Alfonso Villares declárase como "absolutamente inocente da denuncia que se formula contra min" e di confiar en que o caso se "resolva" o "máis rápido posible" e "poida reincorporarme á miña vida política"
O conselleiro do Mar abandona o cargo por mor dunha investigación xudicial que atinxe á súa "esfera persoal" e que, segundo confirman fontes do Goberno galego, deriva dunha denuncia por agresión sexual. Así o vén de comunicar Alfonso Villares en conferencia de prensa tras recibir, di, unha notificación do Tribunal Superior de Xustiza que lle confirma a existencia do caso, o cal "non quero que poida afectar á Xunta".
Villares declárase como "absolutamente inocente da denuncia que se formula contra min". E a súa intención, mantén, é centrar "todas as forzas en defenderme onde corresponde", que é "o ámbito xudicial" tras "trinta anos en política" nos que, di, "nunca vivín un momento tan duro coma este porque sei da miña inocencia".
Afirma Villares que "dimitir para defenderme dunha denuncia da que son totalmente inocente é unha decisión moi difícil, pero é a correcta". "Dou este paso -agrega- porque quero comparecer ante a xustiza como calquera outro cidadán" e por ese motivo tamén "renuncio á miña condición de aforado" co obxectivo, mantén, de que "non poida proxectarse ningún tipo de sombra na miña inocencia". En virtude do artigo 18 do Estatuto de Autonomía, os membros do Goberno galego responden das presuntas condutas delituosas que lles imputen ante o Tribunal Superior, igual que os integrantes do Parlamento.
O ata agora conselleiro di confiar en que o caso se "resolva" o "máis rápido posible" e "poida reincorporarme á miña vida política canto antes". Así o asegurou nunha intervención con palabras de agradecemento para o presidente, Alfonso Rueda, por aceptar a súa dimisión e máis ao seu equipo por, afirma, o apoio brindado.
Dous anos como conselleiro dun dirixente moi próximo a Rueda
Villares é conselleiro do Mar hai dous anos. Dende que, en xuño de 2023, foi elixido por Rueda para substituír no posto á veterana Rosa Quintana, incluída daquela por Alberto Núñez Feijóo nas listas do PP ao Congreso. Naqueles días quen é considerado un dirixente moi próximo ao presidente estaba a piques de ser reelixido como alcalde de Cervo por quinta ocasión tras obter, nas eleccións municipais de maio dese ano, outra maioría absoluta no concello mariñao que gobernaba dende 2007.
Poucos meses despois, no inicio de 2024, tivo que afrontar como conselleiro a crise dos pellets, na que en vésperas electorais compartiu protagonismo político e mediático coa titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Tras os comicios galegos de febreiro dese ano Rueda mantívoo na Consellería, na que vén mantendo asuntos candentes como a crise marisqueira ou o potencial impacto na ría de Arousa pola instalación de Altri.
BNG e PSdeG esixen explicacións a Rueda
O Bloque transmite a súa "solidariedade" á denunciante, para quen pide "máxima confidencialidade e seguridade"
Tras transcender a dimisión de Villares como conselleiro do Mar os grupos da actual oposición galega coincidiron en reclamar explicacións ao presidente da Xunta. "Un conselleiro acusado de delito sexual non é un asunto privado, por iso Rueda ten que dar explicacións inmediatas no Parlamento", sinala a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen "á espera de que a xustiza actúe", expresa "todo o apoio e solidariedade coa vítima, para a que pedimos o máximo respecto".
Nun sentido semellante, a deputada e responsable de Acción Feminista do Bloque, Noa Presas, reclama que o presidente "non se agoche" ante unha situación de "extrema gravidade". "Unha denuncia deste calado non é un asunto exclusivamente privado", di Presas, quen ademais reclama a "máxima confidencialidade e seguridade" para a denunciante e reflexiona que "se hoxe un home poderoso pode ser imputado por unha cuestión así é tamén porque o feminismo ten avanzado nos últimos anos e porque as mulleres non calamos ante este tipo de situacións".
O PSdeG subliña que o presidente debe render contas porque "a gravidade dos feitos e o silencio da Xunta durante meses son inadmisibles"
Explicacións reclámaas tamén ao presidente da Xunta no nome do PSdeG o seu secretario xeral. "Rueda debe explicar por que mantivo no cargo a un conselleiro investigado por unha presunta agresión sexual. A gravidade dos feitos e o silencio da Xunta durante meses son inadmisibles", considera José Ramón Gómez Besteiro, para quen "non chega cunha dimisión". O líder socialista expresa, asemade, "toda a solidariedade" coa vítima, para quen pide "garantir a súa protección e respecto".
Pola súa banda, a Marcha Mundial das Mulleres acusou o PP a través das redes sociais de "pasividade e inacción ante a violencia machista" e criticou o dimitido Villares pola súa intervención dete mércores. "Non é suficiente unha dimisión 'para non facer mal ao Goberno da Xunta', dimitir entre aplausos e parabéns cando estás acusado dun feito gravísimo, di a entidade feminista, que reclama "imparcialidade" á Xustiza e no tratamento mediático deste caso, ademais de agardar que "nun caso no que está envolvido un (ex)cargo da Xunta se garantan os dereitos da muller denunciante".