O domingo 21 de xaneiro, ás doce do mediodía, unha manifestación partirá da alameda de Santiago de Compostela ata a praza do Obradoiro baixo o lema "en defensa do noso mar". A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), a Plataforma en Defensa do Mar Muros-Noia, entidades ecoloxistas e numerosas persoas organizadas para a limpeza das praias como voluntarias convocan esta mobilización ante a "impunidade" da contaminación do mar e a falta de accións coordinadas na crise dos pellets e mais de "transparencia" nas informacións desde a Xunta.
Agardan unha asistencia masiva dunha crise que desde a oposición comparan coa catástrofe do Prestige, vinte anos despois. "A cantidade de vertedura non é comparable e o impacto ambiental esperemos que sexa moitísimo menor, porén, a xestión e as declaracións dos responsables da Xunta son do mesmo sesgo que daquela. O lóxico sería que activasen o plan Camgal desde o minuto un e non deixar indefensa a túa propia costa, que tes a responsabilidade de protexer. Por que se fai isto? Parece que queren pasar por diante, minimizalo e silencialo", critica Xaquín Rubido, portavoz da PDRA.
"Novamente foi a cidadanía a que ocupou o lugar da Xunta e saíu facer fronte á vertedura de pellets", di Xaquín Rubido
A convocatoria da manifestación parte dunha asemblea celebrada este martes na que participaron as plataformas en defensa das rías, confrarías implicadas, organizacións ecoloxistas e persoas dos grupos de WhatsApp a través dos que se está a coordinar a recolleita destes granulados plásticos nas praias.
"Denunciamos tamén a impunidade con que milleiros de toneladas de materiais tóxicos circulan todos os anos diante das costas galegas e a práctica indefensión do noso litoral fronte aos riscos derivados deste tráfico", defende Rubido, quen salienta que "novamente foi a cidadanía a que ocupou o lugar da Xunta e saíu facer fronte á vertedura de pellets".
Reclaman á Xunta que publique no DOG un "plan urxente de actuación" que inclúa un "estudo interdisciplinar, independente e integral" da situación xeral do mar galego e un "plan de rexeneración dotado economicamente"
Na mobilización do domingo 21 en Compostela demandarán que a Xunta publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) un "plan urxente de actuación" que inclúa un "estudo interdisciplinar, independente e integral" da situación xeral do mar galego e un "plan de rexeneración dotado economicamente", sobre todo mirando cara a situación dos bivalvos –cunha elevada mortandade– e do marisqueo. Reclaman que se regule e publique o "protocolo de desencoros" e "un plan de actuación contra as verteduras ao mar e aos ríos".
Tamén se incide en que é necesaria a "cobertura económica a todo o sector do mar, tanto mariñeiros, mariscadoras como confrarías mentres se manteña o cese de actividade"; así como un "control sanitario" axeitado das importacións de marisco. Como acción urxente, reclaman que se subministre ao voluntariado que está nas praias os medios de protección axeitados, seguindo as indicacións do informe técnico encargado pola Xunta ao que tivo acceso Praza.gal e cuxas recomendacións permanecen ocultas, e os contedores específicos para a súa recollida por tratarse de residuos industriais.