Que difícil é lembrarlle as mulleres que hai leis que as amparan, que denuncien aos seus agresores, mentres na sede do Goberno galego se despide case con honores a un dirixente investigado pola xustiza por presuntamente cometer unha agresión sexual
A Xunta de Galicia está presidida por un home que se mantivo impasible ante a denuncia de agresión sexual contra un dos seus conselleiros e que, cando este dimitiu ante a imputación por parte do TSXG, se limitou a despedilo co desexo de “recuperalo” axiña, aperta incluída. Unhas horas despois de que toda Galicia coñecese esta dimisión, anunciada un mércores calquera pola tarde, o nome da muller denunciante desa presunta agresión sexual anegou os teléfonos móbiles de todas nós. O seu nome inundouno todo, como se alguén abrira unha billa que xa non podía pechar. Quen foi? Por que?
Coma adoita suceder, as novas potencialmente importantes suceden cando estás de día libre ou cando xa ías apagar o ordenador. Ese mércores, 4 de xuño, colleume intentando desconectar e disposta a escoitar a escritora Rebecca Solnit, que estaba na feira do libro de Madrid. Facendo cola no Retiro decidín consultar o que sucedía no mundo, lin varios titulares sobre a dimisión do conselleiro e dirixinme ao grupo que temos na redacción de Praza para expresar sorpresa e facer preguntas. Lembro que comentei con David Lombao que me resultaba insólito estar a piques de sentarme coa muller que escribiu o ensaio Men Explain Things to Me, que iniciou o debate público para a creación do termo mansplaining, mentres tiñamos coñecemento dun asunto de violencia machista con tantas implicacións para calquera Goberno.
Para cando saín da charla xa me resultou imposible esquivar o nome da muller que denunciou a Alfonso Villares por agresión sexual. O nome do denunciado pasou ao segundo plano dos titulares e axiña apareceron as primeiras ‘noticias’ infames centradas na presunta vítima. Así continuou ata que saltou outra ‘bomba’, a do informe da UCO coas conversas entre José Luis Ábalos e Koldo referíndose ás mulleres como mercancía que comprar ou intercambiar entre eles. De novo, unha crise política na que as mulleres, neste caso anónimas (ou non tanto), son obxecto dos titulares a través das máis noxentas expresións. Pero a quen sorprende este machismo? A ningunha de nós, iso seguro.
Publicar o nome dunha vítima, incluso ás veces co seu consentimento, pode vulnerar os seus dereitos. Colócaa a ela no centro, cuestionando o que fixo ou non fixo coa súa vida privada
Denunciar o machismo cada día é esgotador. Unha pinga nun océano de declaracións que non chegan a ningunha parte. Mentres, seguimos intentando informar do que sucede con honestidade e sen caer no sensacionalismo. Pero que difícil é contar que nos seguen matando, ou intentándoo, por sermos mulleres. Que difícil é lembrarlle as mulleres que hai leis que as amparan, que denuncien aos seus agresores, mentres na sede do Goberno galego se despide case con honores a un dirixente investigado pola xustiza por presuntamente cometer unha agresión sexual. Acaso manter na Xunta a un presunto agresor sexual é algo que nos pareza ben como sociedade? Non quero pensar iso, teño que crer que a apatía está máis instaurada socialmente do que parece, exactamente igual que o machismo. Aínda así, doe moito escoitar en 2025 que publicar o nome dunha presunta vítima de agresión sexual que denuncia ao seu agresor ten “interese informativo” por quen é ela.
En Praza non publicamos ese nome, as lectoras e lectores xa o sabedes. Con isto non quero dicir que sexamos mellores ca ninguén, quen me coñeza un pouco saberá que non é o meu estilo. Só pretendo poñer o foco en por que se publica o nome da denunciante practicamente á vez que se coñece a dimisión do titular da Consellería do Mar. Catro compañeiras e compañeiros que traballan en diferentes medios de comunicación confirmáronme ese mesmo mércores que a filtración do nome lles chegara polo Partido Popular. Se o nome dela tiña “interese informativo”, por que este dato non o ten?
Rebecca Solnit dixo naquela charla que non podemos normalizar vivir nun mundo no que as mulleres poidamos ser violadas sen máis
Publicar o nome dunha vítima, incluso ás veces co seu consentimento, pode vulnerar os seus dereitos. Colócaa a ela no centro, cuestionando o que fixo ou non fixo coa súa vida privada. Non se trata de que busquemos ‘vítimas exemplares’ para apuntalar os nosos principios e ideas. Unha vítima é unha vítima e ninguén pode dicir, e menos un profesional do Xornalismo, se a súa conduta está ben ou mal. Ademais, as voces expertas que están en contacto con mulleres que sufriron violencia sexual inciden en que se trata dun tipo de violencia que deixa unhas secuelas moi profundas.
Informar sobre as violencias machistas non é fácil. Cometemos erros e intentamos aprender deles. Pasámolo mal lendo sentenzas ou falando con testemuñas. Ás veces choramos de rabia. Pero ante todo debemos ter claro o noso obxectivo como xornalistas: contarlle a xente o que lle pasa a xente. E sabemos que hai uns códigos para facelo, unha ética profesional, unha responsabilidade social, un respecto polas persoas ás que intentamos informar... O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia leva varios anos intentando levar a formación nesta materia aos medios de comunicación do país. É unha tarefa o suficientemente grande como para que precise de apoio para levala a cabo e, por iso, buscou a axuda da Xunta. Despois de moitos intentos, parece que está a piques de logralo. Desde aquí quero celebralo porque precisamos esa formación, necesitamos facernos preguntas e debater entre nós máis alá do lugar onde traballemos.
Falta moito para que remate o ‘caso Villares’, agardo que teñamos aprendido algo. Rebecca Solnit dixo naquela charla que non podemos normalizar vivir nun mundo no que as mulleres poidamos ser violadas sen máis. Tamén apostou polas pequenas accións e apuntou que os grandes cambios chegan grazas a elas. O seu optimismo contaxioume, se cadra non o tempo suficiente; mais con este artigo quero compartir algo máis que frustración, quero ampliar a conversa e que o enfoque das informacións non pase desapercibido para quen nos le.