Son pouco máis dunha quincena de concellos, todos eles no eixo atlántico ou na súa contorna de influencia. Suman practicamente unha quinta parte da poboación galega e reivindícanse como baluarte fronte á crise demográfica que padece o conxunto de Galicia. Non son tratados como cidades, pero tampouco como vilas rurais, e quedan "nunha terra de ninguén" que queren abandonar.
Baixo estas premisas, os alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos de entre 20.000 e 40.000 habitantes (Arteixo, Cambre, Cangas, Carballo, Culleredo, A Estrada, Lalín, Marín, Narón, Oleiros, Ponteareas, Porriño, Redondela, Ribeira e Vilagarcía) reuníronse este 17 de novembro en Ames nun encontro encabezado polo alcalde do concello lindeiro con Santiago, Blas García, e mais polo rexedor vilagarcián e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela. Trátase, explican, de "reivindicar conxuntamente o noso papel estratéxico" para pelexaren por un mellor financiamento.
Explica a Fegamp que, segundo os seus cálculos, "este concellos son o grupo con maior déficit de financiamento en termos per cápita", cunha media que cifran en 127 euros por habitante. Trátase, explican, de municipios que son "periféricos ás cidades ou cabeceiras de comarca", e que malia "experimentaren globalmente o maior aumento de poboación" no que vai de século (un 20%, destacan) e gañaren veciñanza moza, vense orzamentariamente prexudicados. Cómpre, reclaman, a fin da "discriminación" orzamentaria.
Os concellos de entre 20.000 e 40.000 habitantes únense para subliñar a "necesidade absoluta" dun mellor financiamento e sinalar a "urxencia de acadar cambios na xestión dos fondos europeos de reconstrución
Os representantes destes gobernos municipais, de cores políticas diversas -do PSdeG, como García e Varela, mais tamén do BNG e do PP e mais de formacións independentes ou locais- din coincidir na necesidade de reivindicaren ante a Xunta e o Goberno de España "un mellor encaixe económico e competencial, acorde co peso sociodemográfico". A necesidade de "cambiar o financiamento xeral é absoluta", sinalan, se ben consideran que o máis "urxente" é "acadar cambios na xestión dos fondos europeos para a reconstrución" tras a COVID.
Esta primeira xuntanza concrétase no compromiso de redactar un documento no seo da Fegamp no que estes 16 concellos plasmarán as súas "singularidades" e "peticións concretas" para as Administracións provinciais, galega e estatal. Ademais, a Fegamp activará "un grupo de traballo específico para defender as necesidades destes concellos".
A Coruña e Vigo tamén reclaman maior participación nos fondos da UE
O encontro e alcaldes e alcaldesas de vilas medias celebrouse na mesma xornada en que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantiveron unha xuntanza institucional na casa consistorial viguesa que tivo tamén entre as súas conclusións unha reclamación de maior financiamento. E tamén a petición de "maior autonomía financeira", a comezar pola xestión dos fondos da UE.
"Non valen accións que saquen do medio ás cidades; a Xunta aínda non sacou unha soa convocatoria de fondos europeos"
Neste sentido Caballero, tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), asegura contar co "compromiso do Ministerio de Facenda" de abordar a reforma pendente do financiamento local. Rey e Caballero diríxense tamén á Xunta, xa que "non valen accións que saquen do medio ás cidades" e a día de hoxe, exemplifican, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo "aínda non sacou unha soa convocatoria de fondos europeos". Neste sentido, o alcalde vigués subliña que "o Goberno de España proporciona fondos para as nosas cidades por valor duns 80 millóns; da Xunta recibimos 5 millóns".