Os concellos galegos con máis de 20.000 habitantes son apenas unha vintena. No ano 2021 eran, concretamente, un total de 23, segundo os datos dos padróns municipais para ese ano. Neles vive máis da metade da poboación de Galicia, algo máis de 1,44 millóns de persoas.
Malia ao retroceso xeral, Ames segue sendo o concello demograficamente máis dinámico do país
Estes municipios son os incluídos polo INE na súa análise de indicadores urbanos segundo o modelo do proxecto europeo Urban Audit, que dende finais dos anos 90 do século pasado analiza diversos indicadores sobre a vida nas cidades do continente. Unha das variables sobre as que pon o foco é a demográfica e a súa última actualización, publicada esta semana con datos de 2021, amosa como nesa Galicia máis urbana xa só figa un concello, o de Ames, con máis dun 15% da súa poboación menor de 14 anos.
Unha ollada á última media década destes indicadores reflicte como Ames segue sendo o concello máis mozo e, en xeral, demograficamente máis dinámico do país. Así e todo, a poboación infantil e adolescente tamén perde peso relativo nese municipio lindeiro con Santiago. No ano 2017 algo máis do 18% da súa veciñanza tiña entre cero e 14 anos e agora son 1,76 puntos menos. O retroceso rexístrase en todos os concellos con máis de 20.000 habitantes, sen excepcións e, dentro deles, a cidade con menor porcentaxe de poboación con 14 ou menos anos é a de Ferrol, con apenas un de cada dez habitantes nesta franxa de idade.
Ferrol é o concello urbano con maior porcentaxe da súa veciñanza de 65 ou máis anos
A orde destes concellos inverte ao observamos o peso da veciñanza de 65 ou máis anos de idade. En Ames hai algo menos dun 13% de habitantes nesta franxa de idade, algo máis dun punto e medio por riba do que rexistraba cinco anos antes. Mentres, Ferrol é o concello urbano onde as persoas de máis idade pesan máis sobre o total do padrón: xa son máis dun 28% do total. Dentro destes concellos máis poboados, en só media ducia (Ames, Arteixo, O Porriño, Culleredo, Cambre e Ponteareas) se rexistra menos dun 20% do total de poboación con 65 ou máis anos.
Aínda que o peso relativo da poboación maior de 65 anos é dispar nestes concellos da Galicia máis urbana, en todos eles se dá o fenómeno contrario ao que rexistra a infancia e a adolescencia. Unha ollada aos últimos cinco anos reflicte como nos vinte e tres a porcentaxe de poboación de maior idade está a aumentar.