A orde do día do pleno do Parlamento desta semana configurouse na mañá do 3 de xuño, na véspera de que Alfonso Villares dimitise como conselleiro do Mar tras ser imputado no Tribunal Superior de Xustiza por un presunto delito contra a liberdade sexual. No inicio da sesión, este martes, o BNG tentou sen éxito inserir no pleno unha comparecencia do presidente da Xunta para esixirlle explicacións sobre o caso, petición que tivo apoio do PSdeG pero foi freada pola maioría absoluta do PP.
"Encubriu durante meses un presunto agresor sexual" e despediuno "entre aplausos" e "sen unha soa palabra de apoio á denunciante", censura Pontón: "Iso chámase violencia institucional e revitimización"
Malia ese freo, todos os debates da primeira xornada do pleno estiveron salferidos polo caso Villares a través de referencias da oposición. Máis aínda sucedeu este mércores na sesión de control , para a que Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro rexistraran preguntas sobre lingua e vivenda pero na que se centraron en pedir contas a Alfonso Rueda por "ocultar" que Villares estaba denunciado dende xaneiro, pola "homenaxe" na súa despedida e pola "filtración" do nome da denunciante. Un aluvión de preguntas -ao contrario doutras ocasións, non freada dende a presidencia da Cámara por non axustarse á orde do día- e cuestionamentos sobre a súa valía para ser presidente ante o que se refuxiou nos ataques a nacionalistas e socialistas, sobre todo en clave estatal.
"Nunca pensei ter que dicir isto no Parlamento, encubriu vostede durante meses un presunto agresor sexual valéndose do seu cargo", lamentou a portavoz nacional do Bloque, para quen cabe preguntarse se Rueda "está capacitado para seguir como presidente" tras "semellante indignidade moral e política". O titular da Xunta, censura, propiciou que Villares marchase do Goberno "entre aplausos e eloxios, por riba filtrando o nome da vítima" mentres "non tivo unha soa palabra de apoio e respecto" para a muller denunciante.
"O seu silencio fai pensar que ten información problemática e non a conta", advirte Besteiro, que esixe aclarar por que "se soubo a identidade da denunciante" aos "poucos minutos" de marchar Villares, contribuíndo á "revitimización" da muller
"Isto chámase violencia institucional e revitimización" na que, para Pontón, é xa a "páxina máis indigna de dezaseis anos de Goberno do PP. Para Rueda isto non é máis ca unha "utilización partidista e descarada" do caso, unha "falta de respecto ás vítimas" e un intento da líder do BNG por erixirse en xuíza ou fiscal contra "unha persoa que, en canto houbo unha imputación, deixou o cargo e se someteu á xustiza ordinaria".
Ese argumento, o da rapidez da dimisión de Villares tras ser imputado, envolveuno Rueda en intensos reproches ao BNG por "non ser capaz de condenar comentarios machistas" -en referencia a unha campaña da CIG que en realidade Pontón si criticou-" nin "dicir unha palabra de todo o que estamos vendo; os Koldos, as Jéssicas, os Aldamas, os Cerdanes, os pisos" dixo aludindo a casos e acusacións de suposta corrupción que salpican o PSOE no Estado. "E agora vén aquí montar todo isto en relación a unha persoa que en canto houbo un pronunciamento xudicial deixou o seu cargo", reitera.
As referencias ao Goberno de España e a Pedro Sánchez abondaron tamén na resposta de Rueda a Besteiro, contra quen non obstante utilizou en maior medida as imputacións xudiciais que o mantiveron afastado da vida política durante sete anos, os que tardaron en ser arquivadas. O secretario xeral do PSdeG advertiu o popular de que "pode defender o seu amigo e crer na súa inocencia" sempre e cando teña en conta que "non é un particular" e como presidente "non pode facer un seguimento cego do seu amigo alá onde vaia".
O presidente retruca a portavoz nacional do BNG reprochándolle que non critique o PSOE por presuntos casos de corrupción que o afectan no Estado e ao secretario xeral do PSdeG, polas imputacións xudiciais que o atinxiron a década pasada, todas elas arquivadas
"Tivo no seu Goberno durante seis meses un conselleiro denunciado por agresión sexual e ocultouno", resume o socialista nun contexto no que "non nos corresponde analizar as cuestións persoais nin os asuntos xudiciais", pero si as "cuestións políticas" que o presidente está a afrontar cun "silencio" que "fai penar que ten información problemática" sobre o caso Villares "e non a conta". Trátase, di, dun silencio que "produce vergoña", máis aínda porque deixa sen aclarar a razóns para que se "soubese a identidade da denunciante" aos "poucos minutos" da dimisión, contribuíndo á súa "revitimización".
A xuízo de Rueda, Besteiro ten "moita cara e moi mala memoria" porque "é bo lembrar" que, cando a xuíza Pilar de Lara o imputou, Besteiro continuou "catro, cinco meses" como secretario xeral do PSdeG. "Xa di vostede que o tema non son as súas dez imputacións, senón a denuncia dun conselleiro que en horas dende que entrou en fase xudicial, renunciou; para iso hai que ter moi mala memoria", reprocha o tamén líder do PPdeG. Alén de que "cando me imputaron eu xa non ostentaba un cargo público", evoca Besteiro, "demostrará que non entendeu nada se quere mesturar os temas". "O seu silencio" sobre o caso Villares, reitera, "produce vergoña" e "dor".