En caso de "vertedura accidental" é preciso "non inhalar o po" e "evitar o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza da vertedura". Son as recomendacións dun informe especializado que a Xunta non compartiu coa poboación que está a tratar de limpar as praias
Un informe encargado pola Xunta á empresa CETIM, un centro tecnolóxico privado con sede en Culleredo, sinala que en caso de "vertedura accidental" dos pellets é preciso "non inhalar o po" e "evitar o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza da vertedura". Ademais, indica que para manexar este material plástico recoméndase "o uso de lentes de protección e luvas". Unhas recomendacións que o Goberno galego non fixo públicas e ás que tivo acceso Praza.gal.
A Consellería de Medio Ambiente facilitou aos expertos deste centro tecnolóxico catro documentos relativos ás bólas que caeron o mar en augas de Portugal, un deles con data do 23 de decembro. Na súa análise dos mesmos, CETIM apunta que "non é unha substancia ou mestura perigosa" e que "non contén pigmentos perigosos". Porén, só poden afirmar que o produto é "estable baixo condicións normais de almacenamento e manipulación".
Este informe encargado a unha entidade especializada externa apunta que os pellets non son biodegradables. "Descomponse a temperaturas superiores a 400ºC e é incompatible con ácidos e bases fortes", conclúen os expertos, que ademais engaden que "non se indican posibles produtos de descomposición perigosos" en base á documentación sobre a composición destas bólas de plástico.
O informe encargado pola Xunta afirma que "non se dispón de información relativa á persistencia ou degradabilidade" deste granulado plástico e que no seu etiquetado figura como non canceríxeno
En concreto, os pellets que non deixan de chegar á costa son unha "masterbatch polimérica en base a polímero de polietileno", unha mestura de polímeros de polietileno cun "aditivo estabilizante UV", que lle aporta unha maior resistencia aos raios ultravioleta.
"Non se dispón de información relativa á persistencia ou degradabilidade, ao potencial de bioacumulación ou á mobilidade no chan", recolle o informe. No etiquetado deste material figura que "non é un produto canceríxeno" e que "non dana o feto nin a fertilidade". O que se considera perigoso, coa información aportada neste documento encargado pola Xunta e no que se basea para asegurar que non hai toxicidade nestas bólas de plástico, é o contacto humano co po que poidan xerar.
Nas fichas de seguridade do etiquetado deste polímero polietileno clasifícase como que "non é unha substancia ou mestura perigosa" e, segundo o informe, "indícase que, en formato de po, trátase dun po combustible indicando que as partículas de po suspendidas no aire poden formar mesturas explosivas co aire e o material moído pode causar queimaduras térmicas".
Non se dispón de información ecolóxica sobre os 'pellets' que seguen chegando ás praias
En relación á información toxicolóxica, o informe especifica que no etiquetado figura "que non é un tóxico agudo, que non se espera que cause irritación da pel, que pode causar irritación mecánica dos ollos, pode irritar as vías respiratorias e se carece de datos dispoñibles relativos a sensibilización/reacción alérxica, así como a toxicidade subcrónica/crónica". Así mesmo, dito informe confirma que carecen de información ecolóxica sobre os pellets.
O centro tecnolóxico coruñés CETIM está a realizar unha análise experimental pormenorizada da composición destes pellets recollidos das praias galegas "co fin de verificar de forma empírica o seu contido". Están a traballar sobre o tipo de polímero e de aditivos que conteñen, así como a súa composición exacta.