O socialista Tomé, reelixido presidente da Deputación de Lugo co foco en máis "emprego e servizos" para os concellos rurais

José Tomé recolle o bastón de mando tras ser reelixido presidente da Deputación de Lugo, este 30 de xuño © Deputación de Lugo

O goberno da Deputación de Lugo era unha das pezas máis cobizadas das eleccións municipais en Galicia e o escrutinio que o decidiu foi un dos máis axustados e tensos do pasado 28M. Finalmente, as forzas da esquerda sumaron maioría absoluta na institución lucense por quinto mandato consecutivo e, sobre 10 votos do PSdeG e o 3 do BNG, o socialista José Tomé foi reelixido este 30 de xuño como presidente.

A nova maioría absoluta que suman PSdeG e BNG sustenta un goberno da esquerda na institución lucense por quinto mandato consecutivo

A veciñanza lucense "revalidou a aposta por un goberno de progreso", expuxo Tomé no seu primeiro discurso tras a reelección, marcado pola afonía que lle provoca unha afección na gorxa nos últimos días. Esa veciñanza, di, "espera que o fagamos aínda mellor" e ese, afirma é o propósito dun novo goberno de coalición que procurará un "novo impulso ao proxecto de impulso social e económico" co foco posto especialmente nos concellos rurais.

José Tomé, nos instantes previos a ser reelixido presidente da Deputación de Lugo, este 30 de xuño © Deputación de Lugo

A cuestión do despoboamento, defende Tomé, vén sendo un lugar común nas institucións públicas dende hai tempo, pero "somos moi poucos o que facemos algo". "Podémoslle dar as voltas que queiramos", di, pero a "única fórmula que permitirá afrontar con eficacia o despoboamento e o reto demográfico" é achegar a estes concellos "máis e mellores servizos públicos, máis e mellor emprego". E esa, mantén, será a prioridade da Deputación lucense nos vindeiros catro anos.

"Podemos dar as voltas que queiramos, pero a única fórmula de afrontar o despoboamento é con máis e mellores servizos e emprego"

"O rural non está baleiro, está cheo de talento, de oportunidades e de ideas", considera Tomé, e só "falta que teña apoio". Un apoio que, afirma, o goberno da Deputación vai seguir brindando, se ben o problema "non o podemos arranxar sós" dende as Administracións locais. "Non hai rural vivo sen escolas, sen centros de saúde, sen centros de atención a maiores e persoal que os atenda", exemplifica, para apuntar á necesidade de maior implicación da Xunta e do Estado.

Asistentes ao pleno de Constitución da Deputación de Lugo, este 30 de xuño de 2023, durante a votación © Deputación de Lugo

Neste sentido, o tamén reelixido como alcalde de Monforte cre necesario volver poñer sobre a mesa un incremento do financiamento local e esa, di, tamén é unha das reivindicacións do novo período. "Non son o mellor presidente, pero tiven o mellor equipo e estou convencido de que o volverei ter na etapa que comezamos", concluíu nun contexto no que xa é segura unha remuda na vicepresidencia, toda vez que a representante do BNG que a exerceu no anterior mandato, Maite Ferreiro, edil de Cultura na cidade de Lugo, non recunca como deputada provincial.

Efrén Castro, do BNG, será o vicepresidente no novo mandato nun acordo baseado no acordo marco asinado este mesmo 30 de xuño polas direccións socialista e nacionalista para as deputacións lucense e coruñesa

Nos vindeiros días  PSdeG e BNG comezarán a aplicar o seu novo pacto, co reparto de áreas e a asignación da vicepresidencia a Efrén Castro, que encabeza a representación nacionalista xunto a Iria Castro e Daniel García. Baséase no acordo marco asinado polas direccións galegas dos socialistas e do Bloque este mesmo venres para os gobernos da deputación lucense e coruñesa. No anterior mandato, o Bloque xestionou áreas como Medio Rural, Mocidade, Deportes e Cultura. Castro asegura asumir o novo cargo con moita "ilusión", se ben "impón respecto" substituír á súa compañeira na vicepresidencia.

O acto de constitución da corporación provincial celebrouse nun ateigado salón de plenos do Pazo de San Marcos, no que o edil lucense Antonio Ameijide se estreou como voceiro do grupo do PP, que volve contar con 12 escanos. Entre a concorrencia atopábase a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e tamén o ex-presidiente da Deputación e actual cabeza de lista do PSdeG ás eleccións xerais pola provincia, José Ramón Gómez Besteiro, entre outros cargos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.