A memoria colectiva é curta en xeral, máis aínda para a política. Por iso é probable que, para boa parte da poboación atinxida, os tempos en que os gobernos das dereitas eran en Lugo eran algo tan dado por suposto como a existencia da Muralla -maioría absoluta de AP ou PP presidida por Francisco Cacharro Pardo na Deputación e combinacións diversas no Concello da capital, sempre coa dereita primando- pertenzan a un pasado máis ou menos remoto. A poucos pasos de ser recreado no Arde Lucus.
A situación era tan politicamente complexa como aritmeticamente simple: Tomé debía escribir na súa papeleta o nome de Carmela López para manter o goberno de PSdeG e BNG ou calquera outra cousa (ou nada) para facer presidente a Antonio Ameijide, do PP
Non é visto tan afastado nas forzas políticas da esquerda, especialmente na militancia e dirixentes de PSdeG e BNG que lembran en primeira persoa os seus intentos por erosionar o duro muro dun cacharrismo que o PP agora reivindica e homenaxea tras anos a renegar del. No pasado hai, como case sempre, algunhas claves para contextualizar un presente que na política lucense -e por extensión na galega, malia as eivas da nosa esfera pública- tivo esta semana un relevante punto de inflexión na votación que elixiu a Carmela López, alcaldesa socialista de Burela, como nova presidenta da Deputación.
O transo non era agradable e así se reflectía nas facianas de boa parte da concorrencia no Pazo de San Marcos. Non era unha investidura de trazas festivas, como as de inicio de mandato. Nin sequera unha moción de censura cun bando festexando ás claras. Tratábase de remudar a José Tomé, que tras as acusacións de acoso sexual -rexistradas, cando menos de momento, só na canle interna do PSOE- dimitiu da presidencia da institución pero non da alcaldía de Monforte nin da súa condición de deputado provincial. E isto, nunha corporación coa aritmética tan axustada como a da Deputación de Lugo, vírao en imprescindible para a maioría de goberno con independencia de que agora xa non sexa deputado do PSdeG, senón non adscrito.
Socialistas e nacionalistas tiveron que optar entre manteren a Deputación dependendo de Tomé ou faceren oposición a un gabinete do PP dependente de Tomé. Tentaren dende o goberno a moi complicada empresa de revalidalo ou inmolarse no nome da coherencia e sentaren a agardar pola absoluta dos de Elena Candia en 2027
Nos días previos á votación a dirección galega do PP e voces afíns cargaron con dureza contra socialistas e nacionalistas -especialmente contra o Bloque- por teceren un acordo para elixir a Carmela López que precisaba da participación activa de Tomé co seu "si". O marco dialéctico elixido pola cúpula do PPdeG foi "pacto guarro", terminoloxía de factura escasamente pulida verbalizada en múltiplas ocasións pola súa secretaria xeral, Paula Prado, que por algún motivo optou por adxectivar a situación en castelán. O PSdeG e aínda máis o BNG, veñen dicir, xa non poden presentarse como feministas ao apoiar o seu goberno en Lugo no "si" dun deputado sinalado como acosador.
En realidade, a situación aberta na Deputación de Lugo era tan politicamente complexa como aritmeticamente simple. Doce escanos das forzas da esquerda por unha banda (9 PSdeG, 3 BNG) e doce da dereita (PP) pola outra. E no medio, o voto de Tomé, que debía escribir na súa papeleta o nome de Carmela López para manter o goberno nas mans de socialistas e nacionalistas. Ou calquera outra cousa (ou nada) para converter en presidente a Antonio Ameijide, edil do PP no Concello de Lugo. Quer apoiándoo, quer non facéndoo pero tampouco votando por López, o que activaría a regra de dar a presidencia á forza con máis votos totais nas últimas eleccións municipais. En ambos casos, doce máis un.
Dito doutro modo: López e Ameijide, esquerdas e dereita, precisaban que Tomé fixese algo para erguer o bastón de mando. E, unha vez superada a investidura, ambos ían necesitar que o alcalde monfortino non sumase o seu voto ao do bando contrario para bloquear asuntos no pleno. Con ese factor vai ter que contar a nova presidenta, -que nalgúns casos en que Tomé poida absterse dando lugar a empates (12 por unha banda, 12 pola outra) poderá facer valer o seu voto de calidade-, e así o transluciron as súas medidas palabras no discurso co que inaugurou mandato.
Carmela López gaña de vez o rango de valor á alza no PSdeG e terá que espremer a fondo a boa sona política que a acompaña dende Burela para tentar seguir no posto alén das eleccións municipais de 2027
PSdeG e BNG tiveron que optar, daquela, por manteren a Deputación dependendo en gran medida de Tomé ou pasaren a facer oposición a un PP dependente en gran medida de Tomé. Elixiren entre seguir gobernando e, dende esa posición de poder institucional, tentaren a moi complicada empresa de revalidar a Deputación en 2027 ou atender a reclamación dos conservadores, inmolarse no nome da coherencia e sentaren a agardar que, en ano e medio, os de Elena Candia despregasen unha irremediable maioría absoluta polos cobizados corredores de San Marcos. Eses nos que olla o devir dos días o retrato oficial do falecido Cacharro, descuberto durante a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro mentres os populares se desapegaban do seu antigo barón.
O que suceda en 2027 co signo político da Deputación só depende moi parcialmente do labor dun goberno agora dirixido por Carmela López, que gaña de vez o rango de valor á alza no PSdeG, partido aínda con feridas por pechar na provincia. A presidenta terá que espremer a fondo a boa sona política que a acompaña dende Burela nun posto que, noutra conxuntura inicial, podería aspirar a exercer por longo tempo con menos incerteza que a actual. Porque, como é sabido, nas eleccións municipais non hai urna na que valorar o desempeño do goberno da Deputación votando a corporación provincial, cuxa composición depende dos resultados nos concellos.
Neste sentido, moi seguramente Carmela López ollará dende o goberno provincial con especial dedicación á Mariña que tan ben coñece, dada a importancia capital que ese partido xudicial -o de Mondoñedo- terá para decantar as maiorías o ano vindeiro canda ao de Lugo capital, onde o alcalde socialista Miguel Fernández -tamén coligado co BNG- se está a empregar a fondo con maneiras de facer cara á veciñanza que por veces lembran as que tantos éxitos reportaron a Xosé López Orozco. A outra batalla fulcral será, a priori, a do partido xudicial de Monforte, o de Tomé, quen reitera que as acusacións de acoso non se corresponden coa verdade.