Candia procura blindaxe legal á participación da tránsfuga no goberno de Lugo cun inédito decreto

Reigosa, participando con Candia nunha recepción a militares da Garda Real no despacho da Alcaldía no primeiro día tras a moción de censura, o pasado 8 de maio CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Lugo | Montaxe: Praza.gal

A agora alcaldesa lucense tenta "evitar" que a responsabilidade de "supervisión política e programática de infraestruturas" que outorga á ex-socialista Reigosa poida "ser interpretada" como un incremento de "dereitos económicos e políticos" prohibido pola lei

Ás 13:39 deste pasado luns a agora alcaldesa de Lugo polo PP, Elena Candia, asinou o decreto de organización do goberno municipal. É un trámite habitual tras a toma de posesión nunha alcaldía e consiste, en esencia, no reparto de competencias entre a rexedora e, neste caso, os restantes 11 membros do grupo do PP no Concello. Pero ao minuto seguinte asinou outro documento, un inédito decreto de "delimitación da función" de María Reigosa, a tránsfuga ex-socialista que, coa súa sinatura e voto, permitiu que a moción de censura do PP desbancase o goberno local de PSdeG e BNG.

O documento, de sete páxinas, procura dar blindaxe legal ao anuncio realizado polos populares lucenses horas despois da censura, que Reigosa ostentará responsabilidades de "supervisión política e programática de infraestruturas". É dicir, que participará do goberno da cidade. Pero que o fará, tentan evidenciar, sen transgredir o artigo da Lei de Bases de Réxime Local e as sentenzas xudiciais derivadas dela que impiden dar a edís non adscritos como a concelleira tránsfuga de Lugo "dereitos económicos e políticos superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia".

Destaques do decreto ditado por Candia para "delimitar" as funcións da concelleira tránsfuga no Concello de Lugo CC-BY-NC-SA Praza.gal

Con este pano de fondo, o decreto asinado por Candia di procurar "facer transparente e delimitar a participación da concelleira non adscrita en materia de infraestruturas, mediante unha función de supervisión política e programática orientada ao seguimento, impulso, contraste e avaliación dos compromisos e actuacións municipais nesta materia". Tenta, indica, "evitar" que a súa "participación política" poida "ser interpretada como unha delegación encuberta, unha dirección material da área ou un incremento de dereitos económicos ou políticos" a respecto dos que tiña no grupo de procedencia.

Reigosa "poderá ser denominada Supervisora de Infraestruturas" di o decreto, centrado no que sobre o papel "non fará" e en salientar que non terá persoal ao cargo nin retribución como membro do goberno

Nese grupo, o PSdeG, tivo responsabilidade de goberno ata que renunciou a ela para, acto seguido, pasar a ser non adscrita, condición dende a que se enrolou na operación da censura. Nese momento, como é obvio, deixou de ter participación ningunha na acción do goberno, a cal agora lle outorga o decreto de Candia, pero en termos de "supervisión".

O texto dedica a maior parte da súa extensión a especificar o que, sobre o papel, Reigosa non fará. Por exemplo, afirma que a súa "supervisión" non ten "natureza técnica, administrativa, resolutoria, directiva nin xerárquica". Tampouco implica que sexa concelleira delegada dunha área ou tenente da alcaldía, nin "integración no equipo de goberno", nin "retribución, dedicación, asistencia, indemnización nin asignación de medios persoais propios". 

O grupo municipal do PP e a concelleira tránsfuga posan con Candia tras a aprobación da moción de censura CC-BY-SA PPdeG

Quen "poderá ser denominada Supervisora de Infraestruturas" baixo a "dirección da alcaldía", di, vai facer unha "actividade de seguimento, impulso político, contraste de prioridades, avaliación programática e traslado de propostas ou incidencias". Pero as súas propostas serán "non vinculantes" e acudirá a reunións do goberno "cando sexa convocada expresamente" por Candia. Tamén "poderá participar en actos públicos, reunións veciñais ou comparecencias de carácter político ou programático en materia de infraestruturas" pero "baixo dirección da alcaldía"  e sen "actuar como autoridade competente", di nun contexto no que vén presentar que legalmente as súas funcións serán como a de calquera concelleira rasa, caso no cal non cumpriría decreto específico ningún.

O documento prepara o terreo para que Reigosa sente co grupo do PP durante os plenos, nos que o seu voto será tan indispensable para Candia como o era para o goberno de PSdeG e BNG ata que optou polo transfuguismo

Despois de enumerar nun artigo ata catorce tarefas que "non poderá" exercer e de reforzar noutros dous que non terá persoal municipal ao cargo e que esta decisión non incumpre o devandito precepto legal, Candia dita o que semella a armazón para que Reigosa sente canda o grupo do PP no salón de plenos de agora en diante e que deixe de facelo, como ata agora, ao carón de PSdeG e BNG. Así, indica que "ocupará o asento que determine a alcaldía (...) tendo en conta as características físicas do salón e procurando facilitar a emisión e reconto do voto" e agrega que esa situación "terá carácter meramente organizativo e protocolario, sen efectos xurídicos sobre o seu estatuto de concelleira non adscrita" nin "pertenza ao equipo de goberno".

Neses plenos, en calquera caso, o voto da concelleira tránsfuga será tan indispensable para o agora goberno do PP como o era para o de PSdeG e BNG. Non en van, a suma de socialistas e nacionalistas, 12 edís, é idéntica á da ducia de concelleiros e concelleiras oficialmente membros do Grupo Popular, que no inicio do mandato tivo que quedar na oposición por sumaren os grupos da esquerda a maioría absoluta agora quebrada polo transfuguismo de Reigosa. O documento está editado no formato oficial vixente no Concello de Lugo, isto é, seguindo o manual de imaxe corporativa aprobado en 2008, cuxa eliminación o PP limita polo momento aos seus perfís nas redes sociais, onde substituíu o logotipo oficial polo escudo municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.