Candia resérvase para si mesma unha área de "Medio Ambiente, Xestión Integral de Recursos Humanos e Seguridade" e outorga á ex-socialista Reigosa "traballo de supervisión política e programática de actuacións en materia de infraestruturas"
Por primeira vez dende o 3 de xullo de 1999 Lugo amenceu este 8 de maio de 2026 cun membro do PP na alcaldía. Case 27 anos despois da histórica mudanza que, co socialista Xosé López Orozco ao mando dunha coalición co BNG, inaugurou sete mandatos consecutivos con outras tantas maiorías electorais progresistas, o voto da tránsfuga ex-integrante do PSdeG María Reigosa permite á popular Elena Candia vivir o seu primeiro día completo como alcaldesa da cidade da Muralla.
Antes deste primeiro día completo, nas primeiras horas tras a moción de censura que desbancou o goberno de PSdeG e BNG os populares combinaron decisións e xestos. No primeiro capítulo está a distribución de responsabilidades no novo gabinete, no que Candia inclúe á tránsfuga. No segundo, a retirada dunha bandeira de Palestina estina do Vello Cárcere, instalada hai algo máis de dous anos en solidariedade co pobo palestino e como mostra de rexeitamento ao xenocidio en Gaza.
O reparto de áreas divulgouno o PP de Lugo -non o Concello- a través dun comunicado aos medios no que indicou que Candia viña de "enviar aos servizos xurídicos para sinatura o decreto de organización" do gabinete. Nel a agora alcaldesa asume para si mesma unha área que aglutina "Medio Ambiente, Xestión Integral de Recursos Humanos e Seguridade" e reparte competencias entre os restantes once edís electos polo PP, pero tamén para a concelleira tránsfuga.
O PP asegura que o labor de Reigosa vai ser compatible coa lei que impide aos non adscritos como a edil tránsfuga ter "dereitos económicos e políticos superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia"
Atendendo a ese comunicado do partido, Reigosa "terá un traballo de supervisión política e programática de actuacións municipais en materia de infraestruturas de xeito transversal". E vaino facer, asegura, "respectando o artigo" da Lei de Bases de Réxime Local que impide aos edís non adscritos, condición formal da tránsfuga ter "dereitos económicos e políticos" que sexan "superiores aos que lles corresponderían se permanecesen no grupo de procedencia".
Dáse a circunstancia de que, ao chegar á corporación como concelleira do PSdeG substituta do falecido Pablo Permuy, Reigosa converteuse en concelleira de Cohesión Territorial -responsable de Zona Rural do goberno de coalición-, pero apenas dous meses despois renunciou alegando diversas discrepancias. A continuación permaneceu como edil socialista sen responsabilidades de goberno e despois, tras darse de baixa como militante do PSdeG, virou en non adscrita sen renunciar á acta.
Desta maneira, asignarlle formalmente a Reigosa labores de goberno implicaría, aparentemente, un incremento de dereitos políticos. Resta saber, non obstante, se o seu papel figura ou non no decreto de organización ditado por Candia e, asemade, se ese "traballo de supervisión política" implica ou non remuneración, o cal o PP lucense evitou aclarar. Alén da lei, a recente sentenza sobre o goberno tránsfuga de Sada en 2022 ou a anterior sobre o nomeamento dunha ex-edil de Ciudadanos como membro do goberno do PSdeG da Coruña en 2020 reafirmaron esa limitación.
Bandeira palestina fóra do Vello Cárcere
A bandeira de Palestina fora instalada neste centro cultural e de memoria histórica hai dous anos pola área de Cultura, que xestionaba o BNG, para "reivindicar a paz e a solidariedade cun pobo que está sendo arrasado"
Mentres o PP facía públicos os plans de Candia para o seu goberno tras a censura, a bandeira palestina desaparecía da varanda do Vello Cárcere. Trátase do centro cultural e de memoria histórica -o Estado anunciou recentemente a súa declaración como Lugar de Memoria- que funciona dende 2017 como resultado da aplaudida recuperación e rehabilitación da antiga prisión por parte dos gobernos da esquerda. Anteriores gabinetes do PP utilizárano para albergar algúns servizos municipais, coma os ligados á Policía Local, tras deixar de funcionar como cadea a comezos dos 80.
Ata este xoves O Vello Cárcere dependía da área de Cultura xestionada polo BNG, que dende hai algo máis de dous anos pendurara a bandeira para "reivindicar a paz e a solidariedade cun pobo que está sendo arrasado", lembraba tras a retirada quen ata agora era tenente da alcaldía, Rubén Arroxo. "A primeira medida é arrincar un símbolo solidario e pola paz, non veñen achegar nada por Lugo, veñen destruír e impoñer a súa doutrina", lamenta. A plataforma Lugo por Palestina concentrarase este sábado ás 12 ante O Vello Cárcere para reclamar a reposición dunha bandeira contra a que unha particular xa litigara en diversas instancias o pasado ano.
Moción de censura en Lugo
-
Miguel Fernández e Rubén Arroxo, aínda como alcalde e tenente da alcaldía, agradecen dende o balcón do Concello o apoio veciñal -
Concentración da plataforma 'Transfuguismo non, democracia si' ás portas do Concello de Lugo unha hora antes do pleno da moción de censura 7 de maio de 2026 -
Cargos do PP acumúlase no acceso á casa do Concello de Lugo para ocupar o espazo do público no pleno 7 de maio de 2026 -
Miguel Fernández, atendendo a prensa aínda como alcalde de Lugo antes da moción de censura 7 de maio de 2026 -
Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, dando os parabéns a Candia tras ser elixida alcaldesa de Lugo 7 de maio de 2026 -
Elena Candia ergue o bastón de mando tras a aprobación da moción de censura no Concello de Lugo 7 de maio de 2026 -
O grupo municipal do PP e a concelleira tránsfuga posan con Candia tras a aprobación da moción de censura 7 de maio de 2026
Entre as razóns que o PP alegou para xustificar a moción de censura coa tránsfuga figuraba a, ao seu xuízo, necesidade de que o goberno lucense se afastase de cuestións "ideolóxicas". Porque cómpre, consideran, centrarse en resolver "problemas" reais e urxentes da veciñanza desatendidos nos últimos anos.