Varias mulleres denuncian no PSOE acoso sexual de José Tomé, que o nega

José Tomé, nunha imaxe de arquivo © Deputación de Lugo

A canle 'Cuatro' cifra en cando menos seis as alertas lanzadas a través do protocolo antiacoso do partido, cuxo protocolo garante o anonimato. O PSOE confirma que foi rexistrada unha este luns

Varias mulleres denunciaron na canle interna de denuncias do PSOE casos de acoso sexual por parte de José Tomé, secretario xeral do partido na provincia de Lugo, alcalde de Monforte e presidente da Deputación. Estas notificacións ao partido foron publicadas pola canle televisiva Cuatro na noite deste 9 de decembro.

O veterano dirixente, segundo puido confirmar o xornal El Progreso, nega as acusacións. Atribúe a un intento de difamalo as que, segundo o devandito programa, serían cando menos seis alertas rexistradas formalmente nos últimos días. "Todo o que se dixo nese programa é falso, polo que vou tomar as pertinentes accións legais", declarou ao diario lucense. 

No mesmo sentido manifestouse este mércores, preguntado ao respecto nun acto público en Monforte: "O que saíu publicado é totalmente falso e mentira", di, ao tempo que agarda esperar ter "posibilidade de defenderse" ante unhas acusacións das que "non hai ningunha proba" porque "non é verdade". Pouco despois convocou unha conferencia de prensa na súa calidade de secretario provincial do PSdeG para as cinco da tarde deste mércores.

José Tomé, nun pleno do Concello de Monforte © Concello de Monforte

O procedemento da formación socialista establece que este tipo de alertas son rexistradas ante un comité independente, sen cargos da dirección do partido, e parte da estrutura federal. Fontes do PSdeG consultadas por Praza.gal especifican que o propio protocolo antiacoso do PSOE establece estes procedementos como anónimos, segundo marca a lei, e a identidade das persoas denunciadas non transcende ao partido ata que finaliza o proceso. A dirección federal, informa El País, confirma a existencia dunha denuncia por "comportamentos machistas" de Tomé rexistrada na canle interna apenas 24 horas antes da emisión do programa de Cuatro.

O PSdeG asegura non ter constancia de "ningunha denuncia" ao respecto e Besteiro anula a súa axenda pública deste mércores. "Non só nos produce tristura, prodúcenos repugnancia e hoxe mesmo haberá un pronunciamento contundente", avanza Lara Méndez

As fontes consultadas por Praza.gal subliñan que na dirección nacional do PSdeG non consta "ningunha denuncia" ao respecto, nin internamente no partido nin en sede xudicial. Na formación, manteñen, sóubose destas acusacións a través de consultas de medios de comunicación pouco antes da emisión do programa e non puideron achegar detalle ningún por non dispoñer deles. As mesmas fontes anticipan, non obstante, unha resposta "contundente" a este caso.

Estaba previsto que as primeiras declaracións públicas ao respecto por parte do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, chegasen este mércores durante unha visita a Padrón prevista con anterioridade, pero foi anulada. Quen si mantivo a súa axenda pública foi a secretaria de organización, Lara Méndez, que implicou a habitual comparecencia ante os medios tras a Xunta de Portavoces do Parlamento. Foi alí onde considerou que "as información sobre este presunto acoso sexual en Lugo non só nos producen tristura, senón que nos producen repugnancia" e concretou que "hoxe mesmo haberá un pronunciamento contundente do Partido Socialista".

Tomé, tomando posesión por segunda vez como presidente da Deputación de Lugo en 2023 © Deputación de Lugo

As acusacións e posibles escenarios

Sempre segundo as notificacións internas divulgadas por Cuatro, as acusacións contra Tomé refírense a coñecemento por diversas persoas de comentarios e proposicións de tipo sexual, tanto verbalmente como a través de mensaxes telefónicas. Nalgún caso, asemade, apuntan a promesas de postos de traballo, entre outras condutas inapropiadas cuxa advertencia, manteñen, foi trasladada tamén a cargos do partido á marxe do procedemento formal.

O alcance  e o tempo que levan formuladas revélase como un dos detalles clave dunhas denuncias que chegan xusto cando o PSOE está inmerso na xestión do caso de acoso sexual dun antigo alto asesor do presidente do Goberno de España, Francisco Salazar. Tamén para as súas posibles repercusións políticas na corporación provincial.

Unha eventual dimisión de Tomé implicaría que o PSdeG lucense tivese que elixir un novo deputado ou deputada na corporación provincial para, acto seguido, propoñer unha nova candidatura á presidencia da Deputación. Esa elección, como a investidura ao principio do mandato en 2023, dependería dos 10 votos socialistas e mais dos 3 do BNG, socio de goberno na institución lucense. No caso do Concello de Monforte, a remuda precisaría unicamente ao PSdeG, ao contar con maioría absoluta.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.