Nas obras, entre 1905 e 1914, traballaron 45.107 obreiros, entre eles uns 12.000 europeos, dos que 8.798 eran españois, na súa maioría galegos, unha cifra que probablemente sexa superior se se ten en conta a emigración espontánea, non inducida, que chegaba mesmo clandestinamente para a súa posterior contratación
A Canle de Panamá é unha das obras enxeñaría máis importantes da historia da humanidade. Foi impulsada polos Estados Unidos, que buscaba ampliar a súa influencia no continente americano e dominar o Océano Pacífico e que mesmo promoveu a independencia de Panamá (ata entón un departamento de Colombia) para asegurar o control do paso. Nas obras, entre 1905 e 1914, traballaron 45.107 obreiros, entre eles uns 12.000 europeos, dos que 8.798 eran españois, na súa maioría galegos, unha cifra que probablemente sexa superior se se ten en conta a emigración espontánea, non inducida, que chegaba mesmo clandestinamente ás obras para a súa posterior contratación.
Os galegos tiñan sona de "duros" e de moi traballadores, como xa viñeran demostrando en Cuba, o que favoreceu a súa chegada ás obras, unha parte da historia de Galicia relativamente descoñecida ata hai pouco tempo, pero cuxos detalles se poden consultar no especial publicado hai dous anos polo Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega: Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914).
Este sábado inaugurouse en Auga Clara, nas esclusas da parte caribeña da canle, o monumento de bronce e silicio que homenaxea os milleiros de galegos que participaron no proxecto
Este sábado inaugurouse en Auga Clara, nas esclusas da parte caribeña da canle, o monumento de bronce e silicio que homenaxea os milleiros de galegos que participaron no proxecto. O recoñecemento foi impulsado pola Fundación Nosa Terra, entidade panameña que nos últimos anos promoveu esta homenaxe. No acto participaron estidades do país centroamericano e tamén a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez.
A partir de 1905 comezan a recrutarse en orixe os traballadores galegos, que adquiriran sona de "duros" por exemplo nas obras de construción do ferrocarril en Cuba
En novembro de 1903 Philippe Bunau Varilla e John Hay, representantes dos gobernos de Panamá (que acababa de independizarse de Colombia 15 días antes) e Estados Unidos, asinaron o coñecido como Tratado Hay-Bunau Varilla concedía a perpetuidade a Washington a Canle de Panamá e a súa zona adxacente (aínda que foi derrogado en 1979). O acordo aprobaba tamén a inmigración masiva de milleiros de traballadores para participar nas obras de construción.
A partir de 1905 comezan a recrutarse en orixe os traballadores galegos, que adquiriran sona de "duros" por exemplo nas obras de construción do ferrocarril en Cuba. A prensa estadounidense da época destacaba que os galegos eran a “raza” de homes máis resistente de España, que eran pobres e que estaban afeitos a marchar a outras terras para reailzar traballos manuais, como se destaca no especial do Arquivo da Emigración.
A Comisión da Canle de Panamá estableceuse na cidade de Vigo, ao amparo do coñecido consignatario galego Estanislao Durán, que chegou a pagar a impresión de 10 mil folletos para o seu reparto en aldeas de todo o país
A oferta da Comisión da Canle de Panamá para os traballadores contratados en Galicia implicaba o desconto de 24 pesetas ao mes do salario para pagar o custo da pasaxe. Así, os obreiros galegos necesitarían 11 meses para pagar a viaxe e a partir de aí poderían comezar a gañar diñeiro para si mesmos. O contrato indicaba que podían abandonar o proxecto cando quixesen unha vez saldada a débeda inicial.
A Comisión, a través do seu enviado especial Le Roy Park, estableceuse na cidade de Vigo, ao amparo do coñecido consignatario galego Estanislao Durán, que chegou a pagar a impresión de 10 mil folletos para o seu reparto en aldeas de todo o país. A campaña de captación incluíu tamén estratexias para promover un "boca a boca" favorable, de xeito que unha parte dos traballadores galegos chegados inicialmente recibiu mellores condicións para que, a través do envío de cartas a Galicia relatando a experiencia, promovesen a chegada de máis traballadores das súas zonas de orixe.
Segundo o contrato que asinaban, os obreiros galegos necesitarían 11 meses para pagar a viaxe e a partir de aí poderían comezar a gañar diñeiro para si mesmos. O contrato indicaba que podían abandonar o proxecto cando quixesen unha vez saldada a débeda inicial
O título do especial do Arquivo da Emigración fala do Silver Roll, unha das dúas categorías da forza de traballo que existían e que estaban baseadas no sistema de pagamento salarial. Os da gold roll eran estadounidenses brancos cualificados que cobraban en ouro, mentres que os da silver roll eran os traballadores non cualificados, "de pico e pa", que cobraban en prata pamameña e tiñan xornadas de traballo de 10 horas diarias. Con todo, nalgunhas nacionalidades variaban as condicións de pagamento e, por exemplo, os galegos tamén cobraban en moeda de ouro. Tamén había diferenza entre o que cobraban os traballadores europeos, entre eles os galegos (entre 16 e 20 centavos por hora) e os antillanos (entre 7 e 20 centavos).
A comida e as condicións de traballo e estadía tamén eran mellores para os obreiros europeos (os galegos, ademais de "duros" eran cualificados nos informes como "comellóns"). En calquera caso, as condicións eran ben distintas das prometidas nos folletos promocionais e as xornadas de traballo eran de gran dureza, baixo unha calor moi elevada nos días de sol e as fortes chuvias nas estacións húmidas.
En 1908, debido ao gran número de casos de malaria rexistrados entre os traballadores, o Goberno prohibiu temporalmente a emigración a Panamá. Porén, a compañía seguiu recrutando galegos
Ademais, había factores externos que todos sufrían. A empresa responsable das obras fixo tamén fincapé en sanear os terreos nos que se traballaba para limitar a presenza de mosquitos e así evitar no posible os casos de malaria e febre amarela, que aínda así acabaron coa vida de miles de traballadores. Tamén houbo numerosos accidentes polo uso de dinamita (dende mortes a mutilacións) ou pola caída de rochas de gran tamaño.
En 1908, debido ao gran número de casos de malaria rexistrados entre os traballadores, o Consello Superior de Emigración decidiu propor ao Goberno que prohibise temporalmente a emigración a Panamá, medida aprobada o 12 de novembro. Con todo, a compañía seguiu a contratar traballadores galegos en orixe, que trasladaba a través do porto de Bordeos, onde non se prohibira a emigración a Panamá.
Cando as obras remataron moitos regresaron a Galicia, pero unha parte moi importante ficou en América, tanto na propia Panamá coma noutros países
Os milleiros de traballadores galegos foron imprescindibles para a construción da meirande obra de enxeñaría do século XX. Cando as obras remataron moitos deles regresaron a Galicia, pero unha parte moi importante ficou no continente americano, tanto na propia Panamá coma noutros países, onde se asentaron coas súas familias. Na actualidade unhas catro mil persoas de orixe galega residen en Panamá.