Tras anos de axudas por parte da Xunta o presidente galego salienta que é unha “entidade privada” e obvia o futuro do patrimonio cultural
“Teño a palabra do presidente Lacalle e fíome”. Así amosou este venres o presidente Feijóo a súa confianza en que a intervención por parte do goberno de centro dereita de Uruguai da mutualidade sanitaria Casa de Galicia de Montevideo anunciada o mércores será temporal, dun máximo dun ano segundo o Ministerio de Saúde Pública uruguaio. A institución, creada pola emigración galega, acumula anos de perdas e débedas.
Este venres Feijóo foi preguntado polo seu posible coñecemento previo do agora ocorrido coa Casa de Galicia e sobre se a Xunta prevé algún tipo de contacto para protexer as pezas de valor patrimonial que poidan verse afectadas. A resposta do presidente comezou asegurando que este tipo de entidades creadas pola emigración galega “forman parte dos intereses e as preocupacións da Xunta”, pero engadiu a continuación que son “entidades privadas”. “Somos conscientes da importancia que ten este centro para a colectividade galega”, dixo, xa que “é un dos mellores hospitais de Montevideo e Uruguai”.
“Somos conscientes da importancia que ten este centro para a colectividade galega”, di Feijóo, xa que “é un dos mellores hospitais de Montevideo e Uruguai”
Feijóo lembrou que “non é a primeira vez que se intervén” a institución e dixo que “se os hospitais galegos tivesen a personalidade xurídica que ten Casa de Galicia moitas veces teríamos que intervilos porque as súas desviacións son constantes, non se interveñen porque son públicos”. Nesa liña, asegurou que o Goberno de Uruguai valorou dúas posibilidades, a “fusión con outras entidades ou hospitais” ou a intervención temporal para o saneamento e “posterior vida autónoma”. “Agradezo que optase pola segunda”, dixo Feijóo, que subscribiu “as palabras do presidente Lacalle de que Casa de Galicia ten que seguir sendo Casa de Galicia”.
Na súa resposta, nada dixo Feijóo sobre se pode ou non haber patrimonio histórico e cultural vinculado á emigración galega que se poida ver afectado nin sobre as axudas pasadas ou novas axudas futuras que a Xunta poida destinar á Casa de Galicia.