Os Centros de Información á Muller (CIM) son un servizo municipal que ofrece asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral ou información en materia de recursos e igualdade de oportunidades dirixida ás mulleres e, de forma prioritario, ás vítimas de violencia de xénero. Neste momento existen en Galicia 82 CIM, cunha actividade moi intensa nas localidades nas que operan.
Neste momento existen en Galicia 82 CIM, cunha actividade moi intensa nas localidades nas que operan: o pasado ano deron servizo a ao redor de 17.000 mulleres
A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) publicou este martes o primeiro estudo sobre estes centros, a súa actividade e necesidades, froito da iniciativa de Asocim, entidades que agrupa ás profesionais dos CIM, que levaban tempo reclamando a realización dun informe ou análise global sobre o sistema de asistencia á muller prestado polos concellos galegos.
O estudo constata a importante actividade que desenvolven estes centros, que o pasado ano deron servizo a ao redor de 17.000 mulleres en Galicia. Os 82 centros localízanse principalmente nas provincias da Coruña (29) e Pontevedra (27), fronte aos 15 de Ourense e 11 de Lugo, aínda que son estas dúas últimas provincias as que contan con máis CIM por habitante.
O estudo detectou cinco comarcas nas que a súa poboación non se ve atendida por ningún CIM: A Paradanta, Meira, Os Ancares, A Fonsagrada e Terra de Caldelas
Unha parte moi importante dos CIM prestan servizo tamén a mulleres dos concellos da contorna (dous de cada tres dos centros que responderon á enquisa da Fegamp), o que axuda a que a súa cobertura se estenda máis aló das 82 localidades que acollen as súas instalacións. Porén, o estudo detectou un total de cinco comarcas nas que a súa poboación non se ve atendida por ningún Centro de Información á Muller: A Paradanta, Meira, Os Ancares, A Fonsagrada e Terra de Caldelas.
O de Vigo foi o CIM que máis usuarias atendeu no ano 2020 (1060 mulleres), seguido do centro de A Coruña (750 usuarias). No extremo contrario está o CIM de Quiroga (Lugo), con 50 mulleres atendidas o ano pasado. A media de usuarias estaría en 195 mulleres por CIM.
A Fegamp reclama "unha estratexia que estableza criterios de ubicación e prestación servizos tendo en conta factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográficas"
A Fegamp subiña que que "sería desexable na medida do posible que todas as mulleres teñan garantido o acceso a un CIM". Porén, o estudo destaca que "o establecemento ou apertura dun CIM non responde a criterios de distribución estratéxica en función da demanda ou da poboación, senón que depende da vontade e capacidade dos concellos". Neste senso, a Fegamp reclama "unha estratexia que estableza criterios de ubicación e prestación servizos tendo en conta factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográficas".
A medida que a demanda, as necesidades e os servizos prestados aumentan, os concellos vense obrigados a facer un importante esforzo orzamentario
A forma de financiamento dos CIMs varía considerablemente en función do tamaño do municipio: mentres que nos centros máis pequenos o orzamento depende máis das subvencións, a medida que a demanda, as necesidades e os servizos prestados aumentan, os concellos vense obrigados a facer un importante esforzo orzamentario. Así, os concellos achegan o 79% do financiamento nos CIM con orzamentos entre 50.000 e 100.000 euros e un 86% nos centros por riba desa cantidade.
Isto é así, en parte, porque na actualidade a transferencia que realiza a Xunta dos fondos da Unión Europea ten unha limitación de 45.000 euros máximo, tanto para o CIM con máis usuarias, como para centros que atenden a moitas menos mulleres. A Fegamp solicita neste senso "adecuar o sistema de financiamento ás necesidades e prestacións reais dos CIM".
Unha das demandas recorrentes nestes centros é a carencia de fondos para a realización de actividades e programas
En canto á distribución do orzamento, a maior partida (80%) destínase aos gastos de persoal, un 15% invístese nos gastos de funcionamento e un 5% dedícase a actividades de programas para combater o maltrato e fomentar a igualdade. Cómpre salientar que moitos CIM comparten instalacións e recursos con outros servizos municipais, polo que os gastos mensuais son comúns e non se poden desagregar para computalos no orzamento total do CIM. En calquera caso, unha das demandas recorrentes nestes centros é a carencia de fondos para a realización de actividades e programas.
No que atinxe ao persoal, un 47% funciona co cadro mínimo de persoal legalmente requirido, isto é, avogada/o e psicóloga/o. Un 48% das unidades conta ademais con outros perfís profesionais como traballador social, orientador, técnico de igualdade e por último, tan só un 5% dos CIMs contan coa axuda dun ou dunha técnica administrativa para aliviar as tarefas de recepción ou burocracia.
A Fegamp urxe "unha reforma lexislativa que fixe ratios de profesionais en función da poboación/demanda recibida para ofrecer unha asistencia de calidade"
A Fegamp urxe neste senso "unha reforma lexislativa que fixe, cando menos, ratios de profesionais en función da poboación/demanda recibida para ofrecer unha asistencia de calidade". E recomenda "dispoñer de persoal cun perfil dinamizador e administrativo para descargar ao persoal xurídico e psicolóxico de xeito que poidan centrarse exclusivamente na atención especializada" e así "dar cumprimento ás funcións encomendadas a estes centros, prestar un servizo de calidade e avanzar na igualdade".