A sétima maioría absoluta consecutiva das esquerdas no Concello lucense queda alterada de vez pola suma da ex-socialista Reigosa aos populares para desbancar o goberno de PSdeG e BNG e entregar o bastón de mando a Elena Candia
A sétima maioría absoluta consecutiva das formacións de esquerdas no Concello de Lugo, composta polos resultados das eleccións municipais de maio de 2023, vén de quedar definitivamente alterada pola concelleira tránsfuga María Reigosa. A ex-socialista, edil dende finais de 2025 tras correr a lista do PSdeG pola morte do concelleiro Pablo Permuy, uniu este 7 de maio o seu voto aos do grupo do PP para desbancar o goberno municipal de PSdeG e BNG presidido por Miguel Fernández e entregar a alcaldía a Elena Candia.
O pleno estivo precedido dunha nova manifestación da plataforma Transfuguismo non, democracia si, que aclamou con aplausos ao ata agora alcalde socialista, Miguel Fernández, e mais a quen agora deixa de ser tenente da alcaldía, o nacionalista Rubén Arroxo, quen agradeceron xuntos o apoio dende o balcón da casa do Concello. Mentres a mobilización se desenvolvía, cargos institucionais e orgánicos do PP -dende alcaldes ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ou a secretaria xeral do partido, Paula Prado- acumuláranse no acceso á casa consistorial para ocuparen os asentos do pleno reservados ao público, cuxo acceso procurou facilitar a presidenta da mesa de idade, a concelleira do PP Flora Rubinos.
Moción de censura en Lugo
-
Miguel Fernández e Rubén Arroxo, aínda como alcalde e tenente da alcaldía, agradecen dende o balcón do Concello o apoio veciñal -
Concentración da plataforma 'Transfuguismo non, democracia si' ás portas do Concello de Lugo unha hora antes do pleno da moción de censura 7 de maio de 2026 -
Cargos do PP acumúlase no acceso á casa do Concello de Lugo para ocupar o espazo do público no pleno 7 de maio de 2026 -
Miguel Fernández, atendendo a prensa aínda como alcalde de Lugo antes da moción de censura 7 de maio de 2026 -
Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, dando os parabéns a Candia tras ser elixida alcaldesa de Lugo 7 de maio de 2026 -
Elena Candia ergue o bastón de mando tras a aprobación da moción de censura no Concello de Lugo 7 de maio de 2026 -
O grupo municipal do PP e a concelleira tránsfuga posan con Candia tras a aprobación da moción de censura 7 de maio de 2026
Un perceptible clima de mobilización e tensión marcou o pleno no que a a ex-rexedora de Mondoñedo obtivo o bastón de mando -entrega da que PSdeG e BNG se ausentaron- ao que lle impediran acceder os resultados electorais, que outorgaran ao PP 12 votos no pleno municipal, un por baixo da absoluta e un menos dos 13 logrados pola suma de PSdeG (8) e BNG (5). Co concurso imprescindible da tránsfuga para todas as decisións que impliquen votacións en pleno, Candia disporá de doce meses nunha alcaldía que os populares non ostentan grazas ao sufraxio veciñal dende o mandato iniciado en 1995 e rematado en 1999. A elección implica, por incompatibilidade sobrevida, a súa marcha do Parlamento.
A ex-rexedora de Mondoñedo convértese na cuarta alcaldesa dun mandato marcado no Concello de Lugo polas fatalidades alleas á política, entre elas a morte do socialista Pablo Permuy, que propiciou o acceso de Reigosa á acta de concelleira
Desta maneira, ata cando menos a vindeira cita coas urnas de maio de 2027, María Reigosa -que renunciou á súa quenda de intervención no pleno- convértese xunto a Candia en coprotagonista dun goberno do PP do que a lei e recentes sentenzas lle impiden ser membro, pero que nunca existiría se non rachase coa candidatura que lle deu acceso á acta de concelleira. Fíxoo dende apenas dous meses despois de chegar á corporación; primeiro renunciando ás competencias de Zona Rural que lle asignara o alcalde -por discrepancias en canto a organización e por non lle outorgaren unha dedicación exclusiva, alegou-, despois dándose de baixa no PSdeG e a continuación, marchando do Grupo Municipal Socialista para ficar como non adscrita.
Grazas a ela Candia é a cuarta alcaldesa dun mandato marcado no Concello lucense polas fatalidades alleas á política. Non en van, despois de que a primeira remuda na alcaldía se producise a comezos de 2024, cando Lara Méndez renunciou para concorrer ás eleccións galegas como número dous de José Ramón Gómez Besteiro na lista provincial do PSdeG, a segunda chegou apenas un ano despois, polo falecemento da alcaldesa Paula Alvarellos.
Despois deses dous primeiros corrementos de lista, e xa con Miguel Fernández na alcaldía, a morte do tamén socialista Pablo Permuy en setembro de 2025 deu lugar ao terceiro, o que abriu as portas do Concello a Reigosa. O loito aínda regresou ao goberno local noutra ocasión, hai apenas un mes, co falecemento da concelleira Olga López Racamonde, titular de Cohesión Social no goberno agora desbancado.
"Atentado á vontade popular" que viu "na traxedia unha oportunidade"
Miguel Fernández augura que o que Rubén Arroxo alcuma como "pacto das trapalleiras" será "principio da fin política de quen o promove e apoia". "Lugo non merece isto" e "saberá lembrar" dentro dun ano nas urnas, afirman
Nos seus últimos minutos como alcalde Fernández empregou a quenda de intervención que a lei lle concede para condenar o que considera unha "traizón á cidadanía", un "atentado á vontade popular" que, augura, será "o principio da fin política de quen a promove e de quen o apoia". Lugo, coida o xa ex-rexedor "saberá lembrar" e "xulgar" nas urnas unha operación "moralmente inaceptable" para a que o PP "viu na traxedia" das mortes de membros do PSdeG "unha oportunidade para acadar o poder que a cidadanía non lle concedeu nas urnas" e facelo mediante o transfuguismo, "unha práctica que distorsiona" o veredito das urnas.
"Lugo non merece isto", razoa Fernández e "Lugo non esquece", mantén Arroxo, quen advirte de que "aquí unha persoa sen palabra sempre foi un ninguén" e "non hai nada peor nunha persoa que traizoar a súa palabra ou mercadear con quen o fai". "Aquí iso sempre tivo un nome: trapalleiros", afirma o nacionalista, para quen cabe alcumar a alianza de Candia e Reigosa como "pacto das trapalleiras", responsables dun "clima de crispación e inestabilidade que xamais se dera nesta cidade" e de "tirar por terra o traballo" do goberno local "a cambio de ambición persoal".
Candia, pola súa banda, defendeu a moción de censura aludindo ao que considera diversos incumprimentos e mostras de parálise da cidade para concluír que Lugo "merece un goberno distinto". Entre mencións ao funcionariado do Concello, ao que sinala como unha das prioridades, a tamén líder provincial do PP reivindicouse como "constitucionalista convencida" para resaltar a legalidade da moción de censura coa edil tránsfuga e asegurou que se dispón a que Lugo, baixo o seu mandato, "recupere o orgullo da cidade".
Candia reivindícase como "constitucionalista" para resaltar a legalidade da operación e bosquexa promesas como eliminar tramos de carril bici, "desbloquear" proxectos coa Xunta ou "un San Froilán para todos" dende "un enorme exercicio de non rancor"
Xa como alcaldesa bosquexou, asemade, as que sinala como prioridades do goberno do PP. Entre elas, avanza, "modificar o Plan de Mobilidade" recentemente aprobado, "eliminar tramos de carril bici infrautilizados" ou outorgar máis espazo para aparcar coches privados na cidade. Tamén, asegura, dotará de máis fondos a entidades sociais da cidade, vai conseguir "desbloquear" proxectos mediante o "entendemento con outras Administracións", en referencia á Xunta, e vai celebrar "un San Froilán para todos".
Todo isto, sostén, vaino facer dende "un enorme exercicio de non rancor" porque ela, asegura, non é "rancorosa". E por iso vai "tender a man" como, di, xa fixo "dende a oposición", etapa na que di, os populares foron "leais en todos e cada un dos momentos difíciles", reivindicou entre alusións á recente inauguración dunha escultura na honra da falecida alcaldesa Paula Alvarellos, impulsada polo goberno agora desbancado.
Contra os estatutos do PP
Alén das críticas da plataforma cidadá contraria ao transfuguismo e da obvia oposición de socialistas e nacionalistas, a operación culminada polo grupo de Candia da man de Reigosa contradí tamén ás claras as normas internas do propio PP. Non en van, os estatutos do partido aprobados en 2025 polo congreso que reelixiu a Alberto Núñez Feijóo como líder estatal, deixan calro que "cometen infracción moi grave quen pertencendo a un Grupo Institucional do Partido utilicen ou se vallan de tránsfugas doutros partidos para constituír ou cambiar maiorías de goberno nas institucións públicas".
As normas internas do PP castigan coa suspensión de militancia ou a expulsión a quen "utilice ou se valla de tránsfugas doutros partidos para constituír ou cambiar maiorías de goberno"
Os mesmo artigo dos estatutos vixentes do PP detallan as sancións para a militancia que cometa estas infraccións. Consisten na "suspensión de afiliación por un período de tempo entre catro e seis anos" ou "inhabilitación para desempeñar cargos no seo do Partido ou en representación deste por igual período de tempo", posibilidades ambas "non excluíntes entre si". Tamén contempla a posibilidade da "expulsión do partido".
Esta é, así e todo, a segunda ocasión en que Candia accede a un cargo de goberno grazas ao voto dun membro doutro grupo que racha co seu propio partido. A primeira foi en 2015, cando o daquela alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, traducira os seus enfrontamentos internos en propiciar a elección da daquela alcaldesa de Mondoñedo como presidenta da Deputación -votándose na investidura si mesmo e despois, en branco-. O posto duráralle daquela apenas medio ano, o que tardara Martínez en chegar a un acordo para devolver o goberno da institución á esquerda.