"Gallego patasucia!". Durante varias xeracións mantívose no Río da Prata un estereotipo negativo, aplicado aos galegos, que eran vistos como persoas brutas, pouco formadas, sucias, aínda que -iso si- traballadoras e honradas. En Os inmigrantes imaxinados. A identidade Galega na Arxentina (1780-1960), publicado este outono por Galaxia, Xosé Manuel Núñez Seixas explora as orixes e evolución desta imaxe negativa e, ademais, a conformación da identidade da colectividade galega na Arxentina.
"En boa medida esa imaxe negativa provén dos estereotipos que existían xa no século XVII en España e tamén en Portugal e que podemos ver na literatura do Século de Ouro"
Na obra, o autor percorre os elementos inciais da connotación pexorativa do xentilicio galego, que foi mesmo anterior á chegada ao país da gran vaga de emigrantes dende finais do XIX e que tiña as súas raíces na propia consideracións que os galegos tiñan na Península Ibérica dende varios séculos antes. Este estereotipo mantívose en Arxentina e mesmo reforzouse coa chegada ao país de centos de milleiros de galegos que na súa meirande parte eran de orixe humilde, dedicados a traballos de baixa cualificación -changadores, mozos de corda, porteiros, criados, camareiros, almaceneiros...- e maioritariamente analfabetos.
Pero o libro vai máis aló da análise dese estereotipo e na reacción que provocou -aceptación, vergoña, intentos de reverter o imaxinario creando a idea do 'bo galego emigrante'...- na colectividade galega. A obra afonda na relación que a diáspora galega tiña coa súa identidade e coa propia lingua, na reivindicación de elementos coma o celtismo ou as orixes galegas de Colón, dedica un amplo espazo ao teatro popular creado e consumido pola propia comunidade e destaca a rivalidade que a colectividade galega mantivo con outras, coma os italianos.
"A finais do século XIX o estereotipo volve actualizarse e a gañar forza coa chegada de centos de milleiros de galegos que semellan acreditar moitos dos elementos da imaxe creada anteriormente, pois en boa medida eran persoas pobres, analfabetas e que nunca estiveran nunha gran cidade"
Unha das cousas que destacas no libro é que ese estereotipo aplicado aos galegos, con moitos elementos negativos, non nace coas grandes vagas de migración iniciadas a finais do século de XIX, senón que vén de moi atrás e que, de feito, nin sequera se orixina en América. É así?
Si, en boa medida esa imaxe negativa provén dos estereotipos que existían xa no século XVII en España e tamén en Portugal e que podemos ver na literatura do Século de Ouro. Os galegos foron representados na comedia, polo xeral, como individuos de baixa condición social, esforzados pero míseros, aforradores, bébedos e comellóns, sucios e ás veces lacazáns; ademais, as empregadas galegas do servizo doméstico son descritas como mulleres pouco agraciadas fisicamente, maliciosas, bébedas e amigas do alleo. E esas ideas transplántanse a América nese tempo. Despois estes estereotipos iniciais retroaliméntanse, dende comezos do século XVIII, coa chegada de moitos galegos a América.
Non son aínda unha maioría dos inmigrantes, pero ocupaban profesións moi visibles, como almaceneiros (as pulperías). Ademais, este é o momento no que se comeza a coñecer a todos os españois chegados ao Río da Prata como 'gallegos', en parte porque os crioulos de Bos Aires queren deste xeito insultar aos españois, que entenden o epíteto 'galego' como ofensivo. O pulpero galego convertíase, para o crioulo medio, nunha sorte de contraimaxe da elite comercial e administrativa colonial de orixe peninsular. Era o español que entrara na súa vida cotiá e lle fiaba; un peninsular pobre e con pouco prestixio social que tentaba imitar a elite crioula malia ser desprezado por ela, como o era tamén pola elite colonial.
"Ademais, falaban unha lingua estraña, que os seus interlocutores identificaban non como unha lingua propia, senón como un castelán mal falado, atribuíana non á existencia dunha identidade lingüística de seu, senón á ignorancia"
Despois, coa chegada ao Río da Prata das grandes ondas de migración dos galegos ao redor de 1900 o tópico gaña forza?
A finais do século XIX o estereotipo volve actualizarse e a gañar forza coa chegada de centos de milleiros de galegos que semellan acreditar moitos dos elementos da imaxe creada anteriormente, pois en boa medida eran persoas pobres, analfabetas e que nunca estiveran nunha gran cidade. Ademais, falaban unha lingua estraña, que os seus interlocutores identificaban non como unha lingua propia, senón como un castelán mal falado, atribuíana non á existencia dunha identidade lingüística de seu, senón á ignorancia. Como podían chegar españois que baballaban o castelán con sete vogais e sen diferenciar gato de ghato?
Significa isto que os galegos recibían un mal trato por parte da sociedade de acollida?
O trato que reciben os galegos, iso si, sempre foi mellor que o doutras colectividades, coma os árabes e libaneses (turcos), os xudeus rusos (chamados rusos) ou os arxentinos procedentes do interior (cabecitas negras). Os galegos, ao cabo, seguían sendo cristiáns, tiñan a pel branca e eran en xeral xente de orde. As elites arxentinas sen dúbida preferían a inmigración do norte de Europa, altos e rubios, pero a realidade era que lles chegaba o que lles chegaba, sobre todo europeos do sur.
Os galegos eran un elemento resignadamente aceptado, mais non preferido. Non eran indesexábeis, pero tampouco eran os desexados. A súa valoración social sempre estivo en relación co que dos emigrantes se agardaba, coas expectativas. En todo caso, non houbo ningún caso en que un galego deixase de ascender socialmente por culpa dese estereotipo nunha sociedade tan aberta e chea de oportunidades como era a arxentina de comezos do século XIX.
"O trato que reciben os galegos, iso si, sempre foi mellor que o doutras colectividades, coma os árabes, turcos e libaneses, os xudeus rusos ou os arxentinos procedentes do interior (cabecitas negras). Os galegos, ao cabo, seguían sendo cristiáns, tiñan a pel branca e eran en xeral xente de orde"
Os emigrantes galegos ficaron maioritariamente nas zonas urbanas -na propia Bos Aires e a súa contorna e noutras cidades próximas-, a diferenza doutras colectividades, coma os vascos, que en maior medida se desprazaron ao interior do país, dedicados a actividades agrarias e sobre todo gandeiras. Por que esta escolla dos galegos?
É certo, colectividades coma os vascos dirixíronse en moitas ocasións cara ao interior, a ocuparse de traballos no campo, como a gandaría. Os galegos non, quedaron nas cidades, e iso era algo que moitos arxentinos non entendían: 'se esta xente o que sabe facer é cultivar a terra, por que non se dedican a iso? Porrque mira que temos terra aquí, no interior'. A razón principal ten que ver co modelo de emigración dos galegos: máis do 50% dos emigrantes a Arxentina acaba volvendo a Galicia despois duns anos ou cando menos quere volver. Se ti concibes a túa migración como unha estratexia temporal, o que procuras é non atarte á terra. Outra razón foi que os galegos foron ocupando determinados nichos laborais nas áreas urbanas: nos frigoríficos, nos tranvías...
"Todos os estereotipos teñen dúas caras, unha máis positiva e outra máis negativa. No caso dos galegos, por exemplo, o feito de seren pouco formados convertíaos en traballadores submisos para os empregadores"
O estereotipo, en todo caso, tamén contiña algúns elementos identficados como positivos, non si? Os galegos eran brutos, pero traballadores; tiñan pouca formación pero eran honrados...
Todos os estereotipos teñen dúas caras, unha máis positiva e outra máis negativa. No caso dos galegos, por exemplo, o feito de seren pouco formados convertíaos en traballadores submisos para os empregadores. De feito o elemento positivo da honradez atribuída aos galegos era en realidade un reverso da incultura que se lles supoñía ( "demasiado brutos para ser ladrones").
A realidade do día a día facía que todos os arxentinos crioulos tivesen unha relación moi directa con galegos, tanto con comerciantes coma mesmo no interior das súas casas (as mucamas galegas), o que facía que case todo o mundo coñecese de primeira man a algún galego ou galega, un coñecemento que completaba o estereotipo.
"A colectividade galega era moi diversa, en realidade, e por suposto había moitos que se afastaban moitítisimo do estereotipo creado. Eran profesionais cualificados que querían dotarse dunha imaxe dignificada, que pasaba por reacomodar o estereotipo, creando así a imaxe do bo galego"
Como recibía a colectividade galega este estereotipo maioritariamente negativo. Aceptábao? Rebelábase contra el?
A colectividade galega era moi diversa, en realidade, e por suposto había moitos que se afastaban moitítisimo do estereotipo creado, especialmente os que levaban máis tempo no país ou eran xa de segunda xeración. Polo tanto na Arxentina houbo sempre unha elite galega, pois os inmigrantes galegos teñen unha mobilidade social moi elevada.
Eran profesionais cualificados que querían dotarse dunha imaxe dignificada, que pasaba por reacomodar o estereotipo, creando así a imaxe do bo galego, do galego traballador e honesto, destacando ademais as súas orixes europeas. Ligado a iso facíase fincapé no carácter celta do pobo galego ou na orixe galega de Colón.
Por que entre a colectividade galega é onde a teoría do Colón galego acada un maior peso?
Porque o que precisa toda colectividade inmigrante para ser aceptada pola sociedade de acollida é unha orixe compartida, mitos orixinarios e que, por suposto, non sexan conflitivos cos mitos das orixes do país receptor, por exemplo as Guerras de Independencia. Dado que os galegos non podían poñer moitos exemplos de descubridores, como si podían facer os vascos, agarráronse ao Tercio de gallegos que loitou contra os invasores ingleses e, ademais, á teoría do Colón pontevedrés.
"Toda colectividade inmigrante precisa unha orixe compartida para ser aceptada pola sociedade de acollida. Dado que os galegos non podían poñer moitos exemplos de descubridores, como si podían facer os vascos e, ademais, á teoría do Colón pontevedrés"
Os galegos, moi numerosos, estableceron na Arxentina unha rivalidade cos italianos, aínda máis numerosos?
Os italianos eran máis, eran maioría e houbo un momento no que Bos Aires era moi italiana. Nese sentido un dos argumentos que empregaban os centros galegos e elite galega no país era que a colectividade galega era a garantía de que a cidade seguise a falar castelán. Había moita rivalidade entre galegos e italianos polo dominio simbólico e pola ocupación de determinados espazos, pero ao tempo tamén había moita confraternización: galegos casaron con italianas, italianos con galegas e como escribiu Antonio Pérez Prado, “nas casas galegas comezouse a comer pasta tres veces por semana” coa maior naturalidade.
"Hai que entender que é xente que emigra a un país castelanfalante, no que o castelán é unha ferramenta de progreso persoal e que, ademais, tiña xa en Galicia unha concepción bastante diglósica da lingua"
No libro afondas tamén na relación que a colectividade galega tiña coa lingua, que de entrada queda relegada a un uso privado, no mellor dos casos...
Hai que entender que é xente que emigra a un país castelanfalante, no que o castelán é unha ferramenta de progreso persoal e que, ademais, tiña xa en Galicia unha concepción bastante diglósica da lingua.
Inclúes de feito, os datos dunha enquisa realizada en 1932 polo xornal Correo de Galicia entre catrocentos representantes da colectividade galega na Arxentina e na que se inclúen preguntas sobre o autogoberno e sobre o estatus que o idioma debería ter en Galicia. O resultado é que unha gran maioría rexeita mesmo a opción do bilingüísmo e opina que debe primar o castelán...
Os datos desa enquisa parecéronme tremendamente interesantes e reveladores das concepcións existentes nese momento, non só na diáspora senón tamén no propio interior de Galicia: podíase ser autonomista e mesmo federalista e non ser galeguista nun sentido lingüístico do termo. O que publicou o Correo de Galicia non é unha enquisa científica ou representativa, é máis ben un retrato impresionista, feito a través de entrevistas con representantes da colectividade emigrada, cos nesgos que isto pode ter, pero paréceme un documento cun valor importantísimo. Na Galicia da época non atopamos nada semellante. E creo que de facerse esa mesma enquisa en Galicia nese momento, os resultados serían mesmo máis desfavorables para a lingua.
"A gran maioría dos descendentes de galegos saben de que parroquia era a súa avoa. En cambio, os descendentes de italianos xa non saben de onde eran, porque aí houbo unha asimilación moito máis acelerada"
O que si detectas na túa investigación é unha progresiva introdución de elementos culturais galegos (lingüísticos, musicais...) nas festas organizadas polas sociedades de emigrantes, onde os contidos folclóricos españois ou doutros territorios do Estado deron paso a cancións e músicas eminentemente galegas. Foi crecendo a identificación da diápora coa cultura galega?
Hai unha regaleguización das festas moi clara que, ademais, vai da man dunha arxentinización desas mesmas festas. Esta galeguización das festas foi parella ao asentamento dunha gran colectividade galega na cidade. Nun primeiro momento, estas festas tiñan como obxecto prestixiar a comunidade ante outras colectividades, e por iso aí se cantaban arias de Verdi, se facía falla. Pero si que resulta curioso como despois irrompe a festa popular, que tiñan evidentemente un grande éxito entre os galegos emigrados. E o mesmo pasa cun teatro popular que tiña como audiencia a propia colectividade galega na diáspora e que acadou unha audiencia moi superior á de obras e autores que temos por canónicos na literatura galega.
"Cando o estereotipo estaba por morrer no teatro popular, pasou a outros xéneros: ao cine, á radio ou á televisión... E foi difundido a través das personaxes que facía por exemplo Niní Marshall. Na actualidade, malia que aínda houbo nos anos 90 unha certa popularización dos chistes de galegos a través de Pepe Muleiro, este tipo de comentarios van quedando atrás e hoxe en día eu creo que xa non terían éxito"
No libro destacas que os galegos da Arxentina mantiveron unha identificación moi forte co seu lugar de orixe: co seu concello ou, máis aínda, coa súa parroquia...
A gran maioría dos descendentes de galegos saben de que parroquia era a súa avoa. En cambio, os descendentes de italianos xa non saben de onde eran, porque aí houbo unha asimilación moito máis acelerada. A identidade de orixe das persoas que chegaban dende Galicia era de natureza preferentemente local e así se mantiña en redes sociais formais e informais no lugar de destino. Antes que galegos, eran da súa freguesía. Pero, á vez na Arxentina descubrían tamén a súa galeguidade, vendo o que compartían cos demais galegos en materia lingüistica e cultural.
Que quedou do estereotipo? Foi mudando co tempo ou diluíndose? Aínda se conserva nas actuais xeracións de arxentinos?
Cando o estereotipo estaba por morrer no teatro popular, pasou a outros xéneros: ao cine, á radio ou á televisión... E foi difundido a través das personaxes que facía por exemplo Niní Marshall en películas no cinema e programas de televisión. Mantíñanse os chistes, pero o trato aos galegos non era malo. En Bos Aires sempre se tratou moito peor, por exemplo, aos arxentinos do interior.
E, na actualidade, malia que aínda houbo nos anos 90 unha certa popularización dos chistes de galegos a través de Pepe Muleiro, este tipo de comentarios van quedando atrás e hoxe en día eu creo que xa non terían éxito. En realidade, agora queda xa fóra do politicamente correcto facer este tipo de humor centrado nun colectivo. E, ademais, dende entón foron chegando ao país colectividades moito máis pobres, coma bolivianos, paraguaios ou venezolanos, encargadas dos traballos máis baixos.