A Xunta apela á protección de datos para non revelar se cubriu a praza baixo sospeita pola censura en Lugo

A conselleira de Medio Ambiente, co delegado da Xunta en Lugo e a secretaria xeral da Consellería, nunha imaxe de arquivo na sede lucense do Goberno galego CC-BY-SA Xunta

O pasado 21 de abril, na véspera de que o PP ratificase a súa intención de presentar unha moción de censura no Concello de Lugo canda unha concelleira tránsfuga, a ex-socialista María Reigosa, as forzas que compoñen o Goberno municipal, PSdeG e BNG, alertaban do que consideraron un episodio de "extrema gravidade". A Xunta, advertían, viña de convocar pola vía da comisión de servizos a Xefatura do Servizo do Litoral de Lugo requirindo un "perfil formativo e profesional que cadraba "de maneira significativa co currículo da edila tránsfuga".

PSdeG e BNG viron a Xefatura do Litoral de Lugo convocada 'á medida' da edil tránsfuga María Reigosa, que ao confirmar a moción de censura con Candia asegurou que non se presentaría malia ser "legal" facelo

Socialistas e nacionalistas viron na convocatoria desta comisión de servizos, figura excepcional e discrecional que permite situar o funcionariado nun posto diferente ao seu, unha caste de traxe á medida para Reigosa. Pola súa condición de tránsfuga esta enxeñeira de camiños e funcionaria de Costas do Estado tería legalmente vetada a participación nun eventual goberno do PP en Lugo e compensaríana por esta vía, crían. Ao día seguinte, en comparecencia de prensa canda a líder dos populares lucenses, Elena Candia, Reigosa asegurou que non concorrería á praza malia ser "legal" facelo e agora a Consellería de Medio Ambiente, da que depende o posto, evita revelar se a cubriu apelando á protección de datos.

A concelleira tránsfuga María Reigosa, durante a comparecencia con Candia para anunciar a moción de censura, na que asegurou que non concorrería á praza de Litoral CC-BY-NC-SA Praza.gal

A controvertida convocatoria abrírase o 21 de abril e, aberta a funcionariado da Xunta e do Estado, tiña prazo de presentación ata o día 27 de abril. Tras esa data Praza.gal preguntou ao departamento que dirixe Ángeles Vázquez se a cubrira e, se non o fixera, se prevía volver ofertala pola mesma vía proximamente, como xa fixera dúas veces en febreiro de 2025 (os días 14 e 25 daquel mes) e tamén en marzo e maio daquel ano, cando a cubriu, segundo puido confirmar este xornal, cunha persoa cuxo posto funcionarial de orixe está nun organismo dependente da mesma Consellería.

Medio Ambiente non revela se cubriu a praza porque "prima a protección de datos referidos ás persoas participantes" e di que "cando haxa resolución, daráselle publicidade polos mesmos medios que se fixo o anuncio" malia que estas adxudicacións non son divulgadas

Nunha resposta oficial, Medio Ambiente enmarca a convocatoria do pasado abril "nun procedemento administrativo ordinario e regrado que se dá sempre que se produce unha vacante deste tipo", sen especificar se existiu renuncia ou outra circunstancia na persoa que a viña exercendo. Engade que "nestes procesos prima a protección de datos referidos ás persoas participantes", polo que "non se informa de cada paso que segue a tramitación precisamente porque son procedementos puramente administrativos e totalmente ordinarios". Este diario non cuestionara o Goberno polo nome da persoa que ocupou a praza, se fose o caso, senón a respecto de se fora cuberta ou non.

A mesma contestación da Consellería indica que "cando haxa resolución, a información correspondente será publicada convenientemente e daráselle publicidade polos mesmos medios que se fixo o anuncio da praza". O portal web que recompila os anuncios das comisións de servizo da Xunta non inclúe as adxudicacións das prazas, que tampouco se divulgan para o público en xeral por vía ningunha, como confirman fontes administrativas consultadas por Praza.gal. Neste sentido, o Consello de Contas e mesmo ditames xudiciais advertiron nos últimos anos da ausencia de publicidade destas resolucións, así como de eivas e falta de transparencia na motivación e prórrogas das comisións de servizo.

O presidente Rueda e o delegado do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, nunha imaxe de arquivo no edificio administrativo lucense da Xunta CC-BY-SA Xunta

Mentres isto sucede, dende a dirección do PPdeG lévanse ao terreo da mentira as sospeitas de socialistas e nacionalistas sobre unha compensación para Reigosa a través do Goberno galego. Ao tempo, o presidente Rueda non descarta que a tránsfuga opte a prazas da Xunta e só desbota a que ela dixo rexeitar.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.