Sofía e Mateo son cada vez menos: os datos de 2020 e o avance de 2021 apuntan a outro mínimo de nacementos en Galicia

Escola infantil na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Xunta

Nos últimos anos vén sendo habitual que, cadrando coa publicación dos principais datos demográficos por parte do IGE, a Xunta opte por poñer o foco noutra información que a oficina estatística dependente do Goberno galego publica ao mesmo tempo: os nomes máis frecuentes dos bebés que nacen en Galicia. É a parte máis amable e menos conflitiva dunhas cifras que, agás na breve paréntese de principios de século, sempre conflúen no mesmo diagnóstico: o devalo demográfico de Galicia, nos últimos anos só levemente amortecido pola chegada de poboación inmigrante.

Esta circunstancia, así e todo, reflíctese tamén nesa cara amable dos datos. Hai apenas dúas décadas, no remate do século XX, os nomes máis frecuentes dos bebés que naceran en Galicia eran María e Pablo. Eran os máis populares porque foran elixidos polos pais e nais en máis de 400 ocasións. Naquel ano 200 o décimo nome máis elixido para nenas era Nerea e para nenos, Miguel, elixido nunhas 200 familias en cada caso.

Esta semana, o IGE fixo públicos os datos definitivos de 2020. Como en 2019, os nomes máis populares foron Sofía e Mateo. O nome máis elixido para nenos repetiuse en apenas 279 ocasións e Sofía e o máis popular para nenas malia ser o que lle puxeron a apenas 216 bebés. Os décimos máis populares son Vera e Brais, con apenas un cento de casos.

Este elocuente fenómeno é o reflexo dun saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) que non deixa de empeorar. Todo semella indicar que, durante o ano 2020, a pandemia non fixo máis que afondar  unha tendencia que viña de lonxe. Na liña do que avanzara o INE, os datos definitivos do ano pasado reflicten que en Galicia morreron 17.559 persoas máis das que naceron, que foron apenas 15.263, o mínimo histórico dende que hai datos comparables.

Nesta última actualización, o IGE avanzou tamén os datos provisionais de nacementos para o primeiro trimestre de 2021. Unha ollada ao último cuarto de século apunta a outro mínimo: entre xaneiro e marzo deste ano Galicia rexistrou apenas 3.380 nacementos. No primeiro trimestre de 2020, xusto antes da pandemia, foran case medio milleiro máis. O punto máis alto desta última serie de vinte e cinco anos está en 2009, con máis de 5.400 nacementos nos primeiros tres meses daquel ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.