Paula Alvarellos, a avogada que nun só ano deixou pegada como alcaldesa de Lugo

Paula Alvarellos, despois da súa toma de posesión como alcaldesa de Lugo © Concello de Lugo

A rexedora, de 61 anos, morreu nas primeiras horas deste sábado por mor do infarto que sufriu este venres cando asistía na Praza Maior ao Pregón do Entroido

Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo, faleceu nas primeiras horas deste sábado a consecuencia do infarto que sufriu este venres cando asistía na Praza Maior da cidade ao pregón do Entroido. Alvarellos, de 61 anos, foi levada inicialmente ao HULA, onde se lle practicou un cateterismo, e durante a madrugada foi trasladada ao CHUAC coruñés, especializado en intervencións cardiovasculares complexas, onde foi operada. Aínda que o seu estado era estable nese momento, a súa situación empeorou nas horas seguintes, confirmándose a morte horas despois. 

En xaneiro de 2024 substituíra a Lara Méndez como rexedora, despois do paso desta á política galega para ocupar un posto no Parlamento.  O tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo (BNG) asume temporalmente a Alcaldía, ata o nomeamento dun novo rexedor ou rexedora, que se escollerá entre os e as edís do PSdeG nun pleno extraordinario que será convocado nos vndeiros dez días.

Paula Alvarellos substituíu a Lara Méndez como alcaldesa de Lugo en xaneiro de 2024 © Concello de Lugo

No ano 2019 deu o paso á política, integrando as listas municipais do PSdeG-PSOE e formando parte do goberno de Lara Méndez, á que substituíu en xaneiro do pasado ano

Nacida en Ponteceso en 1963 e licenciada en Dereito na USC, levaba moitas décadas en Lugo, onde tivo unha longa traxectoria como avogada que a fixo merecedora de cariño e respecto en amplos sectores da sociedade lucense. Foi avogada da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), profesora no Mestrado da Avogacía da USC e traballou na inserción de expresos coa asociación Concepción Arenal, entre outras actividades.

No ano 2019 deu o paso á política, integrando as listas municipais do PSdeG-PSOE e formando parte do goberno de Lara Méndez como Tenenta de Alcaldesa Delegada da Área de Gobernanza: Economía e Recursos Humanos e Sostibilidade Urbana e Recursos Internos. O pasado ano deu o salto á Alcaldía en substitución de Méndez.

"Paula non só foi unha gran alcaldesa, sempre comprometida cos problemas da cidadanía e co avance da cidade, senón tamén unha militante moi traballadora, unha persoa próxima, leal e disposta a sumar en todo momento", di o PSdeG

O PSdeG vén de facer público un comunicado no que "lamenta fondamente" o falecemento de Paula Alvarellos, á que cualifica de "compañeira exemplar". "Paula non só foi unha gran alcaldesa, sempre comprometida cos problemas da cidadanía e co avance da cidade, senón tamén unha militante moi traballadora, unha persoa próxima, leal e disposta a sumar en todo momento", sinala o PSdeG, que destaca que "a súa pegada quedará en Lugo e no noso partido". "Desde o PSdeG atoparemos a mellor maneira de honrar a súa memoria: traballando con responsabilidade e compromiso pola cidade que tanto amou", remata a nota.

Paula Alvarellos, con José Ramón Gómez Besteiro, José Tomé, Lara Méndez e outros dirixentes do PSdeG durante a celebración do último Primeiro de Maio en Lugo © PSdeG-PSOE

"Foi moito máis que unha alcaldesa. Era unha persoa cercana e empática, alguén que sabía escoitar. Sempre honrada e íntegra, o seu compromiso co Concello e coa súa xente ía máis alá da responsabilidade institucional: era unha convicción persoal, unha forma de entender a política desde a proximidade e a humanidade", destaca o Concello de Lugo

O Concello de Lugo vén de anunciar a suspensión de todos os actos de Entroido ata o martes ao mediodía. Ademais, declara tres días de loito oficial no termo municipal, ata as 13 horas do martes 4 de marzo. Durante este período a bandeira do concello ondeará a media asta no exterior da casa consistorial e no resto das dependencias municipais.

Nunha nota de prensa, o Concello trasladou "o seu profundo pesar" polo inesperado falecemento e a "perda irreparable" nun momento "de enorme dor para a cidade". "Quen tivo a sorte de compartir con ela esta aventura, de traballar ao seu lado, sabe que Paula Alvarellos foi moito máis que unha alcaldesa. Era unha persoa cercana e empática, alguén que sabía escoitar, unir equipos e crear espazos de confianza e motivación. Sempre honrada e íntegra, o seu compromiso co Concello e coa súa xente ía máis alá da responsabilidade institucional: era unha convicción persoal, unha forma de entender a política desde a proximidade e a humanidade", destaca a institución.

O alcalde en funcións, Rubén Arroxo, subliñou que é "un día durísimo que impactou a toda a cidade de Lugo" e afirmou que "Paula demostrou a súa capacidade para ser constructiva e xerar consensos, valores moi necesarios na política".

Paula Alvarellos, en rolda de prensa © Concello de Lugo

O Concello declara tres días de loito oficial e suspende ata o martes ao mediodía toda a programación do Entroido

Tamén o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, publicou nas redes sociais as súas condolencias, dicindo sentirse "conmocionado e profundamente triste polo repentino falecemento da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos". "Progresista, loitadora e comprometida con Lugo, a súa perda é un golpe tremendo para a familia socialista", afirmou o líder do PSOE.

O PPdeG lamenta "profundamente" o pasamento da alcaldesa de Lugo e comunica o seu "máis sentido pésame" á súa familia, amigos e compañeiros. O BNG de Lugo trasladou igualmente "todo o noso apoio á familia e persoas achegadas" a Paula Alvarellos e enviou o seu "máis sentido pésame" polo falecemento. Tamén a agrupación local de Esquerda Unida transmitiu as súas condolencias. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.