Atrancos a vítimas de violencia machista e no medio ambiente, entre as principais críticas do Defensor del Pueblo á Xunta

Informe de 2019 do Defensor del Pueblo con diversas queixas sobre a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O informe de 2019, presentado agora no Congreso, reflicte diversas queixas sobre atrasos e descoordinación nas axudas a vítimas en Galicia, cuestión na que tamén vén de poñer o foco a Valedora do Pobo durante a actual crise do coronavirus

O Defensor del Pueblo presentou este mércores no Congreso dos Deputados o seu informe anual de 2019. Malia que a maior parte das queixas que formula a cidadanía galega fronte ás administracións públicas tramítanse a través do Valedor do Pobo (como comparación, en 2018, último ano con informe presentado, a institución galega tramitou 20.807 reclamacións, fronte ás 20.215 do Defensor en todo o Estado), o informe da institución estatal tamén reflicte numerosas eivas no país, fundamentalmente en competencias da Xunta como os servizos sociais ou a protección ambiental.

O informe recolle diversas queixas sobre obstáculos e atrasos nas axudas a vítimas de violencia de xénero en Galicia, cuestión na que tamén vén de poñer o foco a Valedora do Pobo durante a actual crise do coronavirus. O Defensor pon en evidencia a falta de coordinación entre administracións e apunta por exemplo ao caso dunha muller á que os servizos de emprego dificultaron as vantaxes previstas para o seu caso porque a protección de datos impedía certificar que era tal vítima. Noutro caso o Defensor constata a falta de persoal de orientación laboral nos centros de información á muller porque a normativa galega non o prevé, o que fai que as interesadas non poidan contar con ese asesoramento ou teñan que agardar moito tempo para obter citas cos traballadores sociais que tramitan axudas, o que dificulta o acceso ás mesmas.

Imaxe de arquivo dunha manifestación contra a violencia de xénero CC-BY-SA Galiza Contrainfo

O Defensor alerta da "preocupante situación dos xulgados do social da Coruña" e de "demoras de ata dous anos" na valoración da Dependencia en Pontevedra

En materia social o Defensor alerta da “preocupante situación dos xulgados do social da Coruña” pola sobrecarga de casos e falta de unidades para axilizalos, ao igual que se salienta, a respecto dos atrasos na valoración da Dependencia, que “pese ao incremento de medios nos equipos de valoración e orientación, dos que informaba a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia en 2018, en 2019 constatouse a existencia de demoras de ata dous anos na provincia de Pontevedra, polo que o Defensor del Pueblo formulou un recordatorio do deber legal de resolver en prazo”.

O valedor estatal pide á Xunta un plan de actividades extractivas que ordene o sector mineiro e non acepta a resposta do Goberno galego de que xa a está traballar nel sen prazos

En materia ambiental o Defensor del Pueblo faise eco de queixas relacionadas con actividades mineiras, en particular polo xa cancelado proxecto da mina de Touro, que investigou, e recomenda á Xunta que impulse un plan de actividades extractivas, previsto na lei desde 2008, que ordene o sector. Segundo o Defensor, a Xunta respondeulle que o aprobará, pero condicionado á tramitación previa das directrices da paisaxe. O valedor estatal non considera esa resposta suficiente e lémbralle ao Goberno galego que iso “non impide que ambos instrumentos se elaboren simultaneamente” e salienta que non se lle informa nin do estado de tramitación de cada documento nin dos prazos previstos.

Protesta contra a mina de Touro CC-BY-SA Praza Pública

"Non pode dicirse que estea actuando con suficiente decisión para corrixir a contaminación", di o Defensor sobre o que está a facer a Xunta coa contaminación por lindano no Porriño detectada "cando menos en 1992"

Tamén ten reproches o Defensor para a Consellería de Medio Ambiente, da que di que “non subministrou unha resposta concluínte a todas as cuestións formuladas por esta institución” sobre a contaminación por lindano no Porriño, nin informa das actuacións acometidas nin dos prazos de recuperación. O Defensor salienta que “a Administración detectou a presenza de lindano cando menos en 1992 e o problema aínda non se resolveu. Por tanto, aínda que a solución non estea exenta de dificultades técnicas, non pode dicirse que estea actuando con suficiente decisión para corrixir a contaminación”.

A institución tamén reflicte os obstáculos da Xunta para facilitar información ambiental sobre os problemas de bacterias no embalse de Caldas de Reis e salienta o deber da administración de protexer os cabalos salvaxes dos montes galegos a raíz dunha queixa pola morte violenta de varios nun monte de Oia.

As consellerías de Política Social e Medio Rural tiveron que ser requiridas en varias ocasións para que atendesen as peticións do Defensor

Noutras áreas de actividade, o informe tamén salienta que a Xunta non preveu dentro das súas axudas para renovación de vehículos que estas puidesen chegar tamén aos usuarios de leasing, renting ou outro tipo de arrendamento financeiro, algo que segundo di o Goberno galego se comprometeu a corrixir. O informe anual do Defensor tamén fai referencia a diversas queixas por falta de textos en idiomas cooficiais como o galego en diversos trámites ou páxinas web da administración estatal.

O informe tamén reflicte como sobre tres asuntos distintos a Consellería de Política Social e noutro caso a de Medio Rural tiveron que recibir do Defensor del Pueblo ata tres requirimentos espaciados no tempo para que lle desen resposta ás súas peticións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.