A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pon unha excelente nota á xestión da Xunta da crise dos pellets. Logo do acto de sinatura dun convenio de colaboración co Cemma (Centro de Estudo de Mamíferos Mariños), a tamén vicepresidenta segunda avanzou que este mesmo luns o Goberno galego deu por finalizado o informe que fai trasladar á Fiscalía logo de que abrise dilixencias polo vertido dos granulados de plástico. "E que sexan outros os que, dunha vez por todas, digan se hai responsabilidade ou non; se se fixo ben ou non. Eu estou convencida de que o persoal da Xunta e o Camgal actuou de 10, por non dicir que actuou de matrícula de honra", defendeu.
A que é cara visible e portavoz da Xunta considera, xa que logo, exemplar a actuación do Executivo galego malia as críticas que chegan da oposición ou do Estado. Este mesmo luns, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, advertiu de que en lugar de apostar pola "cooperación leal" entre administracións, o Executivo galego optou pola "falta de honestidade" ao ter "mentido".
Pedro Sánchez acusa a Xunta de "falta de honestidade" e Rueda di que a axuda do Estado no mar "non se traduciu en nada" malia os voos de Salvamento acordados no Camgal
Pola contra, Alberto Núñez Feijóo, líder do PP, pediu ao Goberno central que se "poña a traballar" e acusouno de atacar a Xunta para obter rédito electoral ante as vindeiras eleccións autonómicas do 18F. "Pensa que os galegos somos parvos?", preguntouse. Algo parecido dixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que asegurou que a axuda do Estado en alta mar "non se traduciu en absolutamente nada", malia que un avión e un helicóptero de Salvamento Marítimo saíron hoxe na busca de sacos no mar, tal e como establece o protocolo establecido no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal).
Ao tempo, no Grove, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reuniu no Grove unha trintena de alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas de concellos costeiros afectados pola crise dos pellets para “facer o que tiña que facer o presidente da Xunta”, constituíndo un grupo de traballo para a “información, coordinación e colaboración”.
Besteiro denuncia a “falla de liderado, resposta, a inacción e a falla de competencia” da Xunta
Fíxoo, dixo, tamén ante a “falla de liderado, resposta, a inacción e a falla de competencia” da Xunta, da que lamentou unha xestión que revelou a “soberbia e a mentira” como forma de actuar do PP e do Goberno galego. Segundo dixo Besteiro, os alcaldes e alcaldesas socialistas afectados insistiron en denunciar a “descoordinación” por parte da Xunta de Galicia, así como a “falta de información constante e diaria”, e a “falta de efectivos dende o primeiro momento”.
Por outra banda, e ao tempo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou —como fixera antes Besteiro— a súa asistencia á manifestación convocada este domingo en Santiago pola crise. “Non podemos tolerar o abandono da xente do noso mar por parte do Goberno do PP, ao que neste crise dos pellets se lle viron as costuras e nin está nin se lle espera”. “Os galegos e as galegas merecemos unha presidenta que non lle minta ao país, que sempre diga a verdade”, dixo.
92 sacos de péllets recollidos
Mentres, desde a Xunta, a conselleira Ángeles Vázquez avanzou que este martes se anunciará a composición do comité de expertos que avaliará os efectos da vertedura de pellets. O comité, detallou, estase confeccionado este luns. Para iso, a propia conselleira reuniuse con Adega e con outras asociacións ecoloxistas para que lle trasladen quen queren que participe, aínda que deberá ser "un investigador, un biólogo ou un químico".
En canto aos datos da recollida de granulados, Vázquez anunciou que ata este pasado domingo apañáronse o equivalente a 92 sacos de pellets e 4.186 quilos doutro tipo de plásticos e residuos, polo que fixo fincapé na importancia de manter limpo o medio e concienciar sobre a contaminación. Tamén advertiu de 63 praias afectadas en 30 concellos, aínda que o persoal voluntaria fala de bastante máis dun cento de areais, e de máis de 300 efectivos da Xunta traballando xunto a 56 formadores de voluntarios.
Alén disto, o avión e o helicóptero mobilizados este luns por Salvamento Marítimo para realizar un voo de recoñecemento e procura de sacos nas costas galegas non localizou ningún. Segundo informou a Delegación do Goberno de España en Galicia, inicialmente estaba previsto que o avión AS 102 Rosalía de Castro realizase un voo de recoñecemento esta mañá entre Cabo Silleiro e Ortegal pero, finalmente, ademais deste, saíu tamén a recoñecer a zona o helicóptero Helimer HS401, aínda que sen achado ningún.