A masiva resposta da cidadanía desbordou as previsións dos convocantes e rapidamente encheu a Praza Maior da capital lucense
Unha gran multitude acudiu este venres á chamada da plataforma Transfuguismo Non, Democracia Si, que convocara a veciñanza lucense manifestarse ante a Casa do Concello para "defender a dignidade da política, o respecto ás regras do xogo e a vontade da cidadanía" en resposta á moción de censura presentada polo PP co apoio da tránsfuga María Reigosa.
A masiva resposta da cidadanía desbordou as previsións dos convocantes e rapidamente encheu a Praza Maior da capital lucense. O lema que dá nome á plataforma, “Transfugismo non, democracia si”, foi un dos berros máis repetidos polos manifestantes e foi a idea central que en varias ocasións se repetiu na lectura do manifesto.
Á concentración asistiron non só o aínda alcalde socialista Miguel Fernández, o tenente de alcalde Rubén Arroxo (BNG) e o resto de edís da actual corporación municipal, senón tamén rexedores e rexedoras chegadas doutras cidades e vilas, como a compostelá Goretti Sanmartín. Tamén, o líder do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro.
Para a plataforma Transfuguismo NON, Democracia SI, que cifrou en 6.500 persoas o número de asistentes, "a mobilización puxo de manifesto que existe unha maioría social comprometida coa defensa dos valores democráticos e co respecto á vontade expresada nas urnas"
A plataforma Transfuguismo NON, Democracia SI, que cifrou en 6.500 persoas o número de asistentes á concentración, agradeceu "o apoio masivo" e subliñou que "a mobilización puxo de manifesto que existe unha maioría social comprometida coa defensa dos valores democráticos e co respecto á vontade expresada nas urnas"
No transcurso da concentración, fixéronse chamamentos á "responsabilidade" e á "coherencia política", lembrando que "as decisións individuais poden ter consecuencias duradeiras na confianza cidadá". Neste senso, a plataforma reiterou "a invitación a rectificar e a evitar unha situación que podería supoñer unha grave decepción para a veciñanza".
Tras unha introdución de Lois Pérez, un dos voceiros da plataforma, o texto foi lido por Isidoro Rodríguez, Luz Dariba e Bernardino Pardo, que comezaron sinalando que "Lugo está a vivir o capítulo máis escuro do noso período democrático" e alertou de que a moción de censura presentada valéndose do falecemento de tres edís e da sinatura dunha concelleira tránsfuga é "un feito grave que interpela directamente os valores democráticos que sosteñen a nosa convivencia".
"Lugo non precisa máis confrontación. Non precisa máis ruído. Non precisa estratexias que bloqueen o seu desenvolvemento e desvíen a atención dos verdadeiros retos", destaca o manifesto, que rematou indicando que "o lugar lexítimo para decidir o futuro goberno de Lugo é maio de 2027. Ese é o momento no que a veciñanza debe avaliar, decidir e outorgar ou retirar a súa confianza. Adiantar ese veredicto mediante prácticas cuestionables non só é inxusto: é profundamente daniño".
"Hoxe máis ca nunca, é necesario defender a dignidade da política, o respecto ás regras do xogo e a vontade da cidadanía", rematou o manifesto
"Hoxe máis ca nunca, é necesario defender a dignidade da política, o respecto ás regras do xogo e a vontade da cidadanía. Hoxe máis ca nunca, é necesario dicir alto e claro: Transfugismo non. Democracia si. Lugo merece respecto. Lugo merece honestidade. Lugo merece decidir.o para a saúde democrática da nosa cidade", rematou o manifesto.
Na mañá do venres, o BNG lucense celebrou unha asemblea aberta na que militancia e simpatizantes valoraron a situación creada tras a presentación da moción de censura. O portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, afirmou que "é indecente e inaceptable o golpe de estado que o PP está a levar" e reclamou "respeto á decisión tomada pola veciñanza de xeito democrático hai 3 anos".
Este sábado 25 de abril, coincidindo co aniversario da Revolución dos Caraveis, a Tenencia de Alcaldía convoca á veciñanza lucense para un canto popular aberto da canción Grândola, Vila Morena. Será ás 13.45 horas na Praza da Mosqueira. O acto, que en calquera outro momento tería unicamente como protagonista a lembranza da revolución portuguesa de 1974, probablemente gañará en actualidade, cunha significación ligada á moción de censura presentada polo PP.