A morte da edil Olga López Racamonde leva o loito ao goberno de Lugo por terceira vez nun ano

Olga López Racamonde, durante unha visita a un programa municipal de atención á terceira idade en Lugo © Concello de Lugo

A concelleira de Cohesión Social do goberno lucense faleceu aos 55 anos por mor do cancro de mama que padecía

O goberno de Lugo e, nomeadamente, a parte socialista que o lidera, está a transitar un dos mandatos politicamente máis complexos. E, sobre todo, un dos persoalmente máis duros nun contexto que vén de tinguirse de loito por terceira vez apenas un ano a causa do falecemento aos 55 anos de Olga López Racamonde, concelleira de Cohesión Social e persoa coñecida e prezada en moitos ámbitos da cidade pola súa longa traxectoria sanitaria.

O cancro de mama que padecía dende 2022 foi a causa do falecemento de López Racamonde, quen nos últimos anos volveu ofrecer mostras do seu carácter laborioso, teimosía, firmeza no traballo e convicción ao reiterar a súa vontade de manterse no labor municipal e facelo compatible cos tratamentos oncolóxicos. Así o manifestou en 2023 á ex-alcaldesa Lara Méndez ao volver formar parte da candidatura socialista na que debutara en 2019, aínda que eran moitos máis os anos que acumulaba de compromiso político e social.

Olga López Racamonde, durante unha comparecencia pública como concelleira de Cohesión Social de Lugo © Concello de Lugo

Antes da súa entrada na política institucional era xa unha persoa de fonda pegada en Lugo polo seu traballo como enfermeira especialista en Obstetricia e Xinecoloxía. Dende ese rol foi unha das matronas de referencia do Sergas na cidade e tamén profesora de longa traxectoria na Escola de Enfermaría.

O PSdeG lucense manifesta "desolación"  pola perda de quen "coidou de todos ata que o corpo xa non a deixou", salienta Besteiro

No PSdeG de Lugo non ocultan a súa "desolación" por este "golpe durísimo". "Olga déixanos un baleiro inmenso, foi o corazón deste partido, dedicou a súa vida enteira ao servizo de Lugo e a coidar da xente" e "mesmo nos momentos máis difíciles -destacan- seguiu cunha forza e cun compromiso admirables". "Defensora da sanidade pública, loitadora incansable polos dereitos das persoas máis vulnerables e polo benestar dos nosos maiores, Olga deixa un exemplo difícil de igualar", destaca o alcalde, Miguel Fernández.

Neste sentido manifestábase tamén o secretario xeral do partido, o lucense José Ramón Gómez Besteiro: "Olga López Racamonde saía do hospital para votar nos plenos e volvía. Así era ela. Así quería a Lugo. Así entendía o compromiso co socialismo e cos veciños e veciñas da súa cidade", salienta. "Matrona, profesora, concelleira. Coidou de todos ata que o corpo xa non a deixou", resaltou na súa nota de despedida.

Olga López Racamonde, visitando un centro de atención a maiores co alcalde de Lugo, Miguel Fernández © Concello de Lugo

"Nun ano moi duro, no que tamén marcharon Paula e Pablo, esta perda dóenos especialmente", lamenta o alcalde, Miguel Fernández, en referencia aos pasamentos da rexedora Alvarellos e do concelleiro Permuy

"O seu labor e o seu exemplo permanecerán na memoria colectiva de Lugo" resalta o Concello no comunicado oficial no que o goberno que encabeza Miguel Fernández declara tres días de loito oficial polo pasamento de Olga López Racamonde. Paralelamente o consistorio debe activar o proceso para cubrir o seu posto na corporación. A seguinte persoa na candidatura socialista de 2023 é Alberto Caldeiro, profesor e enxeñeiro técnico agrícola. 

A morte de López Racamonde chega poucas semanas despois do primeiro cabodano do pasamento da alcaldesa Paula Alvarellos, que a principios de 2024 remudara como rexedora a Lara Méndez, quen renunciara ao bastón de mando para concorrer ás eleccións galegas como número dous de Besteiro pola provincia. Apenas medio ano despois, en setembro 2025, falecía o tamén concelleiro socialista Pablo Permuy, titular da área de Recursos Humanos. "Nun ano moi duro, no que tamén se foron Paula e Pablo, esta perda dóenos especialmente", lamenta o rexedor lucense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.