As deputacións gobernadas por PSdeG e BNG advirten á Xunta que xa axudan á hostalería malia non teren "recursos nin competencias"

Un traballador da hostalería limpa unha mesa en Compostela CC-BY-SA Xunta

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra responderon á proposta da Xunta desta mesma semana, na que pediu aos organismos provinciais e aos concellos dividir a conta das axudas á hostalería polas novas restricións por mor da pandemia

Piden "maior apoio" da Xunta e lembran que as administraicóns locais levan case un ano axudando "sen ter competencias nin recursos"

As tres institucións provinciais, gobernadas por PSdeG e BNG,¡ esixiron ao Goberno galego "un maior apoio aos sectores máis afectados", coma a hostalaría e o comercio local, "tras case un ano no que as administracións locais levan facendo un esforzo importante neste eido, malia careceren de recursos e competencias".

Encontro telemático dos presidentes das deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña © Deputación de Pontevedra

Así, nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres deputacións --todos do PSdeG--, Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva, advertiron que todas as deputacións e a maioría de concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar ao sectores produtivos mais afectados pola pandemia "a pesar de tratarse dunha competencia autonómica". 

"O mundo municipal demostrou unha vez máis ser o máis achegado á cidadanía, dando unha resposta moito antes que a Xunta, que chega un ano tarde"

"O mundo municipal demostrou unha vez máis ser o máis achegado á cidadanía, dando unha resposta moito antes que a Xunta, que chega un ano tarde", aseguran as deputacións logo de que Feijóo presumise de que Galicia, segundo as súas palabras, "é a comunidade autónoma que máis está apoiar o sector da hostalería a través de axudas directas". Hai tan só dous meses, eran os concellos das principais vilas e cidades galegas os que recriminaban a tardanza da Xunta en aplicar axudas directas ao sector da hostalería mentres a inmensa maioría das administracións locais xa impulsaran plans de rescate. 

Agora, as deputacións lémbranlle a Feijóo que as axudas municipais e provinciais a sectores coma a hostalaría ou o pequeno comercio "fixéronse con recursos propios, sen o apoio económico da Xunta, a pesar de tratarse dunha competencia autonómica e de que a Administración galega recibiu máis de 200 millóns de euros do Goberno de España para pór en marcha programas destas características".  

As tres deputacións reclaman a Feijóo que elimine ou bonifique, tal e como pide o sector, os canon de lixo, auga e electricidade e o tramo autonómico do IRPF

Así, reclaman á Xunta que incremente o seu apoio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga a estes sectores coma a o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico de IRPF.  "As entidades locais fixeron un importante esforzo bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados", lembran.  

Alén disto, recriminan tamén "a falta de respecto e deslealdade institucional" da Xunta por dar a coñecer ese pretendido fondo de cooperación a tres bandas, con deputacións e concellos, "sen pactalo previamente coas entidades locais, que xa teñen en marcha os seus propios plans". "A cogobernanza que Feijoo pide ao Goberno de España non a aplica en Galicia", aseguran. 

Ana Pontón, durante a reunión coa reunión coa dirección da Asociación de Hostalería de Santiago CC-BY-NC-SA BNG

"A Xunta debe asumir as súas competencias. Ten recursos para facelo e a colaboración do Goberno de España, que transferiu millóns de euros"

"A Xunta debe asumir as súas competencias. Ten recursos para facelo e a colaboración do Goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica", conclúen. 

A Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) tampouco aforrou críticas, chamando a xunta a "colaborar na busca de solucións para o sector" e advertindo de que "Non tiña notica ningunha do fondo anunciado polo Goberno galego". "Descoñecemos o motivo polo que a Administración autonómica divulga un plan que implica a administración local antes da súa negociación e deseño", di a entidade, que recoñece o seu "desconcerto" pola actitude do Executivo de Feijóo. 

A Fegamp critica a Xunta por divulgar un plan "sen negocialo nin deseñalo" e asume o seu "desconcerto" coa actitude do Goberno de Feijóo

Desde algunhas cidade, como Lugo, a súa alcaldesa Lara Méndez lamentou que a Xunta decidise unilateralmente a creación dese fondo de cooperación “cando nunca respondeu ás continuas peticións das grandes cidades para sentarnos a debater sobre a rexeneración dos municipios”. Ademais, lembra que o Concello lucense xa consignou, en marzo, 5 millóns de euros cos que dotou ao Plan Reanima, "o primeiro programa de axudas directas locais de toda España", e estima en 12,5 millóns o 50% que lle corresponde achegar ao Goberno autonómico en Lugo para a recuperación do tecido económico. 

Pola súa banda, desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo un plan de rescate do sector da hostalería “á alemá”, con axudas que compensen até o 70% das perdas. Ademais, dixo apoiar todas as medidas que se estimen necesarias contra o virus, pero denuncia un peche encuberto. “E se pechas un sector, tes que axudalo”, reclamou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.