O apoio e eloxios a Alfonso Villares no momento da súa dimisión como conselleiro do Mar ao ser imputado nun caso de agresión sexual pero, sobre todo, a confirmación de que Alfonso Rueda coñecía a denuncia dende o pasado mes de febreiro leva os grupos da actual oposición, BNG e PSdeG, a poñer o foco no presidente da Xunta tras o cesamento. Por "encubrir" e "tapar" o acontecido, afirman cadansúas voceiras en materia de igualdade.
Nacionalistas e socialistas reclaman investigar a "filtración do nome da denunciante".
Para Noa Presas, responsable de Acción Feminista no Bloque resulta "escandaloso que se despida a alguén con tal acusación con aplausos e mostras de solidariedade". Pero aínda o é máis "encubrir durante meses" a existencia da denuncia e a continuación, "banalizar a violencia machista" mentres, "apelando á recuperación de Villares para a vida pública", dá en "insinuar que a acusación responde a unha denuncia falsa".

"É un disparate querer converter o acusado en vítima", sinala Presas, para quen "non se pode empregar a posición de poder do Consello da Xunta para edulcorar esta cuestión e para lavar a imaxe pública do denunciado". Neste sentido, a nacionalista coida que o PP debe, ademais, "aclarar de onde sae a filtración" do "nome da denunciante", a quen o Bloque traslada a súa "solidariedade". "Algúns medios atribúena á propia contorna do imputado" e se isto fose certo "estarían dando unha mensaxe demoledora a calquera muller que estea pensando en denunciar".
"É un disparate querer converter o acusado en vítima", di Noa Presas (BNG). "Rueda sabía e non fixo nada", censura Paloma Castro (PSdeG)
Tamén o PSdeG ve como "unha vulneración intolerable" a "filtración do seu nome" e por iso a súa voceira de igualdade, a deputada Paloma Castro, reclama igualmente unha investigación ao respecto. Faino nun contexto no que o Grupo Socialista coida que "a dimisión de Villares non pecha nada" porque "Rueda sabía e non fixo nada".
A xuízo do PSdeG, resulta dunha "gravidade extrema" que o presidente da Xunta "permitise que o conselleiro seguise exercendo como se nada". "O que fixo foi agachar, tapar e esperar e que non transcendese" e agora, fixar como "prioridade a protección do denunciante". "Agora pretende presentar como un acto de responsabilidade unha dimisión que só se produciu cando a Villares xa non lle quedaba outra saída", di.

Tanto nacionalistas como socialistas veñen de presentar iniciativas parlamentarias para incidir nesa petición de explicacións ao Goberno galego. Pola banda do PP a súa secretaria xeral, Paula Prado, reprochou a ambas formacións utilizaren este caso como "arma política" e considerou que existe "unha evidente diferenza de proceder" entre a dimisión de Villares e o acontecido noutros partidos ante casos semellantes.