A crise dos 'pellets': o problema medioambiental que virou nunha crise política para a Xunta

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, observando 'pellets' CC-BY-SA Xunta

"De 10, por non dicir que actuou de matrícula de honra". Así cualificou este pasado luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a xestión levada a cabo polo persoal da Xunta e o implicado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) na xestión da crise dos pellets. Un problema medioambiental —que nada ten que ver coa contaminación que supuxo o Prestige— pero que virou axiña nunha crise política e comunicativa para o Goberno galego, marcada tamén pola precampaña e a cercanía do 18F. 

A Xunta cualifica "de 10" a súa xestión da crise dos 'pellets' entre críticas de concellos e oposición pola demora na toma de decisións, as contradicións ou a "inacción"

As continuas contradicións, a tardanza na toma de decisións ou directamente a "inacción" son as críticas máis habituais que expresan oposición, concellos afectados ou entidades ecoloxistas sobre a Xunta, ás que se unen as que sinalan á cobertura por parte da CRTVG, tamén desde dentro dos medios públicos. Mensaxes tamén contraditorias entre Goberno galego e central: desde as datas de avisos ata o ofrecemento de medios, chegando o Executivo de Rueda a acusar o Estado de non facer "nada". Pero, como foi?

Primeiro comunicado da Xunta, tres semanas despois

O primeiro pronunciamento do Goberno galego sobre o vertido de pellets é do 4 de xaneiro, nunha nota de prensa publicada tres semanas despois da chegada dos primeiros granulados de plástico á costa e logo de que as alertas da entidade Noia Limpa e das redes sociais fixesen agrandar a alarma sobre un vertido do que xa se informara o día 15 de decembro en varios diarios. 

'Pellets' nunha praia galega CC-BY-SA Greenpeace Galicia

O día de Reis, noutro comunicado, a Xunta pasa ao ataque e titula acusando o Goberno central de "ocultar información e de inacción". Asegura que "a primeira comunicación, vía email, chegou á Consellería do Mar o 3 de xaneiro" e que nela "se explicaba o sucedido e que o día 20 de decembro xa fora comunicado á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno sen que ninguén do Ministerio informara a Xunta dos pormenores do acontecido". As versións de Executivo estatal, algúns concellos —tamén do PP— e mesmo particulares diferen moito da versión que sae de San Caetano. 

Un axente medioambiental da Xunta ou o 112 advertiron xa o día 13 de sacos en Ribeira e o Concello activou a limpeza; o Goberno galego non fai ningún comunicado oficial ata o 4 de xaneiro

13 de decembro, primeiros avisos

Foi aquel 13 de decembro cando na praia do Vilar, en Ribeira, un particular retira uns 60 sacos de pellets, avisa o servizo de Emerxencias 112 da Xunta e recibe unha chamada de volta da policía autonómica. Esa mesma xornada, segundo explicou a Praza.gal a concelleira de Medio Ambiente da localidade, Antía Alberte, un axente medioambiental do parque natural de Corrubedo —persoal da Administración autonómica— avisa ao Concello do achado de sacos e granulados, que aparecen tamén nos areais de Balieiros e Espiñeirido. 

Ademais, o rexistro de chamadas de Salvamento Marítimo procedentes do 112 naquel día 13 indica que o servizo de Emerxencias da Xunta avisou, precisamente, de que fora alertado polo particular do achado na praia do Vilar e que persoal do Concello xa estivera limpando. Tamén que, mesmo antes, a ONG Cemma (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) enviara fotos do vertido. 

O Estado di que avisa o 20 de decembro

Concellos afectados, como o de Ribeira, advirten que a Xunta estivo informada desde o primeiro momento e a conselleira Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia no Parlamento da pasada semana, admite —sen especificar datas— que entre ese 13 de decembro e o 4 de xaneiro na Xunta recibiron avisos dos de Ribeira, Porto do Son ou Muros, a cuxos areais empezaron a chegar granulados a comezos de ano. Tamén recoñeceu que Salvamento Marítimo, dependente do Estado, informou ao 112 o 24 de decembro que se rexistraran "varias incidencias" por localización de plásticos que podían ter "relación" co buque que "podería ter perdido" contedores no mar o 8 de decembro fronte á costa portuguesa. 

A Xunta mantén que non tivo comunicación oficial do Estado ata o 3 de xaneiro, pero o Goberno central insiste en que xa o sabía o día 13 e avisouna o 20 de decembro

O propio Feijóo tamén se referiu ao feito de que o 112, dependente da Xunta, fose avisado da chegada de pellets xa o 13 de decembro, pero mantívose tamén na ambigüidade de facer ver que a Xunta comezou a traballar xa daquela no problema malia reprochar ao Estado que non llo comunicase "oficialmente" ata o 3 de xaneiro.

O Goberno central, ante as críticas da Xunta, insistiu varias veces en que o día 20 de decembro xa advertiu ao galego da posible relación dos pellets achados cos contedores perdidos polo Toconao o 8 de decembro fronte ás costas portuguesas. Mesmo o ministro de Transportes, Óscar Puente, asegura que o Estado xa recibira a través da Administración autonómica avisos da presenza de granulados nas praias o día 13. "Aí iniciouse unha investigación para saber de onde proceden e chegouse á conclusión de que podían ter relación cos contedores perdidos. Contactouse co armador, proporcionounos a información o día 20 e así que a temos trasladámoslla á Xunta, ao coordinador do Camgal", dixo nunha entrevista en Radio Galicia. 

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visita unha praia con 'pellets' CC-BY-SA Xunta

A carta do 4 de xaneiro

Nunha carta remitida aos concellos afectados o 4 de xaneiro, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recoñece os avisos "recibidos nas últimas semanas" relacionados coa aparición de plásticos. O día 8, o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo (PP), asegura que "máis ou menos o día 20 de decembro" Demarcación de Costas avisa dos primeiros achados de sacos. 

Con todo este contexto, aínda que nun ton xa máis baixo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e outros membros do Goberno galego insisten aínda hoxe en que ninguén os avisou ata o 3 de xaneiro, 21 días despois da chegada dos primeiros sacos, malia que o 112, axentes medioambientais autonómicos, concellos e o Goberno central, segundo as súas versións, xa advertiran do problema. Esa suposta tardanza no aviso foi o que, segundo a Xunta, xustifica que non se activase o plan anticontaminación (Camgal) ata o 5 de xaneiro, case un mes despois da caída dos contedores ao mar e malia as demandas doutras administracións. 

5 de xaneiro: plan anticontaminación

Ese 5 de xaneiro, máis de tres semanas despois da chegada dos primeiros granulados ás costas de Galicia, a Xunta activou o plan de loita contra a contaminación mariña (Camgal) no seu nivel mínimo, que non esixe a participación de medios estatais nin activa a súa demanda. 

A Xunta activou o plan anticontaminación o 5 de xaneiro no nivel mínimo, que non esixe a participación de medios estatais; aos catro días, elevou o nivel

Fíxoo entre críticas pola demora e "inacción" que chegaban da oposición ou dos concellos afectados, que negaban que a Xunta "coordinase" nada como dicía e que advertían de que deitaban neles toda a responsabilidade. Nos dous primeiros comunicados do Goberno galego sobre os pellets, advirte que os municipios son os "competentes en realizar os traballos de limpeza" aínda que ofrece a "máxima colaboración" e ínstaos a solicitar reforzos de Tragsa se así o consideran. 

9 de xaneiro: a Xunta eleva a emerxencia

Tan só catro días despois, o martes 9 de xaneiro, a Xunta decidiu elevar o nivel de emerxencia para recibir axuda do Estado, logo de varias xornadas negándose por considerar dabondo o dispositivo autonómico e tras o anuncio de Asturias de que faría o mesmo, malia que os pellets levaban moito menos tempo no seu litoral. O Goberno central criticou o "erro" de ter tardado en erguer a alerta e dixo poñerse "mans á obra" para colaborar, aclarando que o reforzo en terra era o máis acaído ante a dificultade de atopar sacos e moito menos pellets dispersos en alta mar. 

Un saco con 'pellets' ante a sede da Presidencia da Xunta © Federación Ecoloxista Galega

De non pedir a solicitar once barcos ou un avión

A Xunta mudou aí a estratexia e pasou a criticar o "nulo" traballo do Estado en alta mar, instando a "frear a sangría da chegada dos pellets á costa" con medios aéreos e mariños. Foi no mesmo día no que a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, lembraba que Salvamento Marítimo fixera xa "uns cantos voos de recoñecemento" e que "seguía as imaxes por satélite" para intentar apañar sacos no mar. 

A Xunta pasou en poucos días de resistirse a solicitar a axuda estatal a reclamar once barcos, dous helicópteros, un avión e un submarino

O Executivo español reclamou en varias ocasións ao galego que especificase a axuda requirida e, nun comunicado, a Consellería do Mar "censurou" que "o Goberno central non atallase no mar os pellets antes de chegar á costa galega pese a coñecer o suceso en Portugal desde hai un mes". A Administración autonómica desbotou o reforzo nas praias, a non ser que a chegada de granulados fose maior, e acabou por detallar as súas demandas ao Estado na tarde do 10 de decembro: once barcos, un avión e dous helicópteros, ademais dun retén en terra, axuda na formación do voluntariado e o uso dun robot para selar o colector

Voos na procura de sacos

Un día despois, e logo de que varios xornalistas puidesen comprobar in situ os traballos de busca por mar e aires a nivel estatal, Salvamento Marítimo cifraba en 16 ata esa data o número de voos na procura de pellets e en máis de 60 as horas, sen resultados. 

Ao día seguinte, o 12 de xaneiro, as redes sociais da CRTVG, tan criticadas, aseguraban que "o avión Sasemar 102, de Salvamento Marítimo, rastrexa as rías dende o 13 de decembro en busca de sacos de pellets". Pero este pasado luns, Alfonso Rueda aínda asegurou que a axuda no mar do Goberno central "non se traduciu en nada", ao tempo que a Delegación do Goberno anunciaba os voos de recoñecemento do avión AS 102 Rosalía de Castro e do helicóptero Helimer HS401 e aclaraba que foran acordados no Camgal. 

Medios aéreos e mariños da Xunta

Confirmada a petición, a ministra Ribera cualificouna de "carta aos Reis" e de "grande irresponsabilidade", lembrando ademais que o Estado levaba xa días vixiando o mar e que facilitar todo o solicitado podería poñer en risco actuacións como "o rescate de migrantes en alta mar" . Ao pouco, é a Xunta quen decide activar os seus medios aéreos e mariños . Este pasado martes anunciou a mobilización de dous helicópteros, catro buques e dez lanchas, contrapoñendo o dispositivo a "un único avión de vixilancia" por parte do Estado e criticando a escasa achega estatal.  

O Goberno central pregúntase por que a Xunta non activou os seus medios aéreos e mariños ata a pasada fin de semana e logo de reclamarllos ao Estado

Tras a mobilización o sábado dos seus medios por parte da Xunta, o ministro Puente preguntouse por que non saíron antes, nun reproche común no Goberno central, que cuestiona a razón pola que a Xunta solicitou avións, helicópteros e embarcacións sen ter activado aínda os seus. 

O Executivo galego, pola contra, lembra que entre medios autonómicos e o propio sector pesqueiro localizaron nos últimos días catro sacos de pellets e acusou o Estado de poñer "escusas". Entre os atopados, un que apareceu nunha fotografía atado nun cabo e que provocou a polémica. Na TVG, Lino Sexto, subdirector de Gardacostas, asegurou que o feito de que aparecese amarrado nas imaxes era debido a unha "proba de flotabilidade" por parte da tripulación do barco que o encontrara. 

Imaxe divulgada pola Xunta do seu dispositivo de recollida de 'pellets' CC-BY-SA Xunta de Galicia

En canto á insistencia da Xunta ao Estado para que mobilice tamén un submarino que acceda ao contedor que cargaba os pellets para intentar selalo ou comprobar o seu estado, no Goberno central son claros: é inviable. Porque non se sabe do seu paradoiro e tampouco se afundiu ou está á deriva. 

O protocolo de recollida, un mes despois

Así, os principais esforzos céntranse agora na recollida de sacos e pellets en terra. Neste martes, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aclarou que das 960 praias que ten Galicia, inspeccionáronse 350 e só se atoparon granulados en 62. Ademais, retiráronse xa o equivalente a 99 sacos, que supoñen case 2.500 quilos destas bóliñas, ademais de 5.242 quilos doutros plásticos.  

O operativo de limpeza de vixilancia e limpeza está conformado por 469 persoas que actúan en 69 praias de 30 concellos, aos que se suman os 60 formadores medioambientais para o voluntariado. O persoal contratado e o voluntario traballa de acordo a uns protocolos publicados no Camgal o día 10, case un mes despois de que os granulados comezasen a chegar ás costas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a súa activación un día despois de que xa aparecesen na propia web do Camgal e unha semana máis tarde de que a Consellería do Mar enviase unha carta aos municipios pedindo a súa colaboración e advertindo das súas competencias nos labores de limpeza. Logo, tamén, de reiteradas queixas de concellos e cidadanía pola falta de recomendacións ou directrices oficiais sobre como actuar cos pellets.

Ademais, e malia ser un informe encargado pola Xunta, a Administración evitou facer públicas as recomendacións que pedían "non inhalar o po" dos granulados e "evitar o contacto coa pel e cos ollos"

Comité de expertos

Por outra banda, Vázquez informou da constitución dun comité de expertos que avaliará o impacto dos plásticos a medio e longo prazo nas costas galegas, un comité específico para este material, novo e que vai alén do que xa existe dedicado á contaminación mariña. O obxectivo será elaborar un programa de seguimento para os efectos da contaminación a curto, medio e longo prazo, a análise da ecotoxicidade nos ecosistemas mariños, a redacción dun código de boas prácticas e a regulación necesaria para previr estes vertidos. 

Mentres, o comité científico para avaliar a vertedura dos pellets e que asesorará á Xunta estará integrado por expertos e catedráticos das tres universidades galegas, investigadores vencellados a organismos de referencia a nivel nacional como o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Centro de Estudos de Portos e Costas (CEDEX) e o CSIC, membros de organismos autonómicos como Cetmar e Intecmar e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e  representantes de entidades ambientais e ecoloxistas, segundo avanzou a Consellería de Medio Ambiente. 

Eurodeputados reclaman "protección" para a costa galega dos 'pellets' CC-BY-NC-SA BNG

Ademais, en Estrasburgo, e convocados pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, parlamentarios e parlamentarios da Cámara comunitaria pertencentes a cinco grupos políticos expresaron a súa "solidariedade" con Galicia polo vertido de pellets. 

A crise polos granulados foi incluída a proposta do Bloque na orde do día da sesión plenaria do Parlamento Europeo que se celebra este vindeiro xoves 18. 

Mentres, o PP pediu que a prevención da perda de pellets en Europa incúa tamén ao transprote marítimo, a través de emendas á proposta de regulamento sobre a a prevención de perdas deste tipo de plásticos para reducir a contaminación por microplásticos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.