BNG e PSdeG sinalan a Xunta por "mentir" sobre os medios destinados á busca de 'pellets': "É unha estafa"

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a crise dos 'pellets' CC-BY-SA Xunta

"É unha nova mentira da Xunta, pero sorpresa, ningunha". Nesta reflexión coinciden os dous partidos da oposición logo de que documentación oficial de Salvamento Marítimo (Sasemar) desvelase que o Goberno galego moveu na busca de pellets menos da metade dos medios aéreos e marítimos que dicía estar mobilizando. 

A información, desvelada por Praza.gal, constata —a través dos rexistros de Sasemar sobre a saída dos medios do Servizo de Gardacostas de Galicia na primeira metade de xaneiro—, que a Xunta apenas mobilizou o 40% dos barcos e helicópteros que dicía estar utilizando para buscar pellets e sacos en no mar. 

Informe cos movementos dos barcos e helicópteros da Xunta segundo os datos da estatal Sasemar CC-BY-SA Praza Pública

"Os datos sobre os medios non utilizados demostran que a xestión da Xunta foi unha estafa, unha cadea de mentiras", di Rosana Pérez (BNG)

A través de notas de prensa e comunicados nas redes sociais, o Goberno galego informou durante dúas semanas e desde o pasado 13 de xaneiro que sacaba cada día todos os seus medios aéreos e marítimos, advertindo de dous helicópteros e catro grandes buques ou máis en cada xornada. En realidade, eran a metade ou menos cada xornada, segundo os datos oficiais de Sasemar aos que tivo acceso este diario. Todo mentres a Xunta aproveitaba os comunicados para lamentar e criticar a escasa achega de medios por parte do Estado e solicitar máis.

"Que mentisen non é unha sorpresa, pero saber con detalle os medios que se utilizaron e, máis ben, os que en realidade non se utilizaron, demostra que a actuación do PP e da Xunta na crise dos pellets foi unha estafa", di Rosana Pérez, portavoz parlamentaria do BNG en temas marítimos. 

"Os datos non fan máis que constatar que a súa xestión foi unha estafa e unha cadea de mentiras", insiste Pérez, que lembra que o Bloque leva xa anos advertindo, ademais, de numerosas eivas nos medios de salvamento da Xunta e acusándoa de "favorecer a través da súa xestión intereses que non son os dos galegos e galegas e que non responden ás necesidades da xente do mar". "Isto non é máis que un suma e segue de todo o desgoberno levado a cabo polo PP durante anos", engade. 

Rosana Pérez, deputada e portavoz de Pesca do BNG no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

"Menten a sabendas e sen pudor porque mentir forma parte da campaña do PP e da Xunta", di Julio Torrado (PSdeG)

Desde o PSdeG, o deputado autonómico Julio Torrado, portavoz na Deputación Permanente que abordou a crise dos pellets no Parlamento, insiste en que as "mentiras" do PP sobre os medios mobilizados na busca de granulados ou sacos no mar "non son unha sorpresa". "Mentiron sobre os buques e helicópteros que sacaron como antes mentiron sobre as súas competencias no tema e outras veces noutras cousas", asegura. 

"Fano a sabendas, máis aínda ás portas dunhas eleccións, porque mentir forma parte da campaña do PP e da Xunta", insiste Torrado, que cualifica os populares de "profesionais da mentira". "Menten con total sinceridade e sen pudor", di con ironía, quen advirte que o desta vez é un proceder xa habitual por parte do Goberno galego. 

"É o de sempre: sabemos que o PP é quen de mentir de maneira indiscriminada, pero adóitano facer cando ocorre algo distinto ao ordinario. Desta vez, víronse superados pola crise dos pellets e volveron optar pola mentira", conclúe. 

Os datos de Salvamento Marítimo deixan lugar a poucas dúbidas. Así, por exemplo, o día 13 de xaneiro, en nota de prensa, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informa de que o Executivo galego activou os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e "cinco embarcacións de gran porte", ademais doutras sete patrulleiras. En realidade, e segundo o rexistro de Sasemar, ningún buque da Administración autonómica saíu ao mar en busca de sacos aquel sábado. "Non hai movementos", reza o informe sobre a actividade de cada un deles. Si o fixeron os dous helicópteros: un durante dúas horas e media polas Rías Baixas e o outro, tres horas nas Rías Altas. 

Julio Torrado (PSdeG), durante a Deputación Permanente que abordou a crise dos 'pellets' CC-BY-SA PSdeG

Só 13 saídas fronte ás máis de 30 que dixo a Xunta

De feito, o Pesca 1, malia que a Xunta insistía cada día en que saía buscar pellets, tampouco voou o domingo 14 nin o domingo 15, data na que tampouco foi mobilizado o Pesca 2 a pesar da comunicación oficial da Xunta, que era difundida polos medios. 

En canto aos buques da Xunta, e ademais do nulo uso do Ría de Vigo durante eses días, tampouco todos saíron á procura de sacos de pellets, tal e como relataba a Xunta. O Mar de Galicia non o fixo o sábado 13, ao igual que o Sebastián de Ocampo, que o día 14 cambiou de base de Celeiro á Coruña e que tampouco foi mobilizado os días 16 e 17. O Irmáns García Nodal, entre o 13 e o 17, só levantou áncoras o día 15 para acudir á zona entre Marín e Vilagarcía.

En total, das 31 mobilizacións de medios aéreos e marítimos das que advertiu a Xunta nos seus comunicados oficiais entre o día 13 e 17 de xaneiro (unhas seis ao día), só levou a cabo 13 saídas, menos de tres por xornada, ao tempo que criticaba a falta de axuda por parte do Estado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.