O PP recibe as protestas feministas polo caso Villares con pancartas contra Sánchez e Pontón

Concentración feminista ante a sede do PP de Vigo polo caso Villares, este 25 de xuño CC-BY-NC-SA BNG

Unha trintena de organizacións feministas reprochan o "apoio público e persoal ao conselleiro imputado por agresión sexual" e que "non houbese unha soa mensaxe pública" do Goberno galego "esixindo xustiza e reparación para a vítima"

Unha trintena de organizacións feministas tiña convocadas para o serán deste pasado mércores concentracións ante as sedes do PP ante as sete principais cidades para "repudiar o comportamento" do partido que sustenta o Goberno ante o caso Villares. Fixérono baixo o lema Machistas fóra das institucións, personificado no presidente Rueda, na conselleira Fabiola García e mais en Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

Estes colectivos consideraron preciso reprochar aos populares o "espectáculo mediático" que, acusan, protagonizaron diversos cargos do Goberno galego para "apoiar pública e persoalmente un conselleiro imputado por un delito de agresión sexual contra unha muller". E tamén que "dende que se coñeceron os feitos, non houbese unha soa mensaxe pública" do Executivo "manifestando tolerancia cero cos agresores sexuais" ou "exixindo xustiza e reparación para a vítima".

Carteis colocados polo PP nas súas sedes de Ourense (esquerda) e A Coruña fronte ás manifestacións feministas deste 25 de xuño CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedidas

A convocatoria foi preparada polos populares con peches das súas instalacións e colocando nelas pancartas contra Pedro Sánchez e Ana Pontón. As mensaxes das faixas van na liña de diversos movementos do partido nos últimos días: trasladar o foco político e mediático do caso de Villares ás revelacións da Garda Civil sobre o ex-ministro socialista José Luis Ábalos e o seu asesor Koldo García, sinalados polos axentes non só como presuntos autores de delitos de corrupción, senón tamén como consumidores de prostitución e autores de tratos degradantes cara ás mulleres.

Os populares apostan por trasladar o foco dende a denuncia ao ex-conselleiro do Mar ás condutas machistas e vencellos coa prostitución sinalados pola Garda Civil sobre o ex-ministro Ábalos e a súa contorna

Cos lemas Machismo socialista e Cómplice nacionalista, as pancartas e carteis penduradas polos populares amosan fotografías do presidente do Goberno de España canda Ábalos ou García e da portavoz nacional do BNG canda a vicepresidenta do Executivo central, María Jesús Montero. Ao seu carón, campañas de nacionalistas e socialistas contra a prol dos dereitos das mulleres e recortes de prensa sobre as condutas machistas dos investigados ou contra a lei de liberdade sexual.

Nalgúns casos, como na sede compostelá do partido, estas mensaxes ían acompañadas doutras instando a organizar manifestación ante as sedes de PSOE e BNG. Ao seren arrincadas por algunhas das manifestantes convocadas este mércores, os conservadores esgrimiron a través das redes sociais o seu "dereito a poñer as nosas pancartas nas nosas sedes".

Concentración feminista ante a sede do PP en Pontevedra polo caso Villares CC-BY-NC-SA BNG

Alén da estratexia do PP, as convocantes reiteraron as súas críticas aos "aplausos" e "desexos de poder recuperar para a vida pública" a Alfonso Villares e insistiron na necesidade de que "as persoas que nos representan" lembren que "a violencia de xénero non é un asunto privado, senón un problema estrutural e social que require de posicionamentos sen fisuras e de actuacións firmes".  "Condenamos a actuación do goberno do PP e exiximos que se sitúen no único lugar posíbel: a carón e da man de quen sufre a violencia, e de fronte a quen realiza as agresións", resaltan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.