"Non me quero adiantar", di o presidente, que se limita a insistir en que María Reigosa, funcionaria estatal, asegura que non se presentará ao posto agora convocado na administración autonómica
María Reigosa, a tránsfuga que vai dar a alcaldía de Lugo ao PP o 7 de maio nunha moción de censura, desbotou persoalmente que opte á praza do servizo de Costas que a Xunta vén de convocar en Lugo no que PSdeG e BNG consideraron un movemento 'a medida' para facilitar a operación política. A ese desmentido remitiuse este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao ser preguntado polas circunstancias que rodean esa praza. Pero cando o presidente foi preguntado pola posibilidade de que Reigosa, funcionaria estatal, opte a outras prazas da Xunta, a súa resposta deixou a porta aberta: "Non me quero adiantar", dixo.
"Se ao final optase, pois entón outra cousa sería a decisión que tomásemos", di Rueda, que non quere ser "responsable do que vai facer unha persoa"
O presidente foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns se "pode garantir vostede que esa edil non vai optar a ningunha praza convocada pola Xunta, se esa porta queda fechada ou queda aberta". A súa resposta textual foi a seguinte: "Vostede me di que eu me faga responsable do que vai facer unha persoa. Eu remítome ao que dixo e anunciou publicamente, que non optaría a esa praza, polo tanto eu quedo con iso. Se ao final optase, pois entón outra cousa sería a decisión que tomásemos. Pero é que non me quero adiantar, sinceiramente, porque dixo publicamente despois de ser acosada, de dicir todos os demais que todo respondía a unha estratexia para esa finalidade, ela mesma dixo que non optaría a esa praza".
A comisión de servizos posta en cuestión pola oposición, un tipo de convocatoria cunha ampla discrecionalidade para a administarción, tiña un prazo de presentación que remata este luns 27 de abril e se esa xefatura do servizo de Costas queda baleira a Xunta pode volver convocala.
Rueda tamén foi preguntado pola decisión do PP de presentar a moción de censura en lugar de agardar un ano ás eleccións municipais e se iso supón que non o partido non tiña confianza no resultado electoral. O líder popular deu a volta á pregunta e na súa resposta dixo que estes días non leu nin escoitou "ningunha razón de por que o que se está a facer en Lugo pode evitar a moción de censura". "Seguro que intención da futura alcaldesa, se prospera a moción de censura, é recuperar este ano todo o tempo perdido e presentarse coas mellores credenciais para revalidar a alcaldía cando sexan as eleccións", dixo Rueda, que non citou á popular Elena Candia en ningún momento senón que se chegou a referir a ela como "a persoa proposta como posible alcaldesa".
Rueda tamén dixo que "igual que é democrático manifestarse, tamén é democrático usar unha vía prevista na lei como é a moción de censura". E sobre a manifestación en contra celebrada o pasado venres o presidente salientou "a orixe de fóra de Lugo de moitos dos que estaban alí".