A Xunta teima na súa estratexia na xestión da crise dos pellets. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente en funcións, Ángeles Vázquez, e mais o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, presumiron este mércores da achega de medios por parte da Administración autonómica na busca de granulados plásticos e sacos malia que os datos de Salvamento Marítimo certifican que só mobilizou o 40% dos barcos e helicópteros que dicía que estaba a utilizar, tal e como adiantou Praza.gal.
Nunha comparecencia conxunta para facer balance do operativo de limpeza de pellets tras a desactivación o pasado venres do plan Camgal, Vázquez e Villares non dubidaron en presumir do "rigor informativo", a "transparencia" e a mobilización de medios por parte da Xunta fronte á "inacción do Goberno central", a quen reprocharon que achegase avións ou helicópteros "moi por debaixo dos solicitados".
O conselleiro do Mar en funcións chegou a contrapoñer o "rigor informativo, a prudencia e a responsabilidade" da Xunta fronte aos "bulos e a desinformación dos que pensaban máis nos seus propios intereses que nos dos galegos e galegas". "O Goberno autonómico activou ao longo do episodio todos os medios dispoñibles, tanto aéreos como marítimos e terrestres do Servizo de Gardacostas, axentes ambientais ou persoal doutros departamentos para a xestión de cuestións como a formación de voluntarios", engadiu a conselleira de Medio Ambiente en funcións, segundo aclara a nota de prensa.
Vázquez e Villares contrapoñen a "transparencia" e a achega de medios da Xunta á "inacción" do Goberno central e aos "bulos' e a desinformación"
As declaracións e os datos (sen detallar) que achegan os dous membros do Goberno galego contrastan cos datos de Salvamento Marítimo que rexistraron os movementos de buques e medios aéreos nas costas galegas durante os primeiros dezasete días do pasado mes de xaneiro e aos que tivo acceso Praza.gal.
Malia que a Xunta informaba diariamente, nas redes sociais e en nota de prensa, de que mobilizaba todos os seus avións e embarcacións na busca de granulados e sacos —ao igual que insiste agora—, o informe de Sasemar revela que só moveu arredor do 40% dos medios que dicía estar a utilizar: o 40% dos seus principais medios aéreos e marítimos do Servizo de Gardacostas. Como exemplo, os datos de movementos do buque Ría de Vigo, que o Goberno galego dixo ter "mobilizado" en todas as súas informacións: non saíu ningún dos días analizados. Nin entre o 13 e o 17 de xaneiro, pero tampouco desde o día 1. O único movemento rexistrado é o seu traslado o día 7 desde Ferrol ata Vigo durante a noite.
A Xunta insiste en que mobilizou "todos os medios dispoñibles, tanto aéreos como marítimos e terrestres de Gardacostas" malia que os datos de Salvamento indican que moveu o 40% dos que divulgaba
No entanto, a Xunta informou todos os días da súa "mobilización" para o dispositivo da busca de pellets e sacos cando, en realidade, estaba atracado en porto. Non é o único caso, tal e como indicaba o informe oficial de Salvamento, que aclarou que das 31 mobilizacións de medios aéreos e marítimos das que advertiu a Xunta nos seus comunicados oficiais entre o día 13 e 17 de xaneiro (unhas seis ao día), só levou a cabo 13 saídas, menos de tres por xornada, ao tempo que criticaba a falta de axuda por parte do Estado.
Ségueo facendo. "O que non había era vontade de arrimar o ombro", dixo este mércores o conselleiro Villares tras criticar que a "inacción" do Goberno central por non colaborar, na súa opinión, como debera ter feito. "Estivo en todo momento ausente", dixo tras presumir dunha xestión da Xunta "coordinada e transparente". "Unha Xunta de Galicia coordinada, xestionando, poñendo medios e traballando desde o minuto un ao pé do terreo", insistiu.
O delegado do Goberno asegura que a "falta de actuación e xestión, a descoordinación de medios, as mentiras e a desinformación" por parte da Xunta foi "unha evidencia"
Desde o Estado, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, lamentou que a Xunta non aprendese "nada da crise dos pellets" e que "continúe instalada na postura de que todo o fixeron ben" e de "que non teñen ningún tipo de responsabilidade, botando a culpa aos demais". O delegado dixo que "a falta de actuación e xestión, a descoordinación de medios, as mentiras e a desinformación constante por parte do Goberno galego" foi "unha evidencia" e que "quedou constatado" que "souberon desde mediados de decembro da chegada dos pellets", pero "non fixeron nada".
"Negaron a axuda do Goberno de España ata que se viron desbordados", dixo Pedro Blanco, criticando que "agora pretenden facer crer á cidadanía que actuaron con dilixencia". "Xa aburre esa estratexia da Xunta de Rueda de terxiversar a realidade para desviar a atención da falta de xestión e confrontación co Goberno de España", concluíu.
A Xunta irá aos tribunais
Por outra banda, Ángeles Vázquez anunciou na mesma rolda de prensa que o Goberno galego recorrerá aos tribunais para esixir ao Executivo central que reclame ante a armadora do buque Toconao os 2,3 millóns de euros que custou a limpeza dos pellets ás arcas galegas.
A Xunta irá aos tribunais para pedir ao Goberno central que reclame os 2,3 millóns que custou a limpeza de 'pellets'
Sobre esa limpeza, a conselleira aclarou que os efectivos da Xunta actuaron en 633 praias, o 65% dos areais galegos, pertencentes a 66 dos 77 municipios en liña de costa. O persoal activado pola Xunta (ata 450 persoas) recolleu neste período 3.650 quilos de granulados, que se suman aos 1.384 quilos recuperados polos municipios e os voluntarios. En total, son algo máis de cinco toneladas deste produto, o que supón 201 sacos, das algo máis de 26 toneladas que verteu ás augas o Toconao.
Ademais dos pélets, o operativo sacou das praias galegas 20,2 toneladas doutros residuos, principalmente plásticos asimilables a residuos urbanos, apuntou a vicepresidenta segunda, que informou tamén que, segundo as análises, algúns dos pellets apañados non se corresponden coa vertedura do Toconao, aínda que si "unha parte importante". Cos datos de existencia de granulados doutras verteduras, así como doutros tipos de residuos plásticos, a conselleira instou a "repensar" a "situación das praias galegas, españolas e do resto do mundo" e "profundar na concienciación respecto diso" dos plásticos no mar.
A Xunta cifra en algo máis de cinco toneladas os 'pellets' recollidos das máis de 26 toneladas vertidas polo 'Toconao'
En todo este proceso de limpeza "os galegos incorreron nunha serie de gastos que hai que reivindicar" que se devolvan, baixo a premisa de "quen contamina, paga". A vicepresidenta segunda da Xunta cifrou o gasto para as arcas galegas en 2.375.000 euros. Pasados "os 10 días hábiles para contestar", avanzou que a Xunta "vai ir aos tribunais" contra "o silencio negativo do Goberno central".
O pasado 19 de xaneiro, a Xunta solicitou por carta ao Goberno central que "iniciase o procedemento de esixencia de responsabilidade ambiental" para recuperar os 2,3 millóns de euros gastados neste operativo, baixo a premisa de "quen contamina, paga". O Executivo contestou o 25 de xaneiro dicindo que estaba "a estudar a solicitude", dixo a conselleira, que engadiu que non volveron a ter resposta respecto diso.
Con todo, "pasados os 10 días hábiles para contestar", Ángeles Vázquez afirmou que o Goberno galego non ten información de se se iniciou ese proceso, polo que avanzou que van ir " aos tribunais" para esixir ao Goberno que se active este mecanismo. "Imos recorrer aos tribunais porque os galegos non temos que pagar este desastre", apuntou a conselleira de Medio Ambiente, que avanzou que non esperarán "máis tempo", dado que a Xunta, "xa pagou" estes gastos.
Vázquez referiuse a a aprobación por parte do último Consello de Ministros da orde de axudas para os afectados pola vertedura de pellets en Galicia, Asturias e Cantabria, un proceso do que dixo descoñecer quen serán os beneficiados "ata que se publique a orde".
En todo caso, dixo que "é moi grave que se engane á cidadanía" e puxo como exemplo as axudas para os afectados polos incendios de 2022 en Valdeorras.