O equipo encabezado polo socialista Miguel Fernández e o nacionalista Rubén Arroxo investiu os últimos días en amosar obras e iniciativas rematadas, a piques de facelo ou que en condicións normais despregarían no ano restante atas as eleccións
Agás sorpresa maiúscula, o goberno de PSdeG e BNG no Concello de Lugo vive as súas últimas horas neste mandato. As que restan ata que o pleno municipal vote, no mediodía deste xoves 7 de maio, a moción de censura asinada polo PP local canda a tránsfuga ex-socialista María Reigosa, que na véspera da xornada clave deu en aclarar eventuais dúbidas ratificando que votará "si" porque "confía" no que pode facer como alcaldesa quen tras as eleccións municipais de 2023 non logrou maioría para ser investida como tal, a popular Elena Candia.
Dadas as circunstancias, o goberno encabezado polo socialista Miguel Fernández e o nacionalista Rubén Arroxo investiu estes últimos días, mesmo as últimas horas, en apurar a presentación de proxectos en marcha. Obras a piques de rematar e decisións administrativas xa culminadas, pero tamén balances e primeiros pasos de iniciativas previstas ata a vindeira cita coas urnas e que, consideran, pasan a estar en risco coa chegada do PP a un goberno que o voto veciñal non lle outorga dende o mandato 1995-99.
Entre as presentacións máis significativas, por dimensión, destaca a da estación intermodal. A terminal, de competencia estatal -a parte ferroviaria- e autonómica -a de autobuses- ten previsto o seu remate para o vindeiro xuño. O pasado luns, acompañado polo delegado do Goberno de España, Pedro Blanco, e mais polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o alcalde fixo fincapé na alianza co propio Concello para unhas obras que os gobernos de Rajoy deixaran arrombadas e que "son a proba de que Lugo está en marcha".
Os pasos finais da estación intermodal e de varias obras viarias, a programación cultural ligada ao Arde Lucus ou os patrocinios do Breogán foron presentados polo gabinete de PSdeG e BNG antes da inminente chegada de Candia grazas ao voto da edil tránsfuga
Neste contexto, Fernández avanzou a inminente sinatura dun convenio co Adif para "conectar a nova infraestrutura coa zona alta da cidade a través dun sistema de ramplas e ascensores", unha das grandes cuestións pendentes. "Lugo sabe quen cumpriu coa intermodal e quen a bloqueou durante anos, iso nas urnas non se esquecerá", agregaba Besteiro.
Tamén da man do Estado, neste caso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o alcalde presentaba o remate das obras que uniron o paseo do río Rato co do Miño, cinto verde situado no que noutrora era unha área degradada. E xunto á presidenta da Deputación, a tamén socialista Carmela López, comprobou o avance dos traballos de reforma da avenida Adolfo Suárez e da rúa Filharmónica Lucense, na contorna do Pazo dos Deportes.
Diversas obras foron tamén as presentadas dende a área municipal de Infraestruturas, dependente da Tenencia de Alcaldía. Así, por exemplo, a área de Rubén Arroxo lanzou o contrato da pasarela peonil sobre a Rolda da República Arxentina, entre os parques de Rosalía e Marcos Cela ou expuxo á veciñanza o proxecto de humanización das rúas Otero Pedrayo e Río Sil. Tamén presentou os proxectos de oito rotondas en diversos puntos da cidade que o seu departamento tiña ultimados. "Non sabemos como van quedar estes proxectos e é algo que nos preocupa", reflexiona o nacionalista.
"Non sabemos como van quedar estes proxectos e é algo que nos preocupa"
Alén das obras, o aínda goberno de Lugo optou por presentar antes da chegada de Candia ao goberno grazas á concelleira tránsfuga outras accións que, en condicións normais, amosaría en vindeiras semanas. É o caso da programación cultural ligada ao Arde Lucus, festa creada durante os gobernos progresistas e que neste 2026 celebra o seu primeiro cuarto de século. Tamén da programación completa do Caudal Fest, que se celebra a finais do verán.
O mesmo sucedeu coa aprobación dos patrocinios para o Club Baloncesto Breogán neste ano 2026 e mais para os dous seguintes. Xa recibiron o visto e prace do goberno local e foron presentados este mesmo mércores, na véspera da censura, polo alcalde canda o conxunto de baloncesto lucense.
Ao tempo, o goberno lucense adiantou a publicación dun vídeo encadrado no Día de Europa, que se celebra o día 9. Ao fío do cuadraxésimo aniversario da adhesión de España á UE, destaca diversas transformacións urbanas financiadas con fondos europeos nos últimos anos na cidade baixo unha elocuente pregunta: "Recordas como era a nosa cidade hai unhas décadas?".