendente da súa aprobación que, de confirmarse, suporía o adeus definitivo á Casa de Galicia.
Outra das opcións era que o sector público se fixese cargo do sanatorio a través da Administración de los Servicios de Salud del Estado (ASSE), unha posibilidade que mesmo foi avalada publicamente polo presidente da ASSE
Outra das opcións era que o sector público se fixese cargo do sanatorio a través da Administración de los Servicios de Salud del Estado (ASSE), unha posibilidade que mesmo foi avalada publicamente polo presidente da ASSE, que apostaba por este "reforzo da atención de saúde pública" e que era reclamada polo Frente Amplio, agora na oposición, e polos sindicatos.
Porén, o camiño máis probable é a fragmentación e disolución da Casa de Galicia, unha opción que conta coa frontal oposición dos socios e socias e dos traballadores e traballadoras, que lle reclaman ao presidente uruguaio, Lacalle Pou, que cumpra co compromiso que adquiriu o día que o Goberno decidiu a intervención do sanatorio: que a Casa de Galicia “seguirá existindo”. Ao longo do mes de xaneiro sucedéronse as mobilizacións nas rúas de Montevideo, con faixas nas que se podía ler "No al cierre de Casa de Galicia”, "No se va, Galicia no se va”, e coa interpretación, ao final das marchas, do himno galego ao son dunha gaita.
En outubro o presidente uruguaio, Lacalle Pou, comprometeuse ante o persoal, as persoas socias e o propio presidente galego, Núñez Feijóo, en que a Casa de Galicia “seguirá existindo”
Alén do futuro da entidade, nas últimas semanas seguiron estando sobre a mesa as críticas á xestión realizada polo último presidente da Casa de Galicia, Alberto Iglesias, no cargo dende 2018, e que é acusado de diversas irregularidades que puideron empeorar a xa difícil situación económica do sanatorio. Iglesias, que foi deputado e alto cargo do Partido Colorado -na actualidade socio minoritario do goberno conservador do país-, afirma que responderá ás "difamacións" dirixidas contra el nas últimas semanas.
As críticas de Iglesas proceden non só dunha parte dos socios e traballadores, que lle esixen responsabilidade, senón do propio Goberno uruguaio, que afirma ter detectado “múltiples e presuntas irregularidades".