A ex-socialista María Reigosa ratifica a súa intención de pasar de non adscrita a tránsfuga para entregar aos populares de Elena Candia un goberno que non logran coas maiorías saídas das urnas dende hai 31 anos
O ruxerruxe vira en papel con trece sinaturas. As dos doce membros do grupo do PP no Concello de Lugo canda María Reigosa, a ex-socialista que vén de ratificar a súa intención de pasar de non adscrita a tránsfuga para entregar aos populares de Elena Candia o goberno ao que ela mesma chegou hai poucos meses por mor da morte dun compañeiro de candidatura, Pablo Permuy, para optar por marchar del pouco despois.
Tras semanas a escenificar o achegamento, Reigosa culmina a súa adhesión á operación para desbancar do goberno local á coalición de PSdeG e BNG. Faino, ademais, nun contexto marcado pola convocatoria na Xunta dunha praza en comisión de servizo na Xefatura do Litoral de Lugo que socialistas e nacionalistas vén feita á medida para colocar á agora tránsfuga, que legalmente non podería ser parte do goberno que conforme o PP. A Consellería de Medio Ambiente, da que depende, encádraa na normalidade administrativa produto, di, da renuncia do ata agora titular do posto.
Candia e Reigosa confirmarán a operación ás 14:15 deste mércores ante os medios de comunicación nunha comparecencia no hotel Méndez Núñez da capital lucense canda o resto de membros do Grupo Municipal do PP. Ambas veñen de convocar a comparecencia en calidade de "asinantes" da moción, que xa foi rexistrada no Concello.
Caerá así o goberno encabezado polo alcalde socialista Miguel Fernández dende hai apenas un ano. O aínda alcalde accedera ao posto tras o pasamento da alcaldesa Paula Alvarellos, quen estaba no cargo dende comezos de 2024, cando Lara Méndez renunciou para concorrer ás eleccións galegas como número dous de José Ramón Gómez Besteiro na lista provincial do PSdeG.
A ex-rexedora de Mondoñedo logrará por esta vía unha alcaldía da que quedou ás portas nas eleccións de 2023, cando PSdeG e BNG volveron sumar maioría absoluta para un mandato marcado pola fatalidade polo pasamento da alcaldesa Paula Alvarellos e doutros dous edís do PSdeG
Dentro de semana e media, daquela, a ex-rexedora de Mondoñedo e líder provincial do PP erguerá un bastón de mando que o PP perdeu hai vinte e sete anos, en 1999, tras gañalo por última vez hai 31, nos comicios de 1995. Dende aquela, en seis eleccións municipais consecutivas máis as urnas deron lugar a maiorías de esquerdas con diferentes composicións, dende a absoluta de Xosé López Orozco en 2007 ata o axustado resultado de 2023, cando tanto PSdeG como BNG ascenderon en votos e sumaron maioría de goberno mentres o PP, primeira forza, ficaba ás portas no debut de Candia tras un forte avance derivado, sobre todo, de absorber votantes que en anteriores convocatorias levara Ciudadanos.
Foi así como hai tres anos quedou composta unha corporación con 8 edís socialistas, 5 do Bloque e 12 do PP, un un grupo de goberno de 13 membros no que emerxeron tensións internas do PSdeG en varios momentos, pero que sobre todo foi golpeado polas fatalidade alleas á política ata en tres ocasións. A última a principios deste mes de abril, coa morte da edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde. Non en van, no pleno do que previsiblemente Candia sairá investida tomará posesión a concelleira que substituirá á compañeira falecida.
Agás un improbable desmarque de última hora por parte de Reigosa esta será a segunda ocasión na que o PP de Lugo acada un cargo institucional para Candia apoiado nunha forma de transfuguismo. A anterior foi en 2015, cando o daquela alcalde de Becerreá polo PSdeG, Manuel Martínez, traducira os seus enfrontamentos internos en propiciar a elección da daquela alcaldesa de Mondoñedo como presidenta da Deputación -votándose na investidura si mesmo e despois, en branco-. O posto duráralle daquela apenas medio ano, o que tardara Martínez en chegar a un acordo para devolver o goberno da institución á esquerda.
O aínda goberno lucense dá por feito que serán doce meses nos que Candia esgrimirá investimentos da Xunta ata agora negados á cidade, mais no que tamén pesará o xeito en que chega ao poder cara a unhas eleccións que adquirirán trazas de referendo
Desta volta o primeiro horizonte que ten Candia ante si é pouco máis dun ano, o que resta de mandato ata as eleccións municipais. No seo do aínda goberno lucense dan por feito que serán doce meses nos que esgrimirá investimentos da Xunta -ou promesas de facelos- ata agora negados á cidade entre insinuacións de prácticas irregulares por parte de PSdeG e BNG.
Socialistas e nacionalistas coidan, non obstante, que o contexto no que chega ao poder, o apoio dunha tránsfuga que nunca sería concelleira se non morrese un compañeiro, será tamén clave cara a uns comicios que adquirirán trazas de referendo. Sobre a continuidade ou freo das mudanzas experimentadas pola cidade no que vai de século, mais tamén sobre a figura e modos políticos dunha Elena Candia que tamén aspira á Deputación en 2027.
Neste sentido, nos días en que o PP lucense acababa de cociñar a censura para obter un posto que virou en empeño persoal de Candia o PSdeG local facía transcender unha enquisa municipal encargada polo partido á Consultora Celeste-Tel. Segundo esa Sondaxe, informa El Progreso, a actual foto fixa do electorado permitiría a PSdeG e BNG reeditaren o goberno. Nunha corporación que pasará de 25 a 27 membros polo aumento poboacional da cidade, di o inquérito, os socialistas sumarían un edil ata chegar a 9 e o Bloque seguiría con 5, cun resultado de 14 fronte a un PP que seguiría con 12 e que non acadaría a absoluta uníndose ao concelleiro que lograría Vox. Segundo o mesmo estudo, a moción de censura do PP coa edil tránsfuga é rexeitada polo 55% do electorado.
A de Lugo será a oitava alcaldía que o PP obtén no que vai de mandato apoiándose en tránsfugas ou en independentes que mudan de voto. A operación lucense é, non obstante a politicamente máis significativa por tratarse dunha das principais cidades do país e basearse sen matices no transfuguismo.