O sanatorio Casa de Galicia de Montevideo, fundado pola colectividade galega no Uruguai no ano 1917, e que durante décadas foi unha institución sanitaria de referencia no país, avanza cara á súa desaparición. A finais de outubro, tras entrar en concurso de acreedores, o Goberno uruguaio decidiu a súa intervención debido ás débedas acumuladas pola empresa, que aínda daba servizo a milleiros de pacientes, sumando máis de 43.000 persoas socias e arredor de 2.500 traballadores e traballadoras.
O sanatorio Casa de Galicia de Montevideo, fundado pola colectividade galega no Uruguai no ano 1917, e que durante décadas foi unha institución sanitaria de referencia no país, avanza cara á súa desaparición
Porén, os encadeamento de sucesos nas últimas semanas fan cada vez máis difícil a supervivencia da entidade. A intervención pública, que buscaba investigar a situación da mutualista e manter a súa actividade, foi anulada o pasado 18 de novembro por decisión xudicial, que resolveu que a Casa de Galicia pasase a concurso. Un mes máis tarde, o 23 de decembro, o mesmo xuíz decidiu o peche definitivo da entidade, nunha acción criticada tanto polo goberno uruguaio como pola oposición do Frente Amplio como polos propios socios e traballadores.
O sanatorio foi intervido polo Goberno uruguaio en outubro, pero un xuíz decretou o cese das súas actividades, deixando no aire a atención sanitaria ás máis de 43 mil persoas socias e máis de dous mil empregos
Nos últimos días as persoas asociadas e o persoal están comezando a mobilizarse reclamando solucións e a continuidade do sanatorio. Ademais da realización de asembleas e xuntanzas, o pasado 29 de decembro varios centos de socios e socias reuníronse ás portas da institución, anunciando que presentarán un recurso de amparo ante a Xustiza para reverter os efectos da sentenza xudicial que pon o peche ao sanatorio. Ademais, levaron a cabo unha sentada pacífica ante a residencia do Presidente da República, Luis Lacalle Pou. O vindeiro 15 de xaneiro está convocada unha nova asemblea de socios e socias, de novo ás portas da institución.
O peche, de confirmarse, sumaríase a unha sucesión nos últimos anos de crises, clausuras ou vendas de varias das máis importantes institucións e entidades creadas pola colectividade galega en América, algunhas de enorme importancia económica e social, ademais de simbólica. Por exemplo, hai dous anos e medio o Centro Galego de Bos Aires perdeu a súa sede histórica.
Á espera de que se resolva definitivamente a súa disolución, o sanatorio de Casa de Galicia vai ser xestionado pola Administración de Servizos de Saúde do Estado (ASSE), mentres os servizos de urxencias e as persoas internadas seguirán coa asistencia actual nesta "etapa de transición”
De momento, e á espera de que se resolva definitivamente a súa disolución, o sanatorio de Casa de Galicia vai ser xestionado pola Administración de Servizos de Saúde do Estado (ASSE), mentres os servizos de urxencias e as persoas internadas seguirán coa asistencia actual nesta "etapa de transición”, segundo anunciou o Ministro de Saúde Pública, Daniel Salinas, en declaracións recollidas polo xornal La Diaria.
Aínda en outubro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo manifestábase confiado nunha resolución favorable da crise da Casa de Galicia, afirmando que a intervención do Goberno de Uruguai sería temporal e breve, como de feito así foi, aínda que nun sentido distinto ao pretendido. Núñez Feijóo subscribiu “as palabras do presidente Lacalle de que Casa de Galicia ten que seguir sendo Casa de Galicia”, algo que agora está en serias dúbidas. “Somos conscientes da importancia que ten este centro para a colectividade galega”, di Feijóo, xa que “é un dos mellores hospitais de Montevideo e Uruguai”, dicía nese momento o presidente da Xunta.
Aínda en outubro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo manifestábase confiado nunha resolución favorable da crise da Casa de Galicia
En realidade, a intervención do Goberno uruguaio durou pouco máis dun mes. A decisión xudicial de decretar o concurso voluntario da entidade apartou da xestión ás persoas interventoras que foran designadas polo Executivo. Aínda que o xuíz dispuxo un período transitorio de 30 días para realizar o traspaso ordenado da xestión, o Goberno uruguaio abandonou abruptamente a intervención administrativa, criticando duramente a decisión adoptada polo maxistrado, cualificándoa de “inconveniente” e “inoportuna”. Nos días seguintes produciuse un duro cruce de acusacións entre o Goberno e o xuíz, que acusou o Executivo de "non cumprir co seu deber", criticando que o Ministerio "nin sequera facilitou á Sindicatura os informes realizados durante a intervención administrativa polos interventores por esta designados".
Na súa sentenza, o xuíz subliñou que “a situación económico-financeira da Casa de Galicia é de extrema gravidade e arrástrase dende hai 18 anos, sen dúbida unha agonía empresarial dunha duración temporal absolutamente inusitada”. A entidade fora previamente intervida polo Estado en dúas ocasións (2003 e 2006), pero mantivo as súas débedas, presentando este pasado mes de decembro un saldo negativo de máis de 100 millóns de pesos uruguaios, uns dous millóns de euros.
Na súa sentenza, o xuíz subliñou que “a situación económico-financeira da Casa de Galicia é de extrema gravidade e arrástrase dende hai 18 anos, sen dúbida unha agonía empresarial dunha duración temporal absolutamente inusitada”
Mentres, continúa aberto o proceso de investigación aberto contra a directiva, presidida por Alberto Iglesias dende o ano 2018. O Ministerio de Saúde Pública denuncia a existencia de distribución de cheques sen fondos, irregularidades en contratacións e apropiación indebida. A denuncia xurdiu do estudo realizado polos interventores designados polo Goberno uruguaio durante a intervención do sanatorio, que detectaron “múltiples e presuntas irregularidades". O Executivo cuestiona, entre outros aspectos, que a pesar das millonarias débedas que arrastraba a institución, a súa última directiva levou a cabo importantes gastos e investimentos, non sempre xustificados e que, dende logo, a entidade non se podía permitir.
Cómpre sinalar, así mesmo, as conexións políticas de Alberto Iglesias, moi vencellado ao Partido Colorado (formación neoliberal que na actualidade forma parte, como socio minoritario, do Goberno conservador uruguaio). Iglesias foi deputado do Partido Colorado, director Nacional de Industrias, presidente do Banco de Seguros do Estado e mesmo precandidato á Presidencia da República no ano 2004.
Continúa aberto o proceso de investigación aberto contra a directiva, presidida por Alberto Iglesias dende o ano 2018
Prescisamente Alberto Iglesias, que nos últimos meses non realizara declaracións nos medios de comunicación nin intervencións para dar a súa versión do sucedido, reapareceu publicamente esta semana para negar as "difamacións” que -afirma- se están a realizar sobre el. A través dunha carta nun medio de comunicación, explicou que o seu estraño silencio se debeu a unha sucesión de intervencións cirúrxicas.
Continúa aberto o proceso de investigación aberto contra a directiva, presidida por Alberto Iglesias dende o ano 2018. O Ministerio de Saúde Pública denuncia a existencia de distribución de cheques sen fondos, irregularidades en contratacións e apropiación indebida
O peche definitivo da Casa de Galicia, decretado polo xuíz o pasado 23 de decembro, implica “o cesamento inmediato de actividades”, agás no que atinxe aos servizos de institutos de medicamento altamente especializado, que son unha fonte importante de ingresos para a institución. O peche abrangue a atención ambulatoria, a atención dos pacientes internados e a derivación a outros centros de saúde.
Que vai pasar, polo tanto, cos actuais usuarios e usuarias da institución, que suma aínda máis de 43 mil socios e socias? O máis probable é que sexa distribuídos entre outras institucións de saúde privada da cidade, algo que moitos dos asociados observan con receo, esixindo que cando menos lles deixen escoller entre varios seguros privados.
Nos últimos días un grupo de socios e socias anunciaron a existencia “dun proxecto de investimento” dun grupo europeo “de primeiro nivel” que estaría disposto a mercar o conxunto da Casa de Galicia
O esquerdista Frente Amplio, que gobernou o país entre 2005 e 2020, actualmente na oposición, presentaron un proxecto de lei que permita a ASSE (Administración dos Servizos de Saúde do Estado) adquirir a infraestrutura da Casa de Galicia, de xeito que os afiliados e afiliadas pasasen a formar parte do Fondo Nacional de Saúde de ASSE.
De igual xeito, nos últimos días un grupo de socios e socias anunciaron publicamente a existencia “dun proxecto de investimento” dun grupo europeo “de primeiro nivel” que estaría disposto a mercar o conxunto da Casa de Galicia, incluíndo a débeda, os contratos dos asociados e tamén mantería os actuais postos de traballo. Porén, de momento non ofreceron máis detalles.