A actual directiva do centro creado pola emigración galega atribúe a situación a anteriores xestores e lamenta non recibir máis axuda do executivo uruguaio, que di querer “preservar a institución e a súa identidade”
O que ocorreu co hospital do Centro Gallego de Bos Aires, pero agora na outra beira do Río da Prata. O Ministerio de Saúde Pública de Uruguai anunciou este mércores a intervención de Casa de Galicia, institución creada pola emigración galega en 1917 e hospital de referencia no país situado no norte da cidade de Montevideo e con varias clínicas noutros lugares.
As perdas acumuladas nos últimos anos malia sucesivas axudas do Estado uruguaio son o motivo declarado da intervención, que se produce despois de que a pasada semana a propia institución solicitase un concurso de acredores. A actual directiva do centro, que tomou posesión en 2018, atribúe a anteriores xestores a súa difícil situación e lamenta non recibir máis axuda do goberno uruguaio, que pola súa banda di querer “preservar a institución e a súa identidade”.
Segundo o Ministerio de Saúde Pública, a súa intervención ten “un prazo máximo dun ano” e o seu obxectivo é “garantir a debida asistencia médica dos usuarios da institución” e “a protección dos postos de traballo”. O ministerio sinala que “nos últimos cinco anos a institución perdeu o 20% dos afiliados”, situación que lembra á do hospital do Centro Gallego de Bos Aires, con socios e socias de avanzada idade que van falecendo. Igualmente, “os últimos seis exercicios consecutivos foron deficitarios, o que evidencia severos problemas de xestión”, argumenta o ministerio, que cifra en 76 millóns de dólares o endebedamento do hospital.
Segundo o ministerio uruguaio, a institución ten unha débeda de 76 millóns de dólares, os seus últimos seis exercicios foron deficitarios e nos últimos cinco anos perdeu o 20% dos afiliados
Nos últimos anos sucesivos gobernos uruguaios foron achegando diversos tipos de axudas económicas á institución, pero esta, segundo ministerio, “non cumpriu a maior parte das metas propostas nos plans presentados”. Malia esta situación, o ministro, Daniel Salinas, di que vai “poñer todo o empeño e a vontade política de preservar a institución, a súa identidade, a calidade asistencial aos seus socios e a protección das fontes laborais”.
Pola súa banda, desde Casa de Galicia a súa xunta directiva, encabezada por Alberto Iglesias, lembra que asumiu as responsabilidades do centro en outubro de 2018 “nunha situación moi comprometida cun endebedamento de máis de 64 millóns de dólares”. “Non obstante a Xunta Directiva realizou inxentes esforzos para a transformación da institución e a mellora dos seus resultados, incluíndo a realización dunha auditoría da xestión médica en febreiro de 2019 por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia”, a partir da que se realizaron diversas mudanzas na atención sanitaria e investimentos para mellorala. Segundo a directiva da institución, a falta de atención por parte do ministerio de diversas peticións de axuda realizadas nos últimos tempos levárona á solicitar o concurso de acredores que agora ten como resposta a intervención.
Segundo ladiaria.com, que realiza nesta peza unha ampla análise do ocorrido nos últimos tempos con Casa de Galicia, a intervención prodúcese no marco de disputas entre varios organismos sanitarios do Uruguai, cun goberno de centro dereita encabezado por Luis Lacalle pero conformado por varias tendencias políticas distintas, e acusacións de persecución sindical e débedas cos traballadores por parte do hospital.
Casa de Galicia vén recibindo axudas da Xunta e outras administracións e hai dous anos cedeu temporalmente a escultura da 'Santa' de Asorey, da súa propiedade, para unha mostra no Gaiás
Casa de Galicia vén recibindo desde hai anos diversas axudas da Xunta, pero tamén doutras administracións galegas ou estatais como a Deputación da Coruña. Á auditoría realizada polo Sergas dos seus servizos sanitarios en 2019 que menciona a súa directiva hai que engadir sucesivas axudas para atención médica e farmacéutica de galegos e galegas sen recursos, bonificación das súas cotas como mutualistas da institución, obras menores ou mesmo formación profesional durante o Goberno de PSdeG e BNG.
En xaneiro do pasado ano o presidente Feijóo realizou unha visita a Casa de Galicia na que inaugurou obras realizadas no denominado "Sanatorio Fundacional, unha estrutura de más de cen anos reciclada e acondicionada para localizar un museo histórico de Casa de Galicia, como forma de preservar o noso patrimonio", salienta a institución. Nesa visita o presidente agradeceu que a institución cedese temporalmente a escultura da Santa de Asorey, da súa propiedade, para exhibila na mostra Galicia, un relato no mundo que acolleu a cidade da Cultura entre 2019 e 2020.