Xunta e PP ven "inocente" a Villares na denuncia por agresión sexual, que coñecen dende febreiro

Alfonso Villares, con Alfonso Rueda en San Caetano tras un Consello da Xunta o pasado febreiro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O xa ex-conselleiro do Mar levaba varios meses denunciado nun xulgado de Ferrol por delito contra a liberdade sexual. Co avance das dilixencias, o caso pasou ao TSXG pola súa condición de aforado

O ata este pasado mércores conselleiro do Mar, Alfonso Villares, levaba varios meses denunciado ante un xulgado de Ferrol. O caso por un suposto delito contra a liberdade sexual remóntase a hai aproximadamente medio ano durante o cal a xuíza instrutora de orixe, segundo puido confirmar Praza.gal, realizou diversas dilixencias entre as que non puido incluír a toma de declaración como investigado a Villares, dada a súa condición de aforado como membro do Goberno galego.

Onde si declarou foi na comisaría ferrolá. Este extremo confirmouno este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificando tamén que soubo da denuncia polo propio Villares hai uns catro meses, o pasado febreiro, tras ese interrogatorio. Rueda, como a práctica totalidade da dirixencia do PP e do Goberno galego, céntranse dende o momento da dimisión de Villares en defender a súa "inocencia", mentres que os grupos da actual oposición, BNG e PSdeG, poñen o foco no tempo en que o caso foi coñecido no seo do Executivo, pero non revelado á opinión pública do país.

Alfonso Villares anuncia a súa dimisión como conselleiro do Mar, este 4 de xuño en San Caetano CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Xunta

O aforamento implica, como marca o Estatuto de Autonomía, que ante eventuais "actos delituosos cometidos no territorio de Galicia", os integrantes do Executivo só poidan ser imputados ou procesados -e no seu caso, xulgados- no Tribunal Superior de Xustiza. Este é o motivo polo que o xulgado ferrolán trasladou o caso á Sala do Civil e Penal do TSXG, que tras admitilo a trámite ordenou diversas dilixencias para seguir pescudando, entre elas a citación de Villares como investigado -antiga imputación-, que lle foi notificada o martes desta semana, día 3 de xuño.

A dimisión como conselleiro implica, ao non ser deputado, a perda automática do aforamento e o regreso do caso ao xulgado de Ferrol

A dimisión do popular como conselleiro implica, automaticamente, a perda do aforamento. Na liña de mandatos anteriores, Rueda propiciou no inicio da lexislatura a renuncia ao escano de todos os membros do Goberno que eran tamén parlamentarios electos agás dous, Diego Calvo e Román Rodríguez. Daquela, ao non ser deputado Villares non tivo ante si a disxuntiva de dimitir como conselleiro pero ficar ou non no Parlamento. 

Non existiu unha "renuncia ao aforamento" como tal, independente da propia dimisión. Deste xeito, a súa investigación regresa automaticamente ao xulgado ferrolán, ao que corresponderá ditaminar se, chegado o momento, é ou non procesado -proposto para ser xulgado- ou a cuestión fica arquivada.

Rueda intervén na toma de posesión de Marta Villaverde (esquerda) como conselleira do Mar en presenza de Alfonso Villares (á dereita da imaxe), este 5 de xuño no Pazo de Raxoi CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Este é, sinteticamente o pano de fondo xudicial e institucional dun caso con obvia repercusión política. Sobre todo, pola materia da acusación, unha denuncia por agresión sexual. Pero tamén polo feito de que hai que remontarse ao fraguismo para atopar unha dimisión dun conselleiro ou conselleira que non fose para ocupar outro posto ou por cambio de Goberno ou de lexislatura.

A cúpula do Executivo e do partido que o sustenta evidencian  plena confianza en que Villares non cometeu o delito polo que está investigado. BNG e PSdeG esixen explicacións por manteren oculta a denuncia

Dende o Goberno galego deféndense sen matices os tempos da dimisión e da revelación do caso, no momento de ratificarse a imputación. Pero a cúpula do Executivo e do partido que o sustenta van alén para evidenciaren a plena confianza en que Villares non cometeu o delito polo que está investigado. Así, o presidente pide "celeridade no proceso xudicial" para que o ex-conselleiro poida "defender a súa inocencia" e volver decontado "á vida pública" que agora abandona. Este xoves, na toma de posesión da nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, o presidente evidenciou ese apoio a Villares a través dunha aperta en público.

Nun sentido semellante, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, eloxia "o paso dado" por Villares para "defender a súa inocencia" e "confía" en que "esta situación poida resolverse coa máxima axilidade". A titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tamén ten confianza en que "poida demostrar a súa inocencia o antes posible". A súa homóloga de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pide "clarexar o que sucedeu" nun contexto no que "no plano persoal" só pode "ter boas palabras para Alfonso como compañeiro", tamén para a decisión de dimitir, que "lle honra".

Alfonso Villares, nunha comparecencia ante os medios canda a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a 'crise dos pellets' CC-BY-SA Xunta

A mesma liña argumental sostívoa Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG. Asegura confiar en que Alfonso Villares "poida demostrar canto antes a súa inocencia e a situación se resolva coa máxima axilidade". A número dous de Rueda no partido considera ademais "lamentable que algúns partidos políticos non respecten a presunción de inocencia e usen o caso coma unha arma política desde o primeiro minuto". 

Prado, que reprocha a BNG e PSdeG usaren "o caso como arma política", mantén que non soubo da investigación ata agora e confirma que Villares pediu a baixa de militancia no PP, que foi aceptada

Con ese reproche, lanzado a través das redes sociais, Prado referíase tanto ao BNG como ao PSdeG que, canda unha petición de respecto para a denunciante, esixiron "explicacións" a Rueda. Sobre todo, para aclarar dende cando coñecía a denuncia e por que decidiu non revelala ata a imputación.

Ao contrario que Rueda, a secretaria xeral e vicevoceira parlamentaria dos populares galegos asegura que non soubo do caso ata agora -"eu entereime onte", dixo este xoves-, no momento da imputación por parte do Tribunal Superior. En conferencia de prensa confirmou, asemade, que o ex-conselleiro e ex-alcalde de Cervo, que era tamén ata agora membro do comité executivo do PPdeG e presidente do seu comité electoral, solicitou a "baixa temporal" de militancia no PP, a cal foi aceptada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.