O Centro Gallego de Bos Aires, abocado á venda da súa histórica sede ao grupo Ribera Salud

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires © CGBA

O Centro Gallego de Bos Aires ve como o seu futuro vaise fundindo a negro. A histórica institución da emigración, que celebra o seu 110º aniversario neste ano, afronta semanas decisivas no seu porvir logo de acumular máis dunha década de profunda crise económica e administrativa e superar intentos de privatización e venda. Intervido o hospital polo Goberno arxentino hai cinco anos a través do Instituto Nacional de Asociativismo e Economía Social (Inaes) para paliar a súa crítica situación, os actuais xestores convocaron unha asemblea extraordinaria de representantes este luns, 18 de decembro. Nela, á marxe de abrobarse as contas, someterase a consideración a solicitude de quebra da entidade en caso de que non se aprobe a cesión da xestión e a venda do lendario edificio no centro da capital arxentina ao grupo investidor interesado na súa compra: o español Ribera Salud -coñecido por ser o impulsor da participación público-privada na sanidade, modelo revertido xa en casos como o de Alzira- e que contaría co apoio da Fundación Favaloro arxentina. 

A asemblea extraordinaria debaterá a solicitude de quebra do Centro Gallego de non se aprobarse a cesión da xestión e a venda do edificio

Antes, este pasado luns 11 e na semana anterior, leváronse a cabo no Centro Gallego (CGBA) senllas consultas non vinculantes entre os socios e os traballadores, respectivamente, nas que se lles preguntaba se estaban a favor ou en contra desta cesión da xestión e da venda do edificio ao grupo empresarial. A disxuntiva das papeletas era clara: o non, tal e como se lía nelas, "significa cierre definitivo de la institución, pérdida completa de los puestos laborales y cese completo de las prestaciones asistenciales". O si, "preservación de los puestos laborales y continuidad de las prestaciones asistenciales a socios". O voto favorable á proposta dos xestores arrasou en ambos casos, con máis do 95% de apoio e a participación de máis de 2.100 asociados e case 700 empregados.  O propio interventor do Centro, Martín Moyano, en declaracións a España Exterior, amosou a súa disposición a dimitir se con iso se aproba a cesión.

Nas consultas non vinculantes celebradas, socios e empregados apostan claramente pola venda do Centro Gallego

Mentres, asociados e agrupacións políticas manteñen un agre debate. O desexo de non ver morrer unha institución tan importante nos seus servizos sanitarios como no patrimonio histórico, cultural e sentimental da emigración empurra moitos a apostar pola venda e privatización ante a nula alternativa que se lles ofrece. O Centro Gallego conta agora con menos de 6.000 asociados cando, nos seus tempos de esplendor, chegou a ter 120.000.

Fundado en 1907, na sede de 34.000 metros cuadrados (con seis andares e dous sotos) distribúense 60 salas de consulta e seis quirófanos e nel ocupábanse máis de 500 camas, aínda que agora a media é de moitas menos. Nunha delas faleceu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O cuarto onde morreu, o 202, mantense practicamente igual 67 anos despois do seu pasamento. Ademais, o Centro Gallego conta cunha biblioteca con 20.000 volumes, moitas delas pezas históricas; unha importante fonoteca; o Teatro Castelao, con case 400 butacas; unha sala de exposicións ou unha pinacoteca con obras de Luís Seoane ou Carlos Maside. Nos últimos tempos, na histórica institución sucedéronse impagos, deterioro, protestas laborais e cada vez menos asistencia. E alcanzouse unha débeda millonaria.

Fachada principal da sede do Centro Gallego de Bos Aires

Na carta de intencións enviada o pasado 10 de novembro, o grupo Ribera Salud informa das diferentes reunións mantidas cos administradores do Centro Gallego e advirte dunha situación patrimonial de "débedas con institucións públicas, traballadores, representantes sindicais e terceiros provedores", ademais do "deterioro das infraestruturas, falta de equipamento actualizado e déficit de persoal ante a falta de expectativas laborais". Así, explica súa intención de revitalizar a institución e como primeira condición pon a da "adquisición do inmoble do Centro Gallego, debendo negociar o importe en base ao valor en libros revisable e prazo de pago". Tamén aclara que o inicio da actividade "debe de ser libre de cargas e débedas de todo tipo, asumindo a nova sociedade a única responsabilidade sobre a xestión realizada por esta". 

Ribera Salud esixe para xestionar o Centro a "adquisición do inmoble" e iniciar a actividade "libre de cargas e débedas"

Respecto dos bens históricos, culturais e artísticos da importante diáspora galega que se atopan na institución, Ribera Salud aposta por "velar e potenciar os órganos institucionais do Centro Gallego e o seu patrimonio cultural, negociando con todas as partes implicadas". 

A Fundación Favaloro e o grupo español investirían 60 millóns de euros e mercarían o edificio por 42

Segundo informacións da prensa arxentina, o investimento que levarían a cabo a Fundación Favaloro e Ribera Salud para a remodelación do inmoble ou a adquisición de equipos achegaríase aos 60 millóns de euros, mentres que a proposta inclúe tamén a compra do histórico edificio levantado coas achegas de milleiros de emigrantes galegos por uns 42 millóns. 

 

Os intentos de "privatización" da última década

A crise económica e as polémicas políticas levan anos enlamando a traxectoria do histórico CGBA. Foi en outubro de 2007 cando se puxo a andar Ospaña, a obra social destinada a solucionar os problemas de fondos coa achega do propio centro, o Goberno de España, a Xunta a través da Fundación Galicia Saúde e máis a colaboración das autoridades arxentinas.

Desde aquela, e tras a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, diversos socios e dirixentes do CGBA censuraron o abandono da institución e do seu hospital e os intentos de privatización por parte da Administración galega. A polémica estoupou cando no outono de 2009 o Goberno galego presentou unha proposta de nova xestión para facer fronte ao importante déficit. Foi un intento por privatizar o Centro e unha actitude por parte dos cargos públicos, en especial do daquela secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que os emigrantes cualificaron de "mafiosa e chantaxista".

A Xunta intentou privatizar o Centro Gallego en 2009 achegando unha subvención de 28 millóns ao grupo 3A Recoletas

Tal e como desvelara Xornal de Galicia, a proposta supoñía que o grupo privado 3A Recoletas xestionase durante cando menos 13 anos o histórico centro da emigración coa axuda dunha importante subvención da Xunta de 3,1 millóns de euros anuais para colaborar en paliar a difícil situación económica. A empresa limitaríase a achegar 8 millóns de euros a razón de 615.000 euros ao ano, mentres a emigración deixaba de xestionar o seu histórico hospital e a Administración galega de dirixir o proceso. Xa que logo, o Goberno galego poría case 28 millóns de euros fronte aos 8 da firma privada.

Aquel intento foi paralizado, a xustiza arxentina interviu a entidade e a Fundación Galicia Saúde acabouse por disolver. A situación non se deu amañado. As diferenzas entre as cinco agrupacións políticas con representación no Centro Gallego acentuáronse logo de que a institución quedase fóra da obra social Ospaña. Ao tempo, creáronse grupos de asociados e antigos socios que critican a intervención por parte do Estado arxentino, acusando os últimos xestores de aumentar as débedas e mesmo apostando por unha quebra que permita un proxecto de reconstrución da histórica entidade.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.