Villares desapareceu da escena no Tribunal Superior e no Consello da Xunta, pero mentres a investigación por un suposto delito contra a liberdade sexual volve a Ferrol, a súa vertente política permanece, agora coa negativa do PP a que o presidente compareza
A investigación da denuncia ao ex-conselleiro Alfonso Villares por un suposto delito contra a liberdade sexual regresou ao xulgado de Ferrol que se ocupa dos casos de violencia sobre a muller. É un automatismo derivado da súa dimisión como conselleiro do Mar, coa consecuente perda do aforamento que devolve o caso dende o Tribunal Superior de Xustiza ao xulgado de orixe, pendente de probas clave.
Villares desapareceu así da escena xudicial que o Estatuto marca para os membros do Goberno e tamén do Consello da Xunta, que este pasado luns xa se reuniu coa participación da súa substituta no cargo, Marta Villaverde. Pero o caso Villares non esvaece, nin moito menos, da escena política. Ao contrario, imprégnaa malia impedir o PP, como era previsible, que o presidente da Xunta comparecese ao respecto no pleno que se celebra dende hoxe, martes, no Parlamento. [O caso Villares volve ao xulgado de violencia sobre a muller pendente de probas clave]

Como anunciara, o BNG tentou por dúas veces activar o mecanismo regulamentario que lle permite propoñer unha alteración da orde do día do pleno por razóns de urxencia, e así inserir unha comparecencia de Rueda a respecto da súa xestión do caso Villares. Fíxoo forzando unha convocatoria da Xunta de Portavoces e despois, de viva voz ao inicio do pleno. En ambos casos -como é habitual nesta solicitudes-, o PP fixo valer a súa maioría absoluta para rexeitalo.
O BNG reclamaba que Rueda aclarase ao Parlamento "por que ocultou durante catro meses" a denuncia, por que "se iniciou unha campaña de criminalización" contra a denunciante e as razóns do que denominan como "o abrazo da vergoña" na despedida do ex-conselleiro
Co presidente ausente da sesión -á mesma hora participaba nun foro organizado polo xornal El Español na Coruña-, a vicevoceira do Bloque, Olalla Rodil, lamentou como "indignante e indigno" o "dobre veto" a unha comparecencia na que, di Rodil, Rueda debería explicar ante o lexislativo "por que ocultou durante catro meses unha denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar". Tamén por que "se iniciou unha campaña de criminalización e acusación contra unha muller que deu un importantísimo paso adiante para denunciar".
O Bloque reclamaba, asemade, aclarar as razóns do que denomina como "abrazo da vergoña", en referencia á aperta pública que Rueda brindou a Villares ao día seguinte da súa dimisión, no acto de toma de posesión da nova conselleira. Esa aperta, coida Rodil, resume a "indecente reacción que tivo e está a ter o Goberno do PP" ante este caso, "tratando como un heroe nacional ao presunto agresor e deslizando, sementando, a dúbida sobre a denunciante".

A petición de comparecencia formulada polo BNG -que polo seu número de escanos pode formulala e tamén reclamar a devandita alteración da orde do día- si foi apoiada polo PSdeG. No canto de "explicar por que, sabendo da denuncia dende febreiro, non fixo absolutamente nada", lamenta o secretario xeral socialista, "Rueda escolleu ocultar a información, homenaxear publicamente o conselleiro denunciado e condenar ao silencio á vítima", que é tanto como dar "aval á impunidade", considera José Ramón Gómez Besteiro.
"O que está en xogo non é só unha denuncia gravísima, senón a resposta institucional fronte a ela", sinala Besteiro, que ve na actitude do Goberno do PP "un aval á impunidade"
"O que está en xogo non é só unha denuncia gravísima", coida Besteiro, senón tamén "a resposta institucional fronte a ela". E por iso é "inadmisible" que estivese ocultando a información durante meses" e "non se pode consentir que se vitimice a quen presenta unha denuncia" no canto de "respectala".
O PSdeG censura, ademais, que o PP xustificase o seu "non" á comparecencia de Rueda baseándose en que o presunto delito polo que Villares está investigado se cingue ao "ámbito privado". "Todo o mundo sabe que, cando falamos de violencia de xénero, eses delitos son públicos desde hai anos. Pero, ademais, falamos dunha persoa con responsabilidade institucional, que formaba parte do Goberno galego", subliña a súa vicevoceira, Elena Espinosa.