O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este luns unha actualización dos Indicadores Urbanos, unha selección de datos das cidades, conurbacións e áreas urbanas funcionais existentes, que inclúe tamén información de todas as localidades que no Estado superan os 20.000 habitantes. Un panorama da sociedade urbana que no caso galego abrangue as sete cidades coas súas respectivas áreas urbanas funcionais e outras 15 localidades.
O INE compara os datos de 126 cidades (sete delas galegas) e dun total de 417 localidades de máis de 20.000 habitantes. Entre todas elas, Ferrol é a quinta localidade cunha menor proporción de poboación menor de 14 anos, apenas o 9,92%
Unha análise xeral dos datos revela que os concellos da Galicia urbana se caracterizan, en relación ás cidades do resto do Estado, por unha poboación envellecida, con poucos residentes de menos de 14 anos e unha proporción moi ampla de habitantes por riba dos 65. E, ademais, por unha porcentaxe cativa de poboación de orixe estranxeira.
É ben sabido que Galicia no seu conxunto ten unha poboación envellecida e unha baixa taxa de natalidade mais estes datos amosan que esta situación non é exclusiva das zonas rurais, senón que se estende ás cidades, zonas urbanas e grandes concellos.
Nun extremo, destaca o caso de Ferrol, unha das cidades máis envellecida de España. E, no outro, aparece en Galicia a excepción do Concello de Ames, cunha poboación moito máis nova que a media galega, mesmo se a comparamos co resto da Galicia urbana.
O INE compara os datos de 126 cidades (sete delas galegas) e dun total de 417 localidades de máis de 20.000 habitantes. Entre todas elas, Ferrol é a quinta localidade cunha menor proporción de poboación menor de 14 anos, apenas o 9,92%. Tan só Mieres, Puerto de la Cruz, Langreo e Barañáin presentan menos poboación nova que a cidade naval.
O caso de Ferrol non é unha excepción en Galicia, pois atopamos a maior parte das restantes cidades e vilas galegas entre as 100 con menos poboación nova en todo o Estado
Porén, o caso de Ferrol non é unha excepción en Galicia, pois atopamos a maior parte das restantes cidades e vilas galegas entre as 100 con menos poboación nova en todo o Estado. Tanto capitais comarcais interiores, como A Estrada (10ª) ou Lalín (24ª) como cidades como Ourense (29ª), A Coruña (34ª), Vigo (43ª), Santiago (61ª), Lugo (74ª) ou Pontevedra (84ª). Tan só Narón, Ponteareas, Oleiros, Arteixo, Culleredo e O Porriño aparecen fóra das 100 localidades con menos poboación nova. E tan só Ames está entre as áreas urbanas con máis poboación menor de 14 anos.
Ferrol aparece como a segunda localidade de máis de 20.000 habitantes con máis poboación maior (29,39%), só por detrás de Mieres e mesmo por diante da Estrada (28,74%)
A análise é semellante se o indicador que se compara é o da proporción de poboación maior de 65 anos. Neste caso Ferrol aparece como a segunda localidade de máis de 20.000 habitantes con máis poboación maior (29,39%), só por detrás de Mieres e mesmo por diante da Estrada (28,74%). Non hai ningún outro gran concello galego entre os dez primeiros, pero nas 100 primeiras posicións (dun total de 417) si aparecen Ourense, Lalín, A Coruña, Carballo, Redondela, Vigo, Santiago, Lugo, Marín, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Cangas, Ribeira, Narón e Oleiros.
Vigo e Ferrol, destacadas
Ferrol é a cidade do Estado cunha menor porcentaxe de poboación activa (50,12%), por diante de Xixón e Avilés
Algunhas cidades galegas tamén aparecen destacadas noutros indicadores, non sempre positivo. É o caso de Ferrol, que debido principalmente á súa elevada proporción de poboación maior de 65 anos é a cidade cunha menor porcentaxe de poboación activa (50,12%), por diante de Xixón e Avilés.
Afortunadamente, ningunha cidade galega está entre as urbes cunha maior taxa de paro, unha lista encabezada por cidades andaluzas, moitas delas entre o 20% e o 30%. A cidade galega con máis desemprego, Ferrol (14,37%) está moi lonxe deses niveis, no posto 45 de 126.
Vigo e Ferrol aparecen nos indicadores urbanos publicados polo INE entre as cidades nas que o emprego industrial é máis importante
Vigo e Ferrol aparecen nos indicadores urbanos publicados polo INE entre as cidades nas que o emprego industrial é máis importante. A cidade olívica aparece no posto 19 (un 14,51% da poboación ocupada traballa no sector secundario). E, se se teñen en conta as Áreas Urbanas Funcionais (que abranguen os concellos das áreas metropolitanas ao redor das cidades), Vigo aparece na oitava posición (18,7%) e Ferrol na duodécima (16,7%).
Outro indicador no que as localidades galegas máis poboadas aparecen destacadas é o da proporción de poboación estranxeira, escasa nas zonas urbanas do noso país
Outro indicador no que as localidades galegas máis poboadas aparecen destacadas é o da proporción de poboación estranxeira, escasa nas zonas urbanas do noso país. En Redondela os residentes estranxeiros supoñen unicamente o 1,99% da poboaución total. É a única localidade galega nas dez primeiras posicións, pero o resto de cidades e grandes vilas figuran tamén entre as 100 con menos estranxeiros, tanto vilas como A Estrada, Carballo, Narón e Cangas, como as cidades como Ferrol, Pontevedra e Vigo. Tan só Arteixo, Lugo, Ourense e A Coruña superan o 6% e Lalín figura como a vila galega con máis poboación de orixe estranxeira, co 8%.
No conxunto do Estado español hai 70 Áreas Urbanas Funcionais e son sete en Galicia: Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo
O INE ofrece tamén información sobre as denominadas Áreas Urbanas Funcionais (AUF), unha categoría empregada a nivel europeo consistente nunha cidade e os concellos que forman a súa contorna funcional, definida concretamente a través da influencia laboral. Un municipio pertence á AUF dunha cidade se o 15% ou máis da súa poboación ocupada se despraza a esa cidade por motivos de traballo. No conxunto do Estado español hai 70 Áreas Urbanas Funcionais e son sete en Galicia: Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo.
A AUF de Vigo é a máis poboada, con 545 mil habitantes, seguida da da Coruña, con 423 mil. A de Santiago supera os 203 mil habitantes. A cuarta AUF galega é a de Ourense (148 mil) e a quinta a de Ferrol (145 mil). A AUF de Pontevedra ten 141 mil habitantes e a sétima é a de Lugo, con 119 mil