Tomé dimite como presidente da Deputación e secretario provincial do PSdeG pero segue como alcalde

José Tomé, no comité provincial do PSdeG de Lugo o pasado novembro CC-BY-NC-SA PSdeG

O político acusado de acoso sexual seguirá gobernando Monforte co seu actual equipo "como grupo non adscrito" para "non prexudicar o PSOE" e di que o seu sucesor ou sucesora na Deputación "vai seguir contando coa miña colaboración"

José Tomé dimite como presidente provincial pero non como alcalde. O ata agora presidente da Deputación de Lugo, alcalde de Monforte e secretario provincial do PSdeG dá en ceder parcialmente e renuncia a parte dos seus cargos despois de que, a través dun programa televisivo en Cuatro, transcendesen acusacións de acoso sexual contra el transmitidas por varias mulleres mediante canles internas do PSOE. E escasas horas despois de asegurar que esas alertas non se correspondían coa realidade.

Dende a publicación das devanditas acusacións, sobre as que a dirección federal do PSOE admitiu ter constancia dunha denuncia formal interposta na véspera da emisión do programa, a presión política sobre Tomé non deixou de incrementarse. Por parte das direccións nacional e federal do seu propio partido, pero tamén dende o socio do PSdeG no Goberno da Deputación, o BNG, mentres en diferentes ámbitos non deixaban de medrar as informacións e os ruxerruxes con detalles das condutas denunciadas.

José Tomé, nun pleno do Concello de Monforte © Concello de Monforte

Nunha comparecencia esta tarde en Monforte Tomé dixo que pedirá a suspensión cautelar de militancia "para non prexudicar ao PSOE ata que se resolva este expediente", o que supón deixar de ser secretario provincial do PSdeG. Tamén presentará a súa "dimisión voluntaria como presidente da Deputación para non prexudicar a institución provincial". 

Porén, continuará como alcalde de Monforte coa intención de "seguir gobernando como grupo non adscrito" co seu actual equipo. Canto á súa continuidade como deputado provincial tamén como non adscrito, Tomé di que "o próximo compañeiro ou compañeira que asuma a presidencia da Deputación vai seguir contando coa miña colaboración" xa que "quero facilitar que ese goberno siga funcionando ben como ata agora e non vou ser un estorbo". Tanto na Deputación como no Concello de Monforte un único escano decide os gobernos, de PSdeG e BNG no caso provincial e con maioría absoluta ata agora do PSdeG no caso municipal.

Remuda sensible dun dirixente veterano

De 67 anos de idade, Tomé é un veterano dirixente. Guitiricense de nacemento, asentouse en Monforte como profesor da Escola de Capacitación Agraria, labor dende o que destacou asumindo responsabilidades na UGT primeiro na comarca de Lemos e despois, nos órganos galegos do sindicato. Tras unha lexislatura e media como deputado socialista no Parlamento sen especial protagonismo, amosou maior perfil político en Monforte, primeiro como socio minoritario do goberno dirixido polo BNG e, dende 2015, como alcalde.

Tomé, nunha imaxe de arquivo na sede do PSdeG en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

A substitución do terceiro presidente socialista na historia da Deputación de Lugo é delicada nunha provincia clave para a dirección nacional que encabeza Besteiro

Tomé presidía a Deputación de Lugo dende 2019. Foi o terceiro presidente socialista na súa historia e chegou a dirixila avalado polos seus éxitos electorais en Monforte. Despois dun convulso mandato previo nos que os problemas internos co (agora ex-socialista) alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, mesmo deran a presidencia da institución ao PP durante medio ano, asumira o mando coa aspiración dunha "nova etapa" na que a Deputación puidese ser "noticia polas políticas que sexamos capaces de levar a cabo".

Tras catro anos de intensa actividade recuncou na presidencia en 2023 tras outra maioría absoluta nas municipais do Concello monfortino. Os socialistas volveron formar goberno en coalición co BNG nunha Deputación que lograron reter por unha escasísima marxe de votos, logrando así o quinto mandato consecutivo no que noutrora fora monocultivo da dereita da man de Francisco Cacharro Pardo, controvertida figura á que, paradoxalmente, o PP vén de rehabilitar cunha homenaxe dez anos despois do seu pasamento.

Aos cargos institucionais Tomé sumaba o orgánico, unha secretaría provincial que revalidou a pasada primavera. Foi reelixido, así e todo, nun proceso máis axustado e tenso ca o anterior. 

As tensións emerxidas nesa elección interna serán, con toda probabilidade, un dos elementos sobre a mesa do PSdeG á hora de afrontar unha remuda especialmente sensible. Sobre todo pola razón que a provoca, as denuncias por acoso sexual, pero tamén por tratarse dunha provincia, a de Lugo, clave para a dirección nacional que encabeza José Ramón Gómez Besteiro. Por ser a súa, pero tamén por ser a que presenta o nada menor reto de conservar en 2027 gobernos clave, a comezar polo da propia deputación e os das principais poboacións, Lugo e Monforte.

Tomé, tomando posesión por segunda vez como presidente da Deputación de Lugo en 2023 © Deputación de Lugo

A caída política de Tomé polas acusacións de acoso sexual chega menos de medio ano despois de que, o pasado xuño, o ata daquela conselleiro do Mar, Alfonso Villares, dimitise tras ser imputado por unha denuncia de agresión sexual formulada ante a Xustiza catro meses antes. Prodúcese tamén unha década despois de que o daquela presidente doutra Deputación, a de Ourense, fose denunciado por ofrecer emprego a cambio de sexo; o PP propiciara a continuidade no cargo de José Manuel Baltar, para quen na vía xudicial a acusación quedara arquivada dous anos despois.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.