Besteiro defende a xestión dos casos de acoso e denuncia o "uso espurio" da canle interna do partido

Gómez Besteiro intervén no comité nacional do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este sábado a xestión "con firmeza e rigor" que levou a cabo tras as denuncias por suposto acoso sexual e laboral que afectaron o partido nas últimas semanas. 

Besteiro defende que a actuación do partido ante as denuncias de acoso foi axustada tanto á legalidade como á "profunda conciencia feminista" do PSdeG

Fíxoo ante o comité nacional da formación, convocado antes do Nadal para calmar as augas revoltas nas que se viu envolta a formación, e ao que acudiron máis de 200 delegados e delegadas dun total de 350. Segundo Besteiro, a actuación levada a cabo foi axustada tanto á legalidade como á "profunda conciencia feminista" do PSdeG. 

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, na súa comparecencia do pasado 12 de decembro CC-BY-SA PSdeG

"Cada vez que aparece un comportamento inaceptable, actuamos", dixo Besteiro, quen relatou cronoloxicamente a suspensión de militancia de José Tomé (Lugo) e o afastamento de Xosé Carlos Valcárcel (Barbadás) tras as denuncias recibidas, aínda que non houbo referencia ao caso da denuncia por suposto acoso laboral contra a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o seu número dous, José Manuel Lage. 

"Calquera uso espurio que se faga da canle interna perverte o seu sentido esencial, afecta as vítimas, á honra das persoas, á causa do feminismo e a todo o partido"

Besteiro dixo que o acoso non ten carné "de ningún partido" e que é "un problema de toda a sociedade", e defendeu a "contundencia" e a "defensa das vítimas" que fai o Partido Socialista. O líder do PSdeG repasou cronoloxicamente a actuación da súa formación ante as denuncias xurdidas nos últimos tempos e rexeitou o "uso espurio" da canle interna aberta para "denunciar de forma segura". 

"Calquera uso espurio que se faga dela perverte o seu sentido esencial, afecta as vítimas, á honra das persoas, á causa do feminismo e a todo o partido, polo que debe ser censurado e reprobado sen ambigüidades. Sempre, en todos os casos", engadiu. 

Respecto a outros temas, Besteiro reclamou a Rueda unha "negociación real" sobre o financiamento local e denunciou que "cada día" súmase unha competencia máis aos concellos que non lles corresponde. Ademais, tamén criticou o presidente da Xunta por negarse á condonación da débeda que propón o Estado ou polas críticas ao novo modelo de financiamento autonómico. 

Sobre ese tema tamén censurou o BNG por "sumarse" a "este xogo": "Propón un modelo de concerto exactamente igual ao vasco, pero evita defendelo a fondo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.