O líder do PSdeG di que el mesmo ou o seu equipo reuníronse catro veces desde outubro cunha "terceira persoa" que lles falou dun caso de acoso e á que animaron a denunciar, pero que o protocolo do PSOE impide que poida coñecer os detalles
A reunión da Executiva Nacional do PSdeG celebrada na tarde deste venres para analizar a crise desatada no partido tras as denuncias por acoso sexual contra o ata agora secretario provincial e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, saldouse coa dimisión da secretaria de Igualdade da formación Silvia Fraga. Tras o encontro o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, admitiu que unha "terceira persoa" comunicou en outubro ao seu equipo e a el mesmo un posible caso de acoso sexual e que lle transmitiron que animase á persoa afectada a denunciar pero que o protocolo do PSOE impide que poida coñecer o que sucedeu.
Silvia Fraga dimitiu na tarde deste venres como secretaria de Igualdade da executiva de Besteiro tras impulsar o xoves un manifesto advertindo de que "os feitos coñecidos non son incidentes illados", senón "a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal" que o PSdeG e o PSOE deben afrontar dotándose de máis "garantías" fronte posibles agresións.
Pola súa banda, Besteiro admitiu ante os medios que soubo en outubro a través dunha "terceira persoa" a posible existencia dun caso de acoso sexual por parte de José Tomé pero que non puido confirmalo e que o acusado negouno. Segundo dixo, el mesmo reuniuse nunha ocasión con esa "terceira persoa" e outras tres veces membros da súa directiva para transmitirlle que animase á vítima a denunciar. Porén, Besteiro fixo ver que non sabe como rematou a cousa porque el mesmo non puido comprobar a realidade da denuncia e o protocolo de loita contra o acoso do PSOE impide que a dirección poida coñecer as denuncias.
O líder do PSdeG insistiu en que non coñece ás posibles denunciantes de Tomé e que agora actuou en canto tivo coñecemento de máis casos a través dos medios de comunicación. "A dirección do PSdeG, ante calquera conduta machista e en calquera contexto, sempre tivo e terá a mesma resposta, escoitar e animar a denunciar, iso foi o que fixemos e o que faremos, e cando se presenta unha denuncia actuamos con rapidez e contundencia", dixo Besteiro.