Un grupo de socios e socias da Casa de Galicia transmitiron ao presidente uruguaio unha suposta oferta de compra do sanatorio a cargo deste grupo privado
A situación do hospital Casa de Galicia de Montevideo deu un importante xiro nos últimos días. O histórico sanatorio fundado pola colectividade galega no Uruguai hai máis dun século atópase inmerso nun proceso de liquidación que pode rematar na súa disolución e distribución dos máis de 40 mil socios e socias por outras entidades sanitarias da capital uruguaia. Un importante grupo de persoas asociadas e traballadoras levaba tempo anunciando que estaban mantendo conversas cun "investidor" que se faría cargo da débeda da institución e podería manter o hospital en funcionamento.
O pasado venres este grupo de socios e traballadores entregáronlle ao presidente uruguaio, Luis Lacalle Pou, unha carta coa proposta formal deste investidor, cuxa identidade deuse a coñecer este luns a través dos medios de comunicación. Trataríase do Grupo Ribera Salud, de Valencia, que estaría disposto a presentar unha proposta nun prazo de “60 a 90 días” para negociar cos acredores e crear “un centro de saúde de primeirísimo nivel en Latinoamérica”.
O Grupo Ribera Salud é o estandarte do denominado 'modelo Alzira' de privatización da sanidade e posúe tres hospitais en Galicia, entre eles Povisa. No 2017 xa soou como posibe comprador do edificio do Centro Gallego de Bos Aires, unha operación que finalmente non se concretou
O Grupo Ribera Salud é ben coñecido por poñer en marcha no ano 2000 en Alzira (Valencia) o primeiro hospital público con xestión privada do Estado español, inicio do denominado 'modelo Alzira' de privatización da sanidade, capitaneado polo Goberno do PP na Comunidade Valenciana. No ano 2018 o Goberno da Comunidade Valenciana decidiu o regreso do hospital á xestión pública. O Grupo Ribera Salud, que nacera nese momento como unha "unión temporal de empresas" para facerse cargo da concesión deste hospital, seguiu adiante coa súa actividade como grupo sanitario privado e conta neste momento con 9 hospitais no Estado Español, tres deles en Galicia: Povisa (Vigo), Polusa (Lugo) e Juan Cardona (Ferrol).
No ano 2017 o Grupo Ribera Salud xa soou como posibe comprador do edificio do Centro Gallego de Bos Aires, facéndose ademais coa xestión do seu hospital, nunha operación na que contaría co apoio da Fundación Favaloro arxentina e que contaba co apoio das persoas socias e do persoal da institución. Finalmente, iso si, a venda a Ribera Salud non se levou a cabo e no 2019 o Centro Gallego asinou co grupo BASA (Buenos Aires Servicios de Salud) o contrato de xerencia da entidade sanitaria por un período de cinco anos .
O Goberno uruguaio, con todo, non reaccionou oficialmente á posible oferta de adquisición e continúa co proceso aberto de distribución das case 40 mil persoas asociadas á Casa de Galicia
En realidade, son poucos os detalles que se coñecen desta suposta oferta de adquisición por parte de Ribera Salud, unha oferta que segundo o colectivo de socios e socias que a promoven consiste nunh "carta de intención, para facer una proposta en 60 a 90 días". "O importante é que a Casa de Galicia volva funcionar como Casa de Galicia", destacan estes socios e socias.
O Goberno uruguaio, con todo, non reaccionou oficialmente á posible oferta de adquisición e continúa co proceso aberto de distribución das case 40 mil persoas asociadas á Casa de Galicia. A partir deste venres 37.700 socios e socias de Casa de Galicia serán notificados sobre a mutualista á que foron asignados por parte do Ministerio de Saúde uruguaio, conta o xornal La Diaria. Nas vindeiras semanas farase o mesmo coa maior parte dos centos de traballadores e traballadoras da entidade.
625 socios e socias de Casa de Galicia presentaron un recurso de inconstitucionalidade contra la lei aprobada para distribuílos entre outras entidades. Este recurso semella a derradeira posibilidade de deter e reverter a disolución da insitución
Este xoves un grupo de socios e socias concentráronse ante a sede do Goberno uruguaio para que o Executivo valore e acepte a oferta de Ribera Salud. Ademais, hai uns días 625 socios e socias de Casa de Galicia presentaron un recurso de inconstitucionalidade contra la lei que se aprobou (con acordo entre os tres partidos conservadores que forman a coalición gobernante e o Frente Amplio) para distribuílos entre outras entidades, un recurso impulsado polo avogado Juan Ceretta.
Ceretta incluíu na súa petición unha medida cautelar para suspender os efectos da lei durante o tempo en que a Corte Suprema de Xustiza tarde en resolver o recurso, algo que podería demorar varios meses. O avogado denuncia que a lei aprobada incumpre a constitución uruguaia ao “violar o principio de liberdade de elección”. Este recurso semella a derradeira posibilidade de deter e reverter a disolución da Casa de Galicia, que está cada día máis próxima.
Críticas de Ana Miranda (BNG)
Hai dúas semanas a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou o "desmantelamento" da Casa de Galicia de Uruguai, que se une ao que tivo lugar nos últimos anos co Centro Gallego de Bos Aires. “Non podemos esquecer que este patrimonio foi erguido en 1917 cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos", sinalou Miranda, que denunciou que “a directiva afín ao Goberno conservador tiña claro o desmantelamento", engadindo as súas sospeitas sobre "a complicidade do Goberno uruguaio presidido polo conservador Lacalle Pou, que foi aplaudido por Feijoo e que coinciden na defensa do neoliberalismo sanitario”.
Ana Miranda criticou o "desmantelamento" da Casa de Galicia, que se une ao que tivo lugar nos últimos anos co Centro Gallego de Bos Aires. “Non podemos esquecer que este patrimonio foi erguido en 1917 cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos", dixo
Aínda o pasado mes de outubro, Núñez Feijóo manifestábase confiado nunha resolución favorable da crise da Casa de Galicia, afirmando que a intervención do Goberno de Uruguai sería temporal e breve, como de feito así foi, aínda que nun sentido distinto ao pretendido. O presidente da Xunta subscribiu “as palabras do presidente Lacalle de que Casa de Galicia ten que seguir sendo Casa de Galicia”, algo que agora está en serias dúbidas. “Somos conscientes da importancia que ten este centro para a colectividade galega”, di Feijóo, xa que “é un dos mellores hospitais de Montevideo e Uruguai”, dicía nese momento o presidente da Xunta.
A Xunta de Galicia achegou fondos económicos durante anos para o sostemento dunha institución que acumulaba débedas millonarias, entre acusacións de mala xestión e irregularidades. O Goberno galego detivo estas achegas hai un tempo.
105 anos de historia
A Casa de Galicia foi fundada en 1917 por un colectivo de emigrantes e durante décadas foi unha institución sanitaria de referencia no país, que chegou a ser a sede do Consello de Galiza
A Casa de Galicia foi fundada en 1917 por un colectivo de emigrantes e durante décadas foi unha institución sanitaria de referencia no país, que chegou a ser a sede do Consello de Galiza, o goberno galego no exilio. Da institución forman parte, entre outras dependencias, o Instituto de Secundaria Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao, así como un gran patrimonio cultural, entre o que destacan diversas obras pictóricas e a escultura de Asorey denominada “A Santiña”.