Outros doce máis un en Lugo: a tentación da censura

O presidente da Xunta, na procesión da Virxe da Esperanza en Lugo flanqueado polo alcalde e a presidenta da Deputación, ambos do PSdeG, este 30 de marzo de 2026 CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

O vindeiro xuño cumpriranse vinte e sete anos dende a última ocasión en que un militante do Partido Popular tivo na man o bastón de mando da alcaldía de Lugo. Foi en 1999 cando Joaquín García Díez, alcalde por maioría absoluta dende catro anos antes, se tivo que despedir do cargo no que non puidera optar a recuncar por mor das tensións internas do PP controlado na provincia por Francisco Cacharro Pardo. O seu substituto, Ramón Arias, perdera un concelleiro e quedara en 12, un por baixo da absoluta que si sumaran PSdeG (7) e BNG (6), correlación moi semellante á saída das últimas municipais, en 2023: 8 socialistas e 5 nacionalistas fronte a 12 populares.

Vinte e sete anos de maiorías progresistas perigan nun Concello de Lugo que vive a Semana Santa marcado por unha tentación: a dunha moción de censura do PP da man dunha posible tránsfuga que nunca podería ter oportunidade de selo se non fose por unha concatenación de fatalidades alleas á política

Aqueles comicios de 1999 derivaran en cambio histórico. O socialista Xosé López Orozco iniciaba unha singradura na alcaldía que duraría década e media, con mandatos en solitario (de 2003 a 2007 con maioría absoluta) e outros en coalición co BNG. 

En 2015 as reticencias das demais forzas de esquerda a volver investilo -alegando as imputacións xudiciais que despois serían arquivadas- provocaron a súa remuda por outra socialista, Lara Méndez, quen coligada co Bloque logrou en 2023 encadear o sétimo mandato dunha maioría progresista que dende os últimos días de marzo xa non existe nun Concello que está a vivir a Semana Santa marcado por unha tentación: a da censura. A dunha moción de censura do PP da man dunha posible tránsfuga que nunca podería ter oportunidade de ser tal se non fose por unha concatenación de fatalidades alleas á política.

Miguel Fernández, alcalde socialista de Lugo en coalición co BNG © Concello de Lugo

Méndez, como é sabido, renunciou á alcaldía apenas medio ano despois de revalidala, en xaneiro de 2024, para concorrer ás eleccións galegas como número dous de José Ramón Gómez Besteiro na lista do PSdeG por Lugo. A elixida como alcaldesa foi Paula Alvarellos, quen dende moi pronto deu sinais de ser quen fortalecer o goberno lucense de esquerdas cun carácter e impulso de seu que finalizou traxicamente o 1 de marzo de 2025, cando faleceu por mor dun infarto que sufriu nun acto público ao que acudía como rexedora.

A morte do concelleiro socialista Permuy tras o pasamento da alcaldesa Alvarellos e a anterior renuncia de Lara Méndez provocou a chegada á corporación como edil do PSdeG de María Reigosa, que en pouco tempo renunciou á concellería e á militancia para quedar como non adscrita entre achegamentos ao PP

Nese contexto de loito chegou á alcaldía o seu actual titular, Miguel Fernández, edil todoterreo con dilatada experiencia municipal que xa aspirara ao posto tras a marcha de Méndez. Alén das dificultades de ser o terceiro alcalde do mandato e das costuras internas que lle tocou tentar recoser, levaba apenas seis meses exercendo e mesmo demostrando destreza no labor cando o seu goberno bateu outra volta con outro episodio tráxico, a morte doutro concelleiro, Pablo Permuy.

O falecemento de Permuy, sumado á renuncia de Méndez e ao pasamento de Alvarellos, provocou que ao Grupo Municipal do PSdeG, con oito membros, lle tocase incorporarse a quen fora número 11 da candidatura, María Reigosa, quen tras certas retesías iniciais acabou tomando posesión do posto que deixara baleiro o concelleiro falecido. Reigosa, enxeñeira de Costas do Estado que chegou a ser parte da Executiva Nacional do PSdeG na etapa de Valentín González Formoso, tardou apenas dous meses en renunciar ás competencias de Zona Rural que lle asignaran mentres non ocultaba a súa falta de encaixe no goberno e a súa sintonía co PP local en diversas cuestións e nalgunhas votacións plenarias.

Escasas semanas despois a renuncia ás competencias Reigosa sumou outra, á militancia no PSdeG. Pasou a ser concelleira do goberno pero sen carteira e do Grupo Socialista pero sen carné. E a ambas condicións renunciou tamén a finais de marzo: decidiu marchar do grupo do Goberno pero non do Concello e manter a acta como edil non adscrita, rango dende o que dixo querer velar polos intereses veciñais con máis independencia. Coa composición da corporación isto equivale a ter o voto que decide a maioría: doce do goberno de PSdeG e BNG máis un ou doce do PP máis un. Unha aritmética idéntica á da Deputación lucense tras a renuncia de José Tomé polas acusacións de acoso sexual, pero un contexto político ben diferente.

Tres anos despois de desembarcar en Lugo, Candia di non estar inmersa polo momento nunha operación a prol da que di escoitar un "clamor". A agora non adscrita desbotou en público secundar unha censura. Pero os sinais multiplícanse

Esa terceira renuncia desatou de vez os ruxerruxes e as tentacións sobre unha censura que situaría na alcaldía á líder local e provincial do PP, Elena Candia, tres anos despois de desembarcar na política municipal lucense. Ambos elementos, ruxerruxes e tentacións, non fixeron máis que medrar despois de que, no pleno de orzamentos no que Reigosa cumpriu co que anunciara e votou a prol das contas do goberno, a agora concelleira non adscrita marchase compartir xantar co Grupo Municipal do PP nun céntrico restaurante.

En sucesivas declaracións públicas Reigosa asegura non estar inmersa nunha operación para desbancar a Miguel Fernández e entregar o goberno local ao PP cunha moción de censura a prol da que Elena Candia di sentir un "clamor", segundo declarou a pasada fin de semana a El Progreso, o medio que mellor está a reflectir todos os prismas desta crise política. A propia Candia mantén tamén que ese non é o escenario co que está a traballar neste momento -o matiz temporal é relevante- para chegar a un posto que, non oculta, ansía con enorme intensidade política e persoal.

Rueda, flanqueado por Prado e Candia, na Xunta Directva do PP de Lugo o pasado 26 de marzo, día en que Reigosa pasou a ser non adscrita CC-BY-SA PP

O certo é que nestas xornadas de paixón e penitencia os sinais multiplícanse, o cal non equivale necesariamente a que se concreten. Estes días pasou pola cidade da Muralla a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, peza clave en múltiplas mocións de censura municipais neste mandato, e participou na festa dun dos colectivos veciñais nacidos nos últimos anos na contorna do PP local. Tamén estivo en Lugo o presidente da Xunta e do PP, Alfonso Rueda, para secundar a procesión da Virxe da Esperanza, tan popular como procedente dunha parroquia con inequívoco significado na vida social das clases acomodadas da cidade.

Fontes ben informadas apuntan a que no triunfo ou non da tentación influirá a resultado dunha enquisa en marcha. Mentres, na contorna popular hai quen avoga por aparcar a ansiedade tras case trinta anos de oposición, a maioría deles con Candia allea á cidade

Fontes ben informadas apuntan a que, ademais das procesións, estes días tamén circulan por Lugo as preguntas dunha enquisa que cuestiona a veciñanza sobre asuntos municipais. E, especificamente, pola valoración cidadá sobre unha posible moción de censura dos de Candia con Reigosa, a quen a recente relaxación da doutrina antitransfuguismo propiciada polo Tribunal Constitucional permitiría participar na operación co seu valioso voto, se ben a súa incorporación a un eventual goberno da dereita tería un encaixe legal máis complexo.

Cabe agardar que os resultados dese inquérito sexan clave para dilucidar se triunfará a tentación dunha censura que daría lugar a un goberno do PP en minoría, cos orzamentos de 2026 aprobados e dependente de Reigosa. É dicir, cunha conxuntura aritmética e económica igual á do actual. Pero con Candia chegando ás eleccións de maio de 2027 como alcaldesa e coa Xunta disposta para favorecela con investimentos que, así e todo, sería difícil que pasasen do papel no ano que queda ata as eleccións. 

A outra opción é que se impoña a tese de quen, tamén na contorna popular, analizan como máis conveniente aparcar a ansiedade e non aproveitar as fatalidades alleas que non teñan orixe política. E, tras case trinta anos de oposición -a maioría deles con Candia allea á cidade, en labores como concelleira e alcaldesa de Mondoñedo, mentres o PP local o tentaba con ata media decena de candidatos diferentes -, antepoñer a estratexia sobre o tacticismo e, cunhas expectativas electorais positivas, priorizar o labor de oposición contra un goberno local enfraquecido por Reigosa sobre a posibilidade de tocar poder da man de quen nunca sería concelleira se non morrese un compañeiro de lista electoral, coas obvias implicacións cara á opinión pública e a consecuente mobilización reactiva da esquerda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.