Carmela López xa preside a Deputación de Lugo

Carmela López promete o cargo como presidenta da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Os votos de PSdeG e BNG e mais o de Tomé invisten a alcaldesa de Burela, que se reivindica como "presidenta dende a igualdade" e permiten aos socialistas completar un dos transos máis delicados dende a dimisión do agora deputado non adscrito polas acusacións de acoso sexual 

Carmela López xa é a nova presidenta da Deputación de Lugo. As non por improbables menos temidas -no seo do PSdeG- sorpresas non pasaron este 14 de xaneiro polo Pazo de San Marcos e un dos transos máis delicados para os socialistas dende a dimisión de José Tomé por mor das acusacións de acoso sexual ficou completado segundo o previsto, coa chegada ao liderado da institución da alcaldesa de Burela, que ergueu o bastón de mando reivindicándose como "presidenta dende a igualdade" e continuadora do "camiño de moitas mulleres" na política. 

Os agora 9 votos do PSdeG, agregados aos 3 do BNG e á imprescindible papeleta do propio Tomé -agora deputado non adscrito- sumaron a maioría absoluta necesaria para investir a nova presidenta e non ao candidato do PP, o edil lucense Antonio Ameijide, que tivo os 12 apoios do seu propio grupo. López convértese así na cuarta socialista en dirixir a institución lucense nunha xeira inaugurada en 2007 polo actual líder galego do partido, José Ramón Gómez Besteiro, presente no pleno deste mércores en Lugo.

Carmela López, votando no pleno en que foi elixida presidenta da Deputación de Lugo, este 14 de xaneiro © Deputación de Lugo

"Firmeza" e "criterio propio" combinados cun "diálogo" que "non é debilidade" foron as primeiras promesas de López no seu discurso tras asumir unha presidencia que, enfatizou, está sustentada nunha "maioría progresista" e chega tras anos de "traballo serio e útil" durante "a presidencia anterior". Entre agradecementos ao PSdeG e á súa familia, a nova presidenta proponse exercer o cargo sendo "accesible, esixente" e "honesta" nun contexto no que, advirte, cómpre un "comportamento á altura da institución que representamos".

A nova presidenta promete "firmeza" e "criterio propio", reivindica a coalición co BNG e subliña a importancia de manter un "comportamento á altura da institución que representamos"

Carmela López, Enxeñeira Técnica de Informática de Xestión, chegou á política institucional en 2019 como parte do goberno do daquela alcalde burelao, o veterano socialista Alfredo Llano, a quen remudou como cabeza de cartel nas eleccións de 2023. Tras eses comicios accedeu á alcaldía á fronte dun goberno de coalición co BNG e en vésperas das eleccións galegas de 2024 converteuse en deputada provincial en substitución da daquela alcaldesa de Trabada, Mayra García, que deixara os cargos para concorrer aos comicios ao Parlamento. Dende aquela veu compatibilizando a alcaldía como responsable de Economía e Facenda da Deputación.

Outra coalición co Bloque é a que preside de agora en diante no goberno provincial. Quédalle por diante apenas un ano e medio no que ambas formacións teñen por diante o complexo reto de tentaren que os seus labores nos concellos da provincia e na propia Deputación lles permitan reter un goberno que ostentan ininterrompidamente -agás a paréntese seis meses en 2015 polo apoio do alcalde ex-socialista de Becerreá ao PP- dende hai case dúas décadas, pero que tras as últimas municipais conservaron por uns poucos centos de votos

Carmela López pronuncia o seu primeiro discurso como presidenta da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

PSdeG e BNG, agora con López á fronte, teñen por diante ano e medio antes do complexo reto de tentaren revalidar o goberno dunha institución que en 2023 conservaron por apenas uns centos de votos

Neste contexto cabe interpretar o "recoñecemento explicito ao goberno en coalición que sustenta esta Deputación" destacado por Carmela López no seu discurso inaugural. Ela, sostén, é defensora do "traballo en equipo" e da "colaboración entre forzas políticas" de distinto signo unidas por obxectivos comúns, como neste caso.

A cadeira lucense é unha das máis cobizadas por un PP que nas semanas ao estourido do caso Tomé deu en rehabilitar de vez a figura de quen fora o seu home forte na institución dende os anos 80 do século pasado, o falecido Francisco Cacharro Pardo, de cuxo controvertido legado político renegaran durante lustros. Nas horas previas á elección da nova presidenta a secretaria xeral dos conservadores, Paula Prado, descualificou como "pacto guarro" o acordo entre socialistas e nacionalistas para a nova investidura por implicar o apoio dun Tomé que continuará sendo imprescindible en todas as votacións plenarias para socialistas e nacionalistas ata o remate do mandato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.