O Eixo Atlántico promove enfrontar o despoboamento do interior de Galicia e norte de Portugal con políticas que poñan ás persoas no centro. Nun informe que presentará o día 22 en Mirandela propón medidas fiscais, o impulso do cooperativismo e a economía social e a colaboración entre administracións como receitas básicas para asentar poboación no interior
O Eixo Atlántico promove enfrontar o despoboamento do interior de Galicia e norte de Portugal con políticas que poñan ás persoas no centro e abandonen miradas “fatalistas” das zonas rurais con enfoques que perpetúan o dualismo rural/urbano, superado pola realidade social. Así, presentan propostas prácticas para planificar desde o presente un futuro próspero no eixo entre Lugo e Mirandela, pasando por Ourense e os demais municipios da rexión de Trás-os-Montes.
Nunha xornada que terá lugar o vindeiro 22 de xuño no municipio portugués de Mirandela, o Eixo Atlántico presentará a axenda de propostas para combater o despoboamento coordinada e dirixida por María Xosé Galdo, catedrática de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta do Observatorio Galego da Dinamización Demográfica. No encontro tamén participarán a secretaria de Estado de Desenvolvimento Rexional de Portugal, Isabel Ferreira, o vogal asesor da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico de España, Miguel Anxo Pérez Grande, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández.
O estudo pon de manifesto que a porcentaxe de persoas maiores de 64 anos supera á de menores de 20 tanto en Lugo e Ourense, como na rexión de Trás-os-Montes, como xa viña sucedendo desde comezos do século XXI. Así, recompilan que no ano 2020 a poboación de 65 e máis anos representa máis da cuarta parte da poboación en Lugo (29,2%) e Ourense (31,5%) ao igual que sucede nas Terras de Trás-os-Montes (30,4%), mentres que a poboación menor de 15 anos sitúase por debaixo do 11% (Lugo 10,1% e Ourense 9,7%), lonxe da media dos 27 Estados da Unión Europea, do 15,1%.
O estudo do Eixo sinala como fundamentais políticas fiscais que bonifiquen a residencia en áreas de despoboamento severo e a bonificación aos agricultores en áreas moi despoboadas
“Os territorios que máis están a sufrir o despoboamento son territorios vulnerables debido tamén á debilidade, e ata carencia, dun tecido social que dea soporte á sustentabilidade dos asentamentos poboacionais. Unha debilidade que está a retroalimentar a emigración da pouca xente que queda e, por conseguinte, a obstaculizar aínda máis o cambio xeracional”, argumentan no estudo do Eixo Atlántico.
A resolución deste traballo mantén que hai instrumentos de carácter transversal que é sabido que contribúen á permanencia da poboación no rural. É o caso dunha política fiscal que bonifique a residencia en áreas de despoboamento severo, a bonificación aos agricultores que realicen a súa actividade en áreas moi despoboadas, a profundización da innovación no PDR español (Programa de Desenvolvemento Rural) e no PROT-N –actualmente en elaboración–, e a xeración de instrumentos de cohesión nas áreas transfronteirizas cun despoboamento severo.
Cooperativismo, envellecemento na casa e agrotecnoloxía
O informe identifica cinco áreas estratéxicas de actuación: gobernanza, medidas institucionais e financiamento, social, económica e medioambiental. No primeiro apartado , o da gobernanza, destacan que “o papel das Deputacións, nos casos das provincias de Lugo e Ourense, e do CIM, no caso de Trás-os-Montes, é capital”, para sinalar a necesidade de dispor dun documento unificado no que figure o que está a facer cada administración en materia de despoboamento e crear un documento único con todas as liñas de axuda para o desenvolvemento de actividades e proxectos nos espazos de baixa densidade.
Coa vontade de potenciar “unha nova imaxe do rural” trasládase que “nas entrevistas realizadas a xente emprendedora no mundo rural repítese, como un dos obstáculos ‘inmateriais’ pero densos pola carga negativa que proxectan, a desconfianza da xente asentada no medio rural ante a volta á aldea de xente ‘estudada’ que emprende actividades empresariais neses contornos”.
No ámbito social destaca un claro apoio do cooperativismo e das alianzas entre entidades de economía social entre as medidas indicadas, que defenden facilitar o envellecemento na casa
Neste punto, no informe cítanse proxectos que están a xogar un papel destacado, como as organizacións de mulleres no rural Fademur-Galicia, Asociación Mulleres de Seu, AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), Asociación Alecrín ou o Programa EMEGA de emprendemento feminino, que se organizou o pasado outono co patrocinio da Deputación de Lugo e a colaboración do Concello de Lugo.
Entre as medidas institucionais e financiamento propoñen establecer un marco de vantaxes fiscais adicionais para persoas novas e emprendedoras que complemente os programas xa existentes e facilitar apoio financeiro a proxectos empresariais que xeren actividade económica e emprego en zonas rurais afectadas pola despoboamento. No ámbito social destaca un claro apoio do cooperativismo e das alianzas entre entidades de economía social, intercooperación ou integración, tendo en conta a pluralidade de fórmulas cooperativas.
Apóstase polo envellecemento no territorio e lonxe dos modelos das grandes residencias. Así, as propostas son reforzar os plans de axuda a coidadores familiares, facilitar o envellecemento na casa e na comunidade e alentar a creación e posta en funcionamento no rural de residencias medicalizadas para estancias curtas.
Por outra banda, nas propostas sociais o informe non deixa atrás o problema da vivenda e promove facilitar o acceso á vivenda mediante compra ou alugueiro, apoiar a rehabilitación pública de vivendas para alugueiro e a creación dun banco de vivendas baleiras, entre outras medidas.
No informe propoñen que se desenvolva unha Estratexia de Economía Social que permita profundar no seu potencial para o desenvolvemento dos territorios de baixa densidade
No apartado económico reclaman trámites máis sinxelos e accesibles para o emprendemento rural e tamén poñen o foco na divulgación e formación, pois propoñen realizar actividades en institutos e centros de formación profesional para dar a coñecer as experiencias innovadoras da xente local e reforzar, desde os entes locais, a colaboración coas universidades e centros de investigación para a transferencia de coñecementos.
Da mesma maneira, solicitan que se desenvolva unha Estratexia de Economía Social que permita profundar no seu potencial para o desenvolvemento dos territorios de baixa densidade. O estudo recolle a eficiencia demostrada pola economía social na xestión da rede de servizos colectivos e indica que o camiño pasa por impulsar o desenvolvemento de viveiros de economía social no medio rural.
Por último, no ámbito medioambiental a estratexia pasa pola agrotecnoloxía e por unha xestión dos recursos agrogandeiros baseada na innovación e a sustentabilidade. Neste eido figura o impulso do asociacionismo entre os produtores do rural e aproveitar a trazabilidade de produtos ecolóxicos de calidade, fomentando e promocionando a agricultura ecolóxica, a economía circular e a produción de proximidade. Aquí tamén fan fincapé na colaboración desde os concellos e na necesidade de elaborar rexistros das distintas iniciativas de modernización agrotecnolóxica que se están a desenvolver.