O centenario sanatorio da Casa de Galicia de Montevideo está a vivir os seus derradeiros días como institución médica, no que será a fin dunha das máis importantes institucións creadas pola colectividade galega na emigración. As millonarias débedas que arrastraba, produto dunha cuestionada xestión, levaron o pasado mes de outubro á súa intervención a cargo do Goberno uruguaio e, posteriormente, ao seu peche por orde xudicial, iniciando un proceso de liquidación que rematará na súa disolución e distribución dos máis de 40 mil socios e socias por outras entidades sanitarias da capital uruguaia. De nada serviron as mobilizacións dos asociados e asociadas e do seu persoal, que chegaron a promover a venda da entidade ao grupo Ribera Salud.
Ana Miranda denunciou esta semana "a indiferenza do Goberno galego no desmantelamento da Casa de Galicia" e defendeu a súa "mediación" para que "non se perda o seu patrimonio cultural", entre o que destaca a escultura de Asorey 'A Santa'
As mobilizacións continúan e aínda hai uns días levouse a cabo unha nova concentración de protesta ante a residencia do Presidente da República, pero a liquidación semella inevitable. Distribuídos socios e socias e unha parte do persoal entre outras entidades sanitarias privadas, unha das grandes incógnitas é o futuro do patrimonio cultural que atesoura a institución, cuxa sede central pechará as súas portas o vindeiro 31 de marzo. Neste senso, nas últimas semanas veñen repetíndose as demandas á Xunta de Galicia para que actúe, xa non tanto pensando na continuidade do sanatorio, xa descartada, senón para protexer a súa riqueza cultural e histórica.
Distribuídos socios e socias e unha parte do persoal entre outras entidades sanitarias privadas, unha das grandes incógnitas é o futuro do patrimonio cultural que atesoura a institución
En realidade, pouco ou nada se sabe do Goberno galego dende o comezo da crise que levou a Casa de Galicia á súa liquidación. Un día despois da intervención do Goberno uruguaio, Alberto Núñez Feijóo dixo "confiar" en que a intervención sería temporal. “Teño a palabra do presidente Lacalle e fíome”, afirmou o presidente galego, que en todo caso descartou unha acción máis decidida, alegando que se trataba dunha entidade privada. Porén, nese momento nada dixo Feijóo sobre a protección do seu patrimonio cultural, a pesar de que foi preguntado expresamente por este tema.
Dende entón, o Goberno galego non volveu pronunciarse sobre o asunto, unha falta de acción que foi criticada dende distintos ámbitos, comezando polo BNG, cuxa coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda, denunciou esta semana "a indiferenza do Goberno galego no desmantelamento da Casa de Galicia" e defendeu a súa "mediación" para que "non se perda o seu patrimonio cultural", entre o que destaca a escultura de Asorey 'A Santa'".
“Tendo en conta que o presidente que levou á ruína a Casa de Galicia foi posto polo goberno galego, o menos que podía facer Feijóo é non ocultarse, dar a cara e evitar que o patrimonio cultural galego de Uruguai desapareza”, salientou Miranda
"Para dar solución á situación que atravesa a Casa de Galicia é fundamental que o Goberno galego exerza o papel de mediador para salvagardar o patrimonio desta histórica institución”, dixo Miranda, que criticou "a estafa que se está producindo sobre o patrimonio dos galegos en Uruguai e a ausencia do goberno galego no seguimento desta grave situación”.
Ana Miranda participou hai uns días nunha concentración convocada por un grupo de persoas socias do sanatorio ante a residencia do Presidente da República, Luis Lacalle Pou. “Tendo en conta que o presidente que levou á ruína a Casa de Galicia foi posto polo goberno galego, o menos que podía facer Feijóo é non ocultarse, dar a cara e evitar que o patrimonio cultural galego de Uruguai desapareza”, salientou Miranda, que se reuniu con exmembros da Comisión de Cultura de Casa de Galicia. O BNG critica que Feijoo "só viaxe a Uruguai en período electoral para pedir o voto e se esqueza deles nun momento tan complicado como o que están vivindo".
A liquidación da Casa de Galicia súmase a unha sucesión nos últimos anos de crises, clausuras ou vendas de varias das máis importantes institucións e entidades creadas pola colectividade galega en América, como o Centro Galego de Bos Aires
A liquidación da Casa de Galicia súmase a unha sucesión nos últimos anos de crises, clausuras ou vendas de varias das máis importantes institucións e entidades creadas pola colectividade galega en América, algunhas de enorme importancia económica e social, ademais de simbólica. Por exemplo, hai dous anos e medio o Centro Galego de Bos Aires perdeu a súa sede histórica, nun proceso no que cando menos se conseguiu salvagardar o seu importante patrimonio cultural: medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro.
Neste caso a mutual do Centro Gallego cedeu a xestión da súa entidade sanitaria pero conserva o dereito de "uso e goce" do primeiro andar do edificio da antiga sede. É alí onde está a histórica sala de xuntas, a sede do Instituto Arxentino da Cultura Galega e o cuarto onde faleceu Castelao.
104 anos de historia
En 1917 emigrantes no Uruguai crearon a sociedade para "fomentar a unión entre os galegos e os seus descendentes"
O 17 de outubro de 1917 nacía en Montevideo a Sociedad de Instrucción, Recreo, Beneficencia y Asistencia Médica Colectiva Casa de Galicia, unha institución fundada por emigrantes galegos no Uruguai para "fomentar a unión entre os galegos e os seus descendentes", como se podía ler nos seus primeiros estatutos, proporcionando asistencia sanitaria á colectividade emigrante no país, pero tamén axuda social, formación e ocio, actividades que se mantiveron nas décadas seguintes, aínda que supeditadas á principal, de carácter médico. O seu principal impulsor foi José María Barreiro, procedente de Baiona.
Os seus documentos fundacionais destacábase que a Sociedade debía "honrar a Galicia e fomentar o seu coñecemento neste País, subvencionar a cultura galega promovéndoa, enaltecer a todas as persoas, galegas ou non, que dunha forma eminente ou outra prestasen algún servizo a Galicia, apoiar en forma eficaz toda acción de progreso que se emprenda en favor de Galicia" e, finalmente, "manter relacións coas entidades rexionais establecidas en Galicia ou fóra dela".
A Casa de Galicia conta cun hospital, sete policlínicas e unha sede social que acolle o Instituto docente Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao
Nos anos seguintes a Sociedade non deixou de medrar, incrementando o número de asociados e asociadas e aumentando as dimensións e servizos do seu sanatorio e nos anos 50 do pasado século construíu na Avenida Millán a actual sede do seu hospital principal, aínda que mantivo na Avenida 18 de julio -a arteria central da capital uruguaia- unha sede social onde se sitúan o Instituto docente Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao.
A entidade conta, así mesmo, con sete policlínicas distribuídas por Montevideo e polo departamento de Canelones (Policlínico Central, Policlínica José María Barreiro, Policlínica Lugo, Policlínica La Coruña, Policlínica Santiago de Compostela, Policlínica Orense e Policlínica Pontevedra. O patrimonio da sociedade complétase cunha Quinta Social, que acolle numerosas actividades culturais e sociais e mais un Panteón Social no Cemiterio do Norte de Montevideo, con capacidade para 1.500 nichos e 2 osarios. Conta, ademais, cun cruceiro galego doado no ano 1967. Entre as actividades culturais permanentes destacan un grupo de baile (Ballet Folclórico Gallego de la Casa de Galicia, dende hai uns anos denominado 'Obradoiro') e unha escola de gaitas.
'A Santa', de Asorey
'A Santa' foi adquirida pola Casa de Galicia en 1951. Só cruzou de novo o Atlántico nunha ocasión: no 2019 para integrar a mostra ‘Galicia, un relato no mundo’
Entre o patrimonio cultural co que conta a institución destaca, sobre todo, a escultura A Santa, de Francisco Asorey, unha peza emblemática que puido ser vista en Galicia recentemente no marco da exposición ‘Galicia, un relato no mundo’. A escultura data do ano 1926, cando Asorey a presentou na Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid. Non foi premiada, pero provocou unha enorme controversia que chegou ás portadas dos xornais da época e mesmo o escándalo da raíña Victoria Euxenia, muller de Afonso XIII.
“Desde o primeiro momento, críticos e público identificou a Santa como unha representación da muller galega e, por extensión, da propia Galicia e da súa situación na época. E a peza mergullouse nun gran debate estético ao redor de como se representaban as mulleres na arte, pero tamén político, ao redor da propia situación de Galicia”, destacan os responsables da mostra ‘Galicia, un relato no mundo’.
A escultura foi adquirida pola Casa de Galicia no ano 1951, sendo trasladada en barco dende Vigo. Durante as sete décadas seguintes exhibiuse na Sala de Sesións da institución. Aínda que dende a Transición houbo varios intentos de que retornase a Galicia, non o fixo ata a súa breve estadía en Compostela no ano 2019. No verán de 2020 regresou a Montevideo, destacando as autoridades da entidade que ía pasar a ser exposta nun "lugar privilexiado" no museo que ía abrir no sanatorio.
Castelao e a 'Casa de Galicia'
A Casa de Galicia conta tamén con obras de Castelao e Colmeiro, que se poden ver nas paredes do seu hospital, e posúe varias placas conmemorativas, unha delas en homenaxe a Castelao, realizada en bronce coa inscrición “en lembranza do esgrevio patriota de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao”, ademais de bustos en bronce do propio político e máis do prócer uruguaio José Gervasio Artigas.
A Casa de Galicia conta tamén con obras de Castelao e Colmeiro
Así mesmo, o seu Libro de Ouro recolle dedicatorias manuscritas de Castelao, de Camilo Díaz Baliño ou de Julio Prieto Nespereira. Igualmente, conta con valiosas fotografías orixinais da asemblea fundacional do centro, da primeira reunión da súa xunta directiva, un álbum da inauguración do edificio do sanatorio ou das visitas realizadas polo rianxeiro.
A Casa de Galicia acolleu en 1944 a sinatura da acta fundacional do Consello de Galiza e a súa revista publicou un dos textos que pode ser considerado parte do seu "testamento político"
Dende o momento do seu exilio, foron varias as ocasións en que Castelao se desprazou a Montevideo. A primeira foi en 1940, de camiño a Bos Aires, e a segunda en 1943, cando participou nun mitin republicano no estadio Centenario ao que asistiron preto de 50.000 persoas. Un ano máis tarde, o 15 de novembro de 1944, a propia sede da Casa de Galicia acolleu a sinatura, a cargo de Antonio Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Elpidio Villaverde e do propio Castelao- da acta fundacional do Consello de Galiza, que se presentaría uns meses despois. O rianxeiro volvería á capital uruguaia nos anos 1945 e 1946.
Dáse a circunstancia de que Castelao escribiu un dos textos que pode ser considerado como "testamento político" na revista oficial da Casa de Galicia, Alma gallega. A finais de 1948, xa enfermo e apenas un ano antes do seu falecemento, o rianxeiro publicou o artigo "A nosa innata xenerosidade".